lunes, 29 de diciembre de 2008

"Sorpresa del Trigo", de Maruja Mallo



Que non daría eu por unha reproducción deste cadro que Maruja Mallo pintou no 1936!!! É un dos meus cadros favoritos, e non só pola súa beleza, senón polo seu significado. Sobre esto fala Maruja no video que vos adxunto aquí. Maruja era de Lugo, coma min, anque ela era da costa, de Viveiro, onde naceu no 1902. No 1922 atopámola en Madrid, onde entra en contacto cos artistas máis renovadores da época. É a época dos "ismos": dadaísmo, surrealismo, ultraísmo...

Relacionada con xente coma Buñuel, Lorca, Dalí, Alberti, Ortega y Gasset ou Miguel Hernández, dise dela que foi a súa musa para moitos dos seus traballos. En Miguel Hernández deixou unha fonda pegada, tanto no persoal como no literario ( en "El Rayo que no Cesa" hay unha serie de poemas inspirados en Maruja), ao igual que no caso de Rafael Alberti, con quen tivo unha apaixonadísima relación sentimental, que describe no seu libro de memorias "La Arboleda Perdida".

Este cadro, "Sorpresa del Trigo", foi o único que acompañou a Maruja ao exilio, tralo alzamento fascista do 36. Partindo dende Lisboa, onde fora acollida por Gabriela Mistral (que era a embaixadora chilena en Portugal), embarcou rumo a Arxentina, onde viviu ata o 1961, ano no que volveu nun barco que atracou en Valencia. Con ela volvía "Sorpresa del Trigo".

Maruja morre en Madrid no 1993, en soidade total, só visitada na residencia de anciáns "Menéndez Pidal" por un dos seus 13 irmáns, Emilio.

Maruja Mallo é un caso de artista non suficientemente recoñecida, non sei se por ser muller ou por ser galega. Foi unha transgresora das normas machistas do seu tempo, unha muller libre que así viviu sempre que puido. Unha magnífica pintora e un ser humano excepcional.

Sigo á procura dunha copia desta "Sorpresa del Trigo" para poder mirala cada día.






domingo, 28 de diciembre de 2008

" O pobo escollido: o pobo asasino"

Se Deus existise, fixo que non deixaba que o seu pobo elexido, o xudeu, masacrase ós veciños da maneira que o fai. Regos e regos de sangue bañan esta seca terra e nin o deus dos cristiáns nin o deus dos musulmáns fan nada. É unha proba irrefutable da inexistencia doutras vías que non sexan as estrictamente humanas para solucionar un conflicto orixinado pola ONU nos anos 40, en que decidiu crear o Estado de Israel onde nunca debeu ser criado.
Estes días de Nadal, Israel decidiu celebrar o nacemento do menino Xesús asasinando a centos de persoas inocentes e indefensas. Que ironía: as víctimas doutrora son os verdugos destes días.

sábado, 27 de diciembre de 2008

"Pseudoperiodismo e pensamento único"



Nesta noite fría e silenciosa , animada pola ilusoria idea de que se cadra botaban algo interesante na tele, algo do que puidese aprender, algo que alimentase o meu intelecto -ilusa que é unha-, acendín o citado aparello, que inxustificadamente preside a estancia, e din co programa cuxo nome aparece na fotografía. Trátase dun pretendido espazo de periodismo de investigación, que é pagado pola televisión pública, pois é emitido na primeira cadea de TVE. Imaxino que a Primeira viuse na necesidade de emular o "Callejeros" de Cuatro: ousados periodistas que se adentran nas chabolas da Cañada Real para conseguir o testimonio do ionqui de turno ou do camello que lle vende ao ionqui, ou o do cura comprometido na recollida de xeringas, etc.

Ben, pois atópome con Diego Carrión, "reporteiro" que cubre a zona da montaña lucense e leonesa, e que nesta ocasión visita o que segundo el son "os pobos máis illados e despoboados de España", na Serra dos Ancares leoneses. Un simpático compañeiro seu visita esta vez o pobo de Griegos, en Teruel, que parece ser o segundo pobo máis alto de España, a 1500 metros.

O fío condutor das dúas reportaxes é o frío do inverno, que nestas zonas fai que as persoas que alí viven queden illadas por estrada cando as nevaradas son grandes. Os dous periodistas percorren rúas e corredoiras dos lugares que visitan, amosándolle á cámara como conseguen superar as dificultades á hora de conducir o coche polas estradas conxeladas, ou mesmo á hora de andar pola rúa sen esvarar e caer. Visitan aos sorprendidos habitantes, que lles abren as portas das súas casas. Con preguntas pretendidamente inxenuas levan ao espectador a pensar que estas persoas, habitantes de lugares tan "remotos" e "orixinais" para vivir, son "frikis" modernos, que podendo vivir en Madrid, elixen vivir en tan peculiares localizacións. Preguntas do tipo "¿ Y cómo vive aquí una persona de 23 años?", ou "¿ Y no le gustaría más vivir en un pueblo más grande?", ou comentarios do tipo :"Hoy hace calor aquí eh!", cando o termómetro marca seis graos negativos, non son precisamente preguntas que nos axuden aos espectadores a comprender a realidade que se nos está a amosar por televisión.

Unha reportaxe que parte da base de que o normal, desexable e lóxico é vivir en Madrid, xa é un fraude en si mesmo. Amosar a realidade da despoboación do rural deste país, da falta dos medios e servizos máis básicos que desgraciadamente hai nestes lugares (e que son en sí mesmos precisamente parte da explicación de tal despoboamento), do baixo nivel de vida dos seus habitantes, dende unha óptica tan pouco seria, tan sensacionalista, é outro fraude. Tomarlles o pelo aos entrevistados e burlarse da súa situación, é un insulto, primeiramente a eles, e tamén a todos nós.

O pensamento único imponse a todos os niveis. Xa nin sequera se prantexa o debate campo-cidade para vivir. Trátase de averiguar que impulsa a unha persoa mentalmente sá a non vivir na cidade ou no seu caso, a non abandoar inmediatamente a súa casoupa de pedra con muros de medio metro e ir vivir a un piso das vivendas sociais das aforas da cidade X.

Introducir a idea do binomio modernidade-cidade nas mentes das persoas é unha manipulación e unha falsificación da realidade, a non ser que utilicemos o termo "modernidade" dende o punto de vista estrictamente cronolóxico . As cidades naceron como centros de intercambio, de negocio.

En fin, os que eliximos alonxarnos do bulicio, da suciedade, da insalubridade e do perigo que representan as aglomeracións urbanas, rexeitamos esta maneira sibilina de atacar ás formas de vida e ós oficios tradicionais, tan lícitos e dignos de respecto coma o resto. Pensar que o mundo real é o asfalto das rúas, o vermello dos semáforos, o vidro dos escaparates, o ouleo das sereas das ambulancias e o brillo das farolas pola noite, é ter unha idea moi pouco sá e real da vida.

viernes, 26 de diciembre de 2008

"Choque cultural"

Día 24 de decembro: día de Noiteboa. Unha media-tarde fría -friísima. Nada estrano, máis aló do natural trasego producido polos preparativos da Cea. Na casa, a familia combate as baixas temperaturas coa subida da calefacción. Non entra para nada nos seus plans a posibilidade de saír ao exterior. Os miúdos viven o día de maior emoción pois esta é a noite na que o Pai Natal baixará pola chimenea cos regalos de todos ao lombo e os deixará baixo a árbore de Natal. Música de panxoliñas galegas e de janeiras portuguesas.
A muller da casa ten que saír un momento a facer algún recado. Abre a porta. Non comprende o que ve; procura no arquivo da súa memoria todas aquelas experiencias relacionadas co que está a ver: ningunha explica o feito. Dubida. Decide permanecer no umbral da porta e sen lle quitar os ollos de encima, chama polo home:- "Oes! Ti viches o que hai aquí fóra?" Non hai resposta.
Insiste con esperanza dunha resposta positiva: "Fuches ti quen trouxo isto daquí de fóra?".
-"O que?", resposta el achegándose á porta sen demasiado interese e cara de fastidio.
Cando chega á altura dela, fica abraiado e inmóbil. Asombro e incredulidade. Ningún dos dous acertan a dar explicación algunha.
(Continuará)

"Actualización divina"

Este rapaz está cada día peor!!!

lunes, 22 de diciembre de 2008

"O Natal dos culpables"

No Natal enchémonos de mercar: agasallos de Pai Natal e de Reis Magos; os ingredientes da cea de noiteboa, do xantar de Nadal, da cea de ano vello e do xantar de ano novo, do xantar de Reis; e os postres de todas estas comidas: turróns duros, brandos, de chocolate, de froitas confitadas, de mazapán; polvoróns, froitos secos, roscón de reis, cocas, tartas e tortas...
Tamén mercamos a roupa que hemos lucir para recibir o novo ano; e os complementos, todo moi brillante e luxoso. Naturalmente imos á perruquería e mercamos a entrada para poder asistir á festa privada no garito de turno. Mercamos a árbore de natal e os seus correspondentes adornos: bólas, cintas, guirlandas, estrelas, pais natal e osiños navideños de fieltro... Sen esquecer aos que tamén mercan o pesebre, coas figuriñas todas: a virxe, o pai, o neno no berce de pallas, a mula e o boi, as ovellas e os pastores, os reis magos, o río coa súa ponte, os máis variados obradoiros de oficios e o "caganet".
Hai quen se vai de vacacións lonxe e hai quen aluga unha casiña de turismo rural cos amigos; quen convida a toda a familia e quen simplemente non convida a ninguén.
En Natal a televisión está permanentemente acesa e vemos a programación especial de noiteboa, nadal, ano vello, ano novo e reis. Todo felicidade e perfección, e consumismo, consumismo, consumismo. E os que non poden consumir síntense desgraciados, porque non forman parte deste mundo.
E por suposto, en Natal é cando mercamos a Lotaría do Natal, a do Neno, a de Reis...
En resumo: en Natal todo se volve mercar e mercar, coa desculpa de celebrar o nacemento dun bebé pobre aló en Belén.
Mentras nós vivimos esta borracheira de compras, hai quen non ten que darlles de comer aos fillos, quen ten que durmir nos bancos dos parques tapados por cartóns, quen vive na constante incertidume de se mañá lle será respectada a vida. Para cada un de nós o Natal é distinto. Hai miles de natais distintos.
Este natal, coma os anteriores, fecharei os ollos, abrirei a boca, e tragarei os polvoróns, os turróns, os mazapáns e o rosco de reis. Mercarei as prendas dos meus fillos e as dos demais seres queridos; porei a árbore e felicitareilles o natal aos amigos por email.
Todo isto co amargo sabor da culpabilidade.

"O Gerés: Castro Laboreiro"




Hoxe foi un día moi especial: os nenos viron a neve por primeira vez... nas súas vidas!!! E. negábase a baixar do coche para xantar porque " a nena quere ver a neve na montaña", e dese discurso non houbo quen a baixase ata que, a deus grazas, chegamos a unha altura na que a neve aínda non se derretera de todo. Agarrárona, pisárona, tirárona e ata a lamberon (un pouquiño só: a auga de neve, ao non conter sal, provoca diarrea. Por iso nos lugares do planeta onde é preciso usala para beber, se lle botan unhas pastillas especiais , os "litines", que lle engaden á auga da neve derretida, as sales precisas para ser potable).
Pola miña banda, hoxe sentinme feliz de visitar un lugar ao que tiña moitas gañas de ir: o Castro Laboreiro. Coñecíao non polas súas paisaxes expectaculares -que o son-, nin pola súa riqueza ecolóxica -que a ten-, nin polo resto dos seus valores de parque natural, senón por ser o solar dunha raza de can autóctona portuguesa: o cao do Castro Laboreiro. Trátase dun can que se criou alí durante xeracións e xeracións protexendo aos rabaños de ovellas e cabras do seu inimigo máis perigoso, o lobo. No seu momento, estiven interesada en adoptar para o meu rabaño un cachorro desta raza, mais finalmente a cousa quedou en nada ( noutro momento contareivos a historia do meu rabaño...). Naturalmente, encontrar tres exemplares desta raza entre as casas do pobo, foi toda unha experiencia!!! Fíxenlles fotos e ata quixen conversar con eles, mais nada dixeron...
Á parte da neve e do can, o mellor é a impresionantemente bela paisaxe: nalgúns sitios amósase coma se dunha paisaxe alpina se tratase; pola falla que atravesa o parque, discorren as augas rápidas dun río que pasa baixo innumerábeis pontes e pontellas que ofrecen unha atracción irresistible á cámara. O granito aquí desfaise, non en van é o máis vello da Península, e deixa á vista formas inauditas e incríbeis que recordan formas antropomorfas. Hai perto de 10000 persoas vivindo nas numerosas vilas e aldeas do Gerés, anque a maioría é xente maior, e moito me temo que a actividade económica que alí desenvolven -a agricultura escasamente competitiva- non chegue para fixar a poboación, animando a que medre e evitando que emigre .
Ao Castro Laboreiro accédese dende o Concello de Melgaço, ao que pertence. Chégase fácilmente e pódese percorrer toda a zona co coche, anque o que realmente apetece é botarse ao monte calzando unhas boas botas e cargado coa comida de varios días e maila tenda de campaña.
Unha visita imprescindible.


domingo, 21 de diciembre de 2008

lunes, 15 de diciembre de 2008

"Res Publica"




Unha vez máis teño necesidade de falar de política, mais non sei como abordar o tema. Por unha banda quero queixarme do clima de bronca constante que temos que aguantar vía medios de comunicación. Aínda que un queira substraerse aos debates políticos do momento, élle prácticamente imposible, xa que os medios afíns a cada partido político xa se encargan de facer chegar os seus interesados e moitas veces falsos argumentos a cada recuncho da sociedade. Non hai nin un medio independente de gran alcance social: todos serven a algún partido, e encárganse a diario de contar a realidade a traveso da óptica particular dos cadros destacados do partido na redacción tal ou cual. De oír unha nova nunha emisora a oíla noutra hai tanta diferencia coma se de dous países se tratase. Sinal de que ningunha delas se axusta á realidade.

Os debates nos que andan enzarzados: crise económica, memoria histórica, terrorismo, eutanasia, aborto, corrupción, imposición lingüística, violencia de xénero... Todos, sen excepción, serven, non para botar máis luz sobre eles e mellorar a xestión que en cada campo de acción se leva a cabo, senón para socavar no que se poida o prestixio e a imaxe pública do contrario. Moitos destes temas utilízanos para desviar a atención sobre os verdadeiramente urxentes en cada momento e de cuxa xestión é o partido gobernante en cada momento.

O perfil intelectual da nosa clase gobernante é penoso, e non digamos a talla profisional e persoal de moitos dos que se chaman representantes do pobo. Atopamos persoas sen ningunha experiencia profisional previa, e previsiblemente con capacidade e solvencia nulas para pór algún camiño de solución aos problemas da vida real dos cidadáns. Atopamos tamén persoas da peor catadura ética, que se mostran nos medios a diario dándonos lecións a todos de moral e ética. E para rematar, atopamos políticos que son verdadeiros analfabetos funcionais ao cargo de ministerios e outros postos de grande responsabilidade. Como non, tamén atopamos a individuos que, facéndose chamar políticos, en realidade son ladróns de guante branco, instalados cómodamente nos seus despachos mentras se enriquecen persoalmente eles e os seus amigos á conta do groso dos traballadores. E finalmente atopamos indivíduos que se adornan de todas estas marabillosas cualidades xuntas.

