lunes, 15 de diciembre de 2008

"Res Publica"




Unha vez máis teño necesidade de falar de política, mais non sei como abordar o tema. Por unha banda quero queixarme do clima de bronca constante que temos que aguantar vía medios de comunicación. Aínda que un queira substraerse aos debates políticos do momento, élle prácticamente imposible, xa que os medios afíns a cada partido político xa se encargan de facer chegar os seus interesados e moitas veces falsos argumentos a cada recuncho da sociedade. Non hai nin un medio independente de gran alcance social: todos serven a algún partido, e encárganse a diario de contar a realidade a traveso da óptica particular dos cadros destacados do partido na redacción tal ou cual. De oír unha nova nunha emisora a oíla noutra hai tanta diferencia coma se de dous países se tratase. Sinal de que ningunha delas se axusta á realidade.

Os debates nos que andan enzarzados: crise económica, memoria histórica, terrorismo, eutanasia, aborto, corrupción, imposición lingüística, violencia de xénero... Todos, sen excepción, serven, non para botar máis luz sobre eles e mellorar a xestión que en cada campo de acción se leva a cabo, senón para socavar no que se poida o prestixio e a imaxe pública do contrario. Moitos destes temas utilízanos para desviar a atención sobre os verdadeiramente urxentes en cada momento e de cuxa xestión é o partido gobernante en cada momento.

O perfil intelectual da nosa clase gobernante é penoso, e non digamos a talla profisional e persoal de moitos dos que se chaman representantes do pobo. Atopamos persoas sen ningunha experiencia profisional previa, e previsiblemente con capacidade e solvencia nulas para pór algún camiño de solución aos problemas da vida real dos cidadáns. Atopamos tamén persoas da peor catadura ética, que se mostran nos medios a diario dándonos lecións a todos de moral e ética. E para rematar, atopamos políticos que son verdadeiros analfabetos funcionais ao cargo de ministerios e outros postos de grande responsabilidade. Como non, tamén atopamos a individuos que, facéndose chamar políticos, en realidade son ladróns de guante branco, instalados cómodamente nos seus despachos mentras se enriquecen persoalmente eles e os seus amigos á conta do groso dos traballadores. E finalmente atopamos indivíduos que se adornan de todas estas marabillosas cualidades xuntas.

Sendo así, que poderiamos agardar de semellante caterva de incompetentes?

Obvio é que sempre queda quen fai dignísimamente o seu traballo, tamén en política, anque, tristemente, o seu traballo é sistemáticamente ignorado e pasa á historia sen ter ningunha incidencia no plano da realidade.

Así as cousas, a actitude da maioría da poboación é de total desencanto e rexeitamento da actividade e do mundo da política. Ata que un día se nos crucen os cables...

No hay comentarios: