jueves, 30 de abril de 2009

"Terrorismo en Mátrix"

En Mátrix andan aterrorizados os millóns e millóns de persoas que nela viven; anda solto un virus mutante que ameaza a todos, grandes e pequenos, brancos e negros, homes e mulleres, ricos e pobres -sobre todo pobres. Os cidadáns e as cidadás miran ás autoridades á procura da salvación, amoréanse ás portas dos hospitais agardando polo milagroso medicamento, boca e nariz tapada por mascariñas azuis e brancas. Calqueira pode ser portador, así que as medidas de precaución son máximas ante a posibilidade dun contaxio: nin bicos, nin apertas están permitidos. Controis térmicos son colocados nos aeroportos para localizar a aqueles que teñen febre e quen ten a desgraza de disparar a alarma é conducido irremediablemente ao hospital de referencia, para ser illado e convintemente medicado. Os ministros de sanidade comparecen ante os medios de comunicación para dar as últimas cifras de enfermos e susceptíbeis de estalo, que amuentan por momentos. Os países ricos féchanlles as fronteiras aos países pobres, culpables seguros da mutación do virus. Milleiros de asistentas mexicanas son despedidas dos seus traballos, só por precaución. Os presidentes das nacións pídenlle á poboación que permaneza nas súas casas, asegurando que é o lugar máis seguro. As universidades, os restaurantes, as igrexas, as tendas e os edificios de oficinas permanecen clausurados. En internet pódese seguir a evolución dos enfermos a traveso das redes sociais . As farmacias esgotan os antivirais, as mascariñas...
É a PANDEMIA VÍRICA DA NOVA GRIPE!!!!
A HISTERIA estende a peor das pragas: o TERROR.
As compañías farmacéuticas teñen gañancias millonarias en poucos días, recuperándose dunha longa e mantida crise que as estaba a pór nunha situación crítica. O MEDICO é o único que ten os coñecementos que farán desaparecer o virus. Os cidadáns e cidadás de todo o mundo saben que a única salvación está no ESTADO, na ESTRUCTURA, no GOBERNO, e actúan con máis disciplina ca nunca, observando absolutamente todas as recomendacións das autoridades. Os MEDIOS DE COMUNICACION son a única fonte de coñecemento e a medida do que pasa na realidade e son seguidos masivamente, recuperando unha popularidade que fora perdéndose lentamente nos últimos tempos. Súbitamente, a grande CRISE ECONOMICA, a maior dende moitos anos atrás, deixa de ser importante, xa que, que é unha crise económica comparada coa posibilidade mesma da extinción a mans dun virus descoñecido e potencialmente perigosísimo?
Por fin alguén en Mátrix deu coa fórmula maxistral: a que por fin fará axeonllar a todos os seus habitantes ao tempo que fará aos seus propietarios máis ricos cá nunca. Parabéns para eles porque por fin conqueriron o que querían: ATERRORIZARNOS!

miércoles, 29 de abril de 2009

"SÓS"


- Ola!

- Ola. Que tal ?

- Todo ben, e ti que tal?

- Ben, moi ben.

- Estás a comer? Parece que teñas a boca chea de comida.

- Estou, si.

- Sabes que te quero, non si?

- Ah claro! Sei tal, anque hoxe non mo pareza dado o estrano ton da túa chamada.

(silenzo)
- É que cando estás borde, estás borde.

(Óense unha gargallada feminina de fondo)

- Ah si? Estou borde? Pois nada, ata logo, adeus.

- Adeus, chámote logo.
- Fai o que queiras.

O teléfono ficou mudo enriba da mesa, a chamada aínda activa e unha voz ao outro lado preguntando insistentemente Estás aí?, Estás aí? Logo fíxose o sinlenzo.O aparello de teléfono aínda seguíu xirando un pouco máis, ata ficar inerte.
Na súa cabeza os fluídos mesturáronse violentamente, nunha reacción química que desembocou en ollos brillantes e lacrimosos. Cada unha das súas paisaxes de desamor viñeron a se superpórpara formar unha única e nídia imaxe, perfectamente imputábel a calqueira outra persoa, lugar e tempo, xa que nada orixinal acababa de producirse .

O facto de nacermos sós, de vivir sós e de morrer sós é tanto máis evidente canto maior é o noso desarroupamento emocional. Realidades de por sí absolutamente esmagadoras para o entendemento, agochámolas baixo outras fórmulas de ser e estar como é rodearse de familia, amigos, parellas, compañeiros, etc. O caso xa non é non estar só, senón conquerir que o barullo de toda esa xente nos impida pensar. E, concretamente, pensar na morte, á que nos enfrontaremos, tamén sós.

Por iso, no caso do protagonista do relato que abre esta entrada, produciuse unha desas singularidades espacio-temporais polas que é posíbel olhar directamente á esencia mesma da vida. Deuse conta de que a vida é outorgada individualmente e que é cada indivíduo quen ten que xestionar por sí propio aqueles sentimentos e sensacións que xorden no seu interior en función das relacións cas demais persoas (diría máis, cos demais seres vivos, xa que igual que unha parella que non te trata co debido respecto ou delicadeza, mesmo unha planta pode desencadear sensacións de frustración, soidade e tristeza ao ver que murcha en troques de estar brizosa e chea de vida) .

Sendo isto así, tampouco é estrano que, a consecuencia da breve conversa telefónica, o noso protagonista decidise, logo de ler este texto do meu blogue e descubrir que o que lle estaba a pasar non era nada anormal senón totalmente natural, pór fin a aquela relación de dependencia emocional na que calqueira movemento da outra parte tiña un efecto inmediato, e ás veces inmediatamente devastador na vida de quen desta parte do teléfono se situaba, cal se do efecto mariposa se tratase.
Enfrontándose á inmensidade do espazo e do tempo e ao baleiro terríbel que xa sentía na alma, recolleu todo canto pensou que lle ía facer falta nos días vindeiros, fechou a porta da casa con chave e marchou para nunca máis voltar. Se o chego a saber, nunca houbera escrito este texto, tal é o meu sentimento de culpabilidade.

Á procura da verdadeira liberdade é que marchou, deixando tras de sí simplemente o oco da súa presenza e ningunha proba da súa permanenza naquel lugar que fora o fogar familiar e que agora só era o baleiro.
MORALEXA: A soidade é a nosa única e verdadeiramente fiable compañeira. Descubrir esta realidade farate sentir só, e entón estarás acompañado... de ti mesmo.

martes, 28 de abril de 2009

"Ensaio sobre a Cegueira e a gripe suína"




Non me gusta mesturar estas tres imaxes na mesma entrada, mais non podo falar do libro de Saramago que estou a ler sen facer referencia á gripe porcina ou, como se chama en portugués, "suína" . Cando lin hoxe pola mañá no Jornal de Notícias a denominación que aquí se lle dá ao brote epidémico, pensei inmediatamente na palabra do inglés "swine", que literalmente significa "porcino, referente aos porcos", e pensei "que seguidistas son estos portugueses!, sempre coa atención virada para o mundo anglosaxón, tamén nos préstamos lingüísticos!", mais a miña ignorancia non me deixaba ver que os porcos domésticos (sus scrofa) pertencen ao xénero dos suinos ou suiformes, co cal portugués e inglés utilizan a palabra culta, derivada do Latín, mentras o galego ou castelán optaron por unha palabra máis... popular, por así dicir. Vaian entón por diante as miñas desculpas á lingua portuguesa, que, outras veces me sorprende con algunha curiosa e insospeitada adaptación do inglés.

O caso é que agora tocoulles ós porcos; xa foron as aves ( en inglés "poultry") e as vacas ("cattle") as especies malditas por lle contaxiar enfermidades mortais ao ser humano. Levo todo o día sentíndome mal, con temblores, malestar e dor de cabeza, pegada ao aparello de radio e á televisión, para seguir minuto a minuto as novas sobre os afectados de aquí e alí...

Como non estarán os que estiveron en México recentemente!!! E é que polo visto estivo alí todo o mundo menos eu!!! Vexo nos medios que cada día son centos os que van e veñen a México dende aquí e penso na sorte que teñen algúns de poder viaxar tanto, anque a continuación alédome de vivir nun lugar máis ben illado e de viaxar máis ben pouco ou mesmo nada nos últimos tempos, de maneira que se ese virus porcuno se quer instalar nas miñas vías respiratorias terá que vir polos seus propios medios...

O caso é que un non sabe como debería reaccionar ante noticias coma esta, xa que é imposible saber con certeza que é verdade e que é mentira nun mundo tan globalizado, dominados os medios de información polos poderes político e económico.

Casualmente estou a ler unha historia marabillosamente relatada polo meu admirado Saramago, Ensaio sobre a Cegueira, na que se relata como unha epidemia de cegueira se vai estendendo entre os habitantes dunha cidade. Nin os personaxes do "romance" ( en portugués, é novela) nin o lugar no que acontecen os feitos teñen nomes, e é a traveso da minuciosa descrición que identificamos cada un deles. A puntuación, ou mellor dito, a súa ausencia -ou case-, son características da prosa de Saramago: ausencia de marcas de diálogo convencionais, e en xeral, ausencia dos signos de puntuación máis usuais. Isto, que nun premio nóbel de literatura é destacábel e loábel polo que supón de renovación, nos meus alumnos e alumnas é obxecto de recriminacións diarias pola miña parte... que relativo é todo, por deus!
Por certo... alguén se está a ocupar do noso senlleiro Xabarín? Será susceptíbel de contaxio do temido virus?

miércoles, 22 de abril de 2009

A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick, de Manuel Rivas



Dicía verdade, mais o que eu botei de menos no comunicado laudatorio en que se informaba da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro foi unha referencia á mesa. Á célebre mesa. A esa mesiña de braseiro, circular, coñecida urbi et orbe como A mesa camilla de don Ramón. Non sabemos se todo un monte, o de Gaiás, parirá un rato ou un mamífero cultural, mais a mesa, aquela sinxela mesa de madeira de piñeiro de Piñeiro, foi o epicentro, o punto xeodésico, a lanzadeira dun renacemento na escuridade.
O valor da mesa de Piñeiro non vén derivado da orixinalidade como obxecto artístico ou de deseño. É unha mesa senti-pensante con braseiro épico. O moble da saudade de futuro de pretérito. Velaí un noso lugar no mobiliario universal da vangarda. Están a cadeira de Wassily (a peza emblemática da Bauhaus, en 1926), o sofá LC2 de Le Corbusier, a mesa escritorio de Marcel Breuer, a cadeira Qué Alta está a Lúa de Shiro Kuramata... Hai mobiliario, hoxe imprescindíbel, que naceu como artística provocación. Eis o urinario de Marcel Duchamp. E nese mesmo ronsel de provocación artística, a xenial Cama desfeita de Trency Emin. Pois aí, nese museo dos obxectos con áurea, con vida de seu, aí entra A Nosa Mesa, a mesa senti-pensante de Piñeiro.
Falar de Ramón Piñeiro sen a súa mesa é como falar do rei Artur sen a Táboa Redonda ou de Michel Eyquem sen o seu castelo de Montaigne. Merece unha mención, unha lembranza, unha instalación. Jacques Derrida subliñou a importancia dos detalles limiares nos libros. A cuberta, as gardas, as páxinas de cortesía... Todo iso é esencial no libro. Pois a mesa era o grande detalle limiar de Piñeiro. Sentar na mesa con don Ramón era tamén pola súa parte unha páxina de cortesía. Mais quen sentaba sabía que co agasallo estaba a ser sometido a unha proba de navegación. A unha viaxe iniciática.
Xuro que a primeira vez que sentei en Xelmírez 15, aló na primeira mocidade, sentín o arrinque das turbinas e o despegue da mesa. Non dixen nada. Chovía en Santiago. O caso era dar unha volta, aínda que fora pola eternidade. Deixeime ir porque don Ramón era un piloto que transmitía confianza. Tiña uns ollos de aviador, de ave noitébrega. Absolutamente hipnóticos. E o continuo acenar dos brazos, das mans diante da túa ollada! Había quen dicía que era linguaxe xestual, mais eu coido que o que facía Piñeiro era mover as pancas da mesa e premer os mandos da cabina espacial da nave Xelmírez 15 propulsada pola mesa helicoidal de braseiro.
Unha volta na mesa camilla
Lembro moi ben o lixeiro abaneo, o mareo que tiña cando baixei os chanzos de Xelmírez 15, cando xa anoitecera. Mirei dende abaixo, dende a rúa mollada. Alí estaba el, na galería, cun aceno de adeus, os ollos como focos furando na noite. Era así, non é conto. Non sei se pasei a proba ou non. Coido que el desistiu de examinarme, e que me aceptou como un ocasional copiloto preguntón. Volvín unhas cantas veces. Sempre que me apetecía dar unha volta polo espazo e o tempo. Había amigos que se estrañaban. "E ti que carallo vas falar con Piñeiro?". Eu non podía dicirlles a verdade. El nunca me adoutrinou. Eu ía onda Piñeiro para dar unha volta na mesa camilla!