Sendo así, que poderiamos agardar de semellante caterva de incompetentes?

Obvio é que sempre queda quen fai dignísimamente o seu traballo, tamén en política, anque, tristemente, o seu traballo é sistemáticamente ignorado e pasa á historia sen ter ningunha incidencia no plano da realidade.

Así as cousas, a actitude da maioría da poboación é de total desencanto e rexeitamento da actividade e do mundo da política. Ata que un día se nos crucen os cables...

sábado, 13 de diciembre de 2008

"Xaneiras, Manoeles, Cantares de Reises, Arrolos, Romances, Aguinaldos"



O primeiro vilancico en galego do que temos constancia, ‘Deus nace galego’, foi cantado en Portugal en 1637. Parece ser que a ‘moda’ da cantiga de Nadal galega pasaría da mitra compostelana á Corte de Madrid, e de alí a Portugal no tempo de Xoán IV. A música das pezas estaría inspirada en ritmos como a muiñeira ou a alborada.
É unha cantiga moi sinxela, normalmente lírica e chea de tenrura, pero moitas veces susceptible de dobres leituras. Adoita ser común unha chamada á fraternidade arredor do presebe:

Arrolo:
É unha panxoliña de temática concreta, o arrolo do neno recén nacido.

Aguinaldos:
Caracterízanse polo seu sarcasmo e enxeño. A petición do aguinaldo sempre é irónica e ás veces desafíase a xenerosidade dos veciños.

Romances:
Distínguense do resto dos cantos de Nadal polo seu carácter descritivo. Case sempre relatan a historia previa ao Nacemento do neno.

Aninovos ou Xaneiras:
Cántanse no primeiro de ano e agochan supersticións e conxuros, por estar vencellados ás festas do solsticio.

Manoeles:
Están moi vencellados aos anteriores, tamén se cantan o primeiro de ano, día de San Manuel.

Os Reises:
Son as cantigas da festividade dos Reis Magos e tamén son similares aos aguinaldos ou aninovos. Neste que reproducimos, Andrade Malde ve un auténtico meigallo.

"As Janeiras"

Janeiras Origem: Wikipédia, a enciclopédia livre.
As Janeiras ou cantar as Janeiras é uma tradição em Portugal que consiste na reunião de grupos que se passeiam pelas ruas no início do ano, cantando de porta em porta e desejando às pessoas um feliz ano novo.
Ocorrem em Janeiro, o primeiro mês do ano. Este mês era o mês do deus Jano, o deus das portas e da entrada. Era o porteiro dos Céus e por isso muito importante para os romanos que esperavam a sua protecção. Era-lhe pedido que afastasse das casas os espiritos maus, sendo especialmente invocado no mês de Janeiro.
Era tradição que os romanos se saudassem em sua honra no começar de um novo ano e daí derivam as Janeiras.
A tradição geral e mais acentuada, é que grupos de amigos ou vizinhos se juntem, com ou sem instrumentos (no caso de os haver são mais comuns os folclóricos: pandeireta, bombo, flauta, viola, etc.). Depois do grupo feito, e de distribuidas as letras e os instrumentos, vão cantar de porta em porta pela vizinhança. Terminada a canção numa casa, espera-se que os donos tragam as janeiras (castanhas, nozes, maçãs, chouriço, morcela, etc. Por comodidade, é hoje costume dar-se chocolates e dinheiro, embora não seja essa a tradição). No fim da caminhada, o grupo reúne-se e divide o resultado, ou então, comem todos juntos aquilo que receberam.
As músicas utilizadas, são por norma já conhecidas, embora a letra seja diferente em cada terra.

jueves, 11 de diciembre de 2008




O CAMIÑO DO REI.

Vídeo moi interesante e orixinal que mostra un lugar en Málaga chamado O Chorro, un desfiladeiro onde se atopa unha ruta denominada Camiño do Rei. É unha zona ben coñecida por escaladores, parapentistas e pontistas. A historia conta que no ano 1921, Afonso XIII pasou por alí cando abriu as reservas de auga do encoro e este suceso deu o nome ao camiño, unha senda aérea construída nas paredes do Desfiladeiro dos Gaitanes no Chorro. É un camiño apareado ao citado desfiladeiro cunha lonxitude de 3 km., que conta con longos tramos e cunha anchura de apenas 1 m. e ten até 400 metros de profundidade.

Lamentabelmente está pechado desde 1992 a causa do perigo polo seu mal estado. Nos anos 1999 e 2000, producíronse varios accidentes mortais que custaron a vida a catro excursionistas, polo que a Xunta de Andalucía, para evitar máis desgrazas, decidiu pechar os accesos demolendo a súa sección inicial para evitar o paso de visitantes. Actualmente está decretada a imposición dunha multa de 6.000 euros a quen circule por el.

Hai que destacar que impresiona a forma na que se fixo este vídeo, xa que mostra o percorrido real, coma se o estiveses facendo ti mesmo; a persoa que grava o vídeo, terma da cámara enfocando o camiño. As vistas son impresionantes, deste xeito o espectador sente coma se el mesmo camiñase pola ruta.

martes, 9 de diciembre de 2008

"Punto de fuga"



Alonxámonos daquel que fomos e alonxámonos daqueles cos que camiñamos. O tempo e o espazo fan de barreira xa infranqueable. Virámolos ollos para atrás e aínda ecoan as voces, as gargalladas, os xestos graves, as toscas caricias. Ficamos alí aínda un pouco, coma quen busca acougo e protección, mais xa non hai. Só queda o baleiro, a escuridade, o silencio total.

O vento zoa nas árbores, iso é o único que permanece. Os elementos xuran non ter visto nada de todo canto aseguramos ter vivido. Móllanse a terra e as follas secas coas bágoas quentes e salgadas.

Nada queda, nada permanece. Tempus fugit.

No fondal do Mostronovo fican asulagados tódolos recordos, tódalas ilusións e tódalas certezas. No fondal húmido e mouro dese monte fican enterradas tamén miñas pantasmas.

"Alumeado de Nadal e otras consideracións"



Xa chegou formalmente o nadal a Cerveira, como podedes ver na imaxe que tomei hoxe pola tardiña-noite dende o "parque dos Cervos". O alumado que puxeron é realmente bonito e alegre.
Estas son as miñas festas preferidas, seguramente polo preciosismo da súa posta en escea, que posibilita que vexamos as vilas e cidades coma nunca en todo o resto do ano: alegres, luminosas, bulliciosas, ilusionantes... Ao fin e ao cabo o Nadal conmemora o nacemento dun bebé, acontecemento feliz por si mesmo. Ogallá o nacemento de cada bebé do mundo se puidese celebrar así; no concello de Oleiros, na Coruña, envían á casa de cada recén nado unha lámina para enmarcar que reproduce o debuxo dunha nai acolando ao fillo: un detalle, aínda que, tendo en conta todo que o Concello de Oleiros ingresa en impostos, máis xusto sería que enviasen a cada casa o axuar completo do recén nado.
Pero xa se sabe como se administran os recursos neste país: os 45.000 euros de arrendamento ao ano polos urinarios dixitais da Moncloa son un exemplo de contención do gasto en época de crise que fai o goberno.
O gasto extra en enerxía eléctrica que se fai nestas datas é cousa distinta. Máis valería aforralo e gastalo en algo realmente necesario. Pero claro, estas festas, que son esencialmente consumistas, deixarían de selo, e entón sufriría aínda máis o comercio, e entón... en fin, que sería peor...

lunes, 8 de diciembre de 2008

"Adorno de papel"

Comparto este video con vós para que vexades que resulta realmente alucinante o resultado. No Youtube hai centos de videos nos que se amosa como facer todo tipo de formas con papel (origami). Interesantísimo para os nenos.