Aquela mesa de suposto braseiro era, en realidade, unha supercomputadora na Compostela do "ventre do silencio". Por unha banda era o lugar do oráculo. E por outra, unha extraordinaria base de datos, con información esencial. Esa dobre característica fíxome ver a mesa de Piñeiro como unha variante galega e camuflada de HAL 9000, a computadora de Odisea no espazo, de Arthur C. Clarke, que levaría Stanley Kubrick ao cinema. De feito, Piñeiro tiña unha voz cuspidiña á de Douglas Rain, o acto que facía de HAL. Ou era ao revés?
Verbo da semellanza entre HAL e a MESA de Xelmírez 15 é moi significativo este pensar que don Ramón introduce en Filosofía da saudade, a súa obra máis senlleira: "Pódese dicir que o home galego vive individualmente inmerso na natureza; máis que sometido á presión do ambiente social, vive sometido á presión do ambiente cósmico". O ambiente cósmico! Hai que volver a coller o tintiman desta filosofía.
Anda moito en prensa a intelectualidade enfurruñada contra os "localismos" con lingua propia, sen ver a trabe no ollo propio. A miña opinión sobre o Manifesto castelanista está no refraneiro: "Galiña será, pero chéirame a can". Agora ben. Quen queira saber máis, que lea a Piñeiro. Non podemos perder o tempo con andrómenas, mentres estamos a vivir a presión do ambiente cósmico. Eu, dende agora, só falarei de cuestións lingüísticas con HAL 9000 ou coa mesa de Piñeiro.
O piñeirismo
Ramón Piñeiro mais de polas súas obras ensaísticas, en especial a devandita Filosofía da saudade, é coñecido polo piñeirismo. Non abundan os casos na intelectualidade galega de ter un prolongamento, doutrinal ou estético, que se expresara en ismo. Non hai, por exemplo, un currismo (Curros), nin un risquismo (Risco), nin un pedrayismo (Otero Pedrayo)... Hai, si, moitos estudosos e amadores destes autores, como hai rosalianas ou pondalianos. Tense falado moito da ascendencia sobre Piñeiro do doutor García-Sabell, tan brillante en todo, mágoa desa soidade final nun recanto do club Náutico coruñés. Mais non hai un garcía-sabelismo, e si hai un piñeirismo.
E que cousa o piñeirismo? Ese home en loita co "ambiente cósmico", que viaxaba no espazo-tempo, que fixo da mesa de braseiro unha supercomputadora, era tamén un paradigma de realismo. Piñeiro tiña dúas conexións, en realidade complementarias. O ollar cósmico e o principio de realidade. Nel habitaban o día, a noite e máis a aurora. Coñeceu a aurora na adolescencia e nun período moi breve, o da esperanza galeguista e republicana. Despois caeu a noite e coñeceu a clandestinidade nos anos máis crueis da ditadura. Foi, pois, un resistente, que acabou na cadea cando era sinónimo de morte. Ao saír do cárcere, talvez viviu o máis dramático dilema. Proseguir a resistencia política directa ou tentar resistir por medio do que chamou a tarefa cultural. Sempre ficará a dúbida de se foi atinada a decisión de aplicar a eutanasia ao Partido Galeguista, en doloroso enfrontamento cos exiliados.
O nome escollido para a operación cultural foi magnífico (Editorial Galaxia, outra vez o cósmico!) e o proxecto foi realizado co esforzo dun dos mellores equipos que tivo Galicia, nos que sobrevive polo menos un prometeo, Francisco Fernández del Riego.
O piñeirismo era unha ecuación simple: democracia + autonomía + europeísmo. E logo unha técnica, sobre todo unha técnica. O traballo coas elites. A sedución das elites. Hoxe toca pesar pan. Así que no balance positivo, dous intres históricos: O movemento contra o aldraxe da discriminación estatutaria e o acadar un consenso para a Lei de Normalización Lingüística, mesmo convencendo á dereita máis de a ceacú.
Don Ramón Piñeiro ter non tivo moitos medios. Viviu sempre de xeito humilde. O asombroso é que sempre tiña tempo. E sobre todo, tiña unha mesa cósmica