Nesta páxina atoparedes instruccións (en inglés) para facer todo tipo de flocos de neve para adorno de Nadal. http://www.papersnowflakes.com/instructions.htm#3

domingo, 7 de diciembre de 2008

"A cidade non deixa ver o solpor"

Hoxe visitamos a cidade. Cando baixamos do coche a miña nena, erguendo moito a cabeza e sinalando para o alto co índice, dixo: "Mira, que alto! É un castelo!". Téñovos que dicir que na cidade á que fomos non hai castelos nin fortalezas nin construcción singular algunha. Estábase a referir, simplemente, ós edificios de pisos onde vive a maioría e o común dos cidadáns: sete pisos como moito, adosados en ringleiras interminábeis ata construír unha mazá de edificios; e máis adiante, outra mazá exactamente igual á primeira. Algo normal, vamos. O que ocorre é que esta miña filla ten a sorte de vivir nunha vila onde as alturas están reguladas, onde se coida que os edificios respecten o contorno no que están inseridos, onde o caos urbanístico aínda non se fixo dono e señor. Claro que un lugar coma este é difícil de atopar en Galiza. Hoxe a cidade pareceulle un escenario medieval, con castelos e todo.
Cada día teño máis claro que as cidades non son lugares para vivir, e menos para criar nenos. Ao fin e ao cabo as cidades naceron ao redor do mercado, zoco, feira: onde uns venden e outros compran. Seguen a ser iso, mais por unha estrana razón hai moita xente que non se imaxina vivindo fóra delas e mesmo lle ten medo ao espazo baleiro de formigón.
Nós imos á cidade de cando en vez, e sempre nos resulta sorprendente. Pero marchamos contentos para a casa ao solpór, que dende alí non se pode ver. A miña filla quere ver o sol cando vai durmir, que é o sinal de se recoller. Como se ía orientar senón?

viernes, 5 de diciembre de 2008

"Nadal e Centros de Recursos do Profesorado"

Con papel, tesoiras, cinta adhesiva e unha grapadora, fixemos estes adornos para "ambientar" a casa. O certo é que ás veces é sorprendente o que se pode facer con moi pouco.
Moitos mestres de nenos pequenos agradeceríamos que os centros de recursos do profesorado ofertasen tamén algún curso de técnicas artísticas para aprender a traballar con materiais como a acuarela, plastilina, cartulina, feltro, papel de seda, pinocho, etc., sobre os cales a grande maioría ignoramos case todo. É certo que entre nós hai verdadeiros artistas, especialmente aqueles que traballan na Educación Infantil, pero outros andamos cos libros de manualidades darriba para abaixo coa esperanza de ter tempo para os poder mirar na casa e poder "dar a talla" ao día seguinte na clase, sorprendendo aos nenos .
Na nosa formación, na escola de Maxisterio, non se inclúe prácticamente nada de formación ao respecto, e sen embargo exíxesenos que lles proporcionemos educación artística e plástica aos alumnos. Se polo menos dende os Centros de Recursos do Profesorado, se lles ocorrera "suplir" dalgunha maneira estas carencias con algúns cursos, algúns veríamos neles algo máis que uns "distribuidores" de puntos para sexenios, concursos de traslados, etc. Por non falar da "febril" actividade investigadora e creadora que alí desenvolven aqueles que cambiaron o traballo a pé de obra, na aula, polo arduo e difícil traballo de apoiar a mellora da calidade da educación, grazas ós recursos que cada día poñen ao noso dispór...

miércoles, 3 de diciembre de 2008

Contra o castigo físico

Neste blogue sumámonos á campaña contra o castigo físico. Para unha cousa boa que fai este goberno... e na que concordo ó cento por cento, hai que apoiala!!! Ademais o video está magníficamente ben feito e é fermosísimo. Ós meus nenos encántalles!!!

lunes, 1 de diciembre de 2008

"Quitapenas e Día da Independencia de Portugal"



Hoxe merquei dúas bonecas quitapenas na tenda "Cogomelo", que está na Praça do Terreiro, en pleno centro de Cerveira. Alí teñen todo tipo de cousiñas bonitas para aledarlle o día a alguén. Merquei unha para min e outra para a miña nena, quen moi a miúdo recorre á expresión "estou triste", para expresar a frustración que sente cando non pode facer aquilo que quere no momento en que o quere. Estou para lla dar agora, antes de se ir durmir. Xa lle falei destas bonequiñas quitapenas e parece que lle gustan. Isto de poder amosarllas na internet antes de lle dar a súa, permíteme certos luxos como preguntarlle se quere unha antes de facer que máxicamente apareza no meu peto... De momento xa me deu dous bicos por ver se así se obra a maxia. Seguirei tirando deste fio, que quen sabe cando volvo ter tantos bicos ...
O caso é que hoxe Portugal celebrou o seu Día da Independencia (de España, por certo). No 1668 o país conseguiu librarse do dominio que España tiña exercido durante 60 anos da man dos monarcas da casa de Austria Felipe II e o seu fillo Felipe III. En realidade é isto o que vos quería contar, e xa vedes. As quitapenas teñen relación co Día da Independencia só porque foi hoxe que as merquei, nada máis. Na tenda a dependenta comentou que cecáis aos dous países lles fose mellor se nunca se houbesen separado. Por suposto amoseime coma unha iberista fanática.
Logo falamos dos dous gobernos, supostamente de esquerdas, que teñen os dous países e que nos toca sufrir aos dun lado e doutro da fronteira . Ela tentaba falar español e eu tentaba falar galego. Cheguei á conclusión de que aos portugueses o galego parécelles castelán, así que non hai que darlle máis voltas: todos falamos castelán, dun lado e do outro.
E nada máis; isto é o que vos quería contar hoxe.
Saúdos nun dos días máis fríos e escuros desta beira.

"Partidos políticos e democracia interna"



Sobre o tema da "obediencia" ós partidos políticos que prantexa o meu amigo K. por aí nun comentario, poderíamos falar longamente; básicamente, os partidos políticos (que son financiados por todos nós, en base á súa representación), son organizacións sociais e teñen as súas normas internas de funcionamento. Se os seus afiliados nonas cumprisen deixarían de ser organizacións e pasarían a ser "desorganizacións". Daí que algúns, nomeadamente os partidos comunistas, adoptaran a disciplina de voto, disfrazada de "democracia interna" para levar adiante os acordos.Moi a miúdo, a coherencia persoal é "incoherente" coa do partido, cando non abertamente incompatible ou contraria; e moi a miúdo, a militancia opta pola disciplina, xa que a maquinaria do partido é tal que calquera "indisciplina" implica pasar a ser considerado sospeitoso, bicho raro, indisciplinado, espía, indigno de confianza, apestado, traidor, tránsfuga, etc. A miúdo tamén isto tradúcese na segregación non só da persoa senón tamén das ideas que defende; os antigos camaradas non queren ser vistos en público co "díscolo" e este vése ante un dilema: renunciar ás súas ideas e marchar para a casa; renunciar ás súas ideas e quedarse, ou tentar unha "terceira vía", alternativa, arrastrando a aqueles susceptíbeis de pensar igual, cansados das maiorías, da disciplina....É a historia de sempre, antiga coma o mundo, coma a existencia das organizacións sociais, de calquera tipo.. é defecto do animal.
Por iso, os que por natureza somos máis díscolos, nunca atoparemos un lugar onde nos expresar con liberdade e onde sentirnos parte dun proxecto.