domingo, 27 de enero de 2008

Ensino doméstico-aprender en casa- homeschooling












Que o sistema educativo non funciona é algo que ninguén se atrevería a negar, por moita fe que teña nel. Tódolos datos así o acreditan. O famoso Informe Pisa concluíu conque en España hai un 40 % de fracaso educativo, o cal quer dicir que 40 de cada 100 nenos e nenas escolarizados no noso sistema educativo, non chegarán a acadar o título de ensinanzas mínimas.

Trátase dunha conclusión realmente dramática, pero hai que dicir que non facía falta coñecer o resultado do Informe Pisa para darse conta de que as cinco horas diarias, 25 horas á semana que os nenos pasan "institucionalizados", baixo a responsabilidade directa de profesionais especialmente formados nas artes de "ensinar", Pedagoxía, Maxisterio, Psicoloxía, Psicopedagoxía, Educación Especial, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, etc, non parecen dar como resultado que os nenos e nenas acaden, logo de dez anos de ensino "obligatorio", as aprendizaxes mínimas requeridas para se desenvolveren con autonomía no mundo dos adultos.

Nesta polémica todos se culpan entre si: os profesores de secundaria culpan ós de primaria por non seren capaces de lles ensinar a ler, escribir, multiplicar, dividir e restar ós rapaces; os da Universidade culpan ós de Secundaria de lles mandar alumnos con nivel de preparación tan baixo, os de Primaria culpan ós inspectores, ós pais, ó Concello, á Consellería... e como resultado temos nenos analfabetos funcionais, que ademáis son cada vez máis irrespetuosos entre si e cos maiores, máis violentos, máis esixentes...

Á vista de todo este desastre hai cada vez máis familias que optan polo chamado "ensino doméstico", "aprendizaxe na casa", "homeschooling"... que coma todo, non é novo, senón que leva anos realizándose en países do noso entorno europeo e de forma masiva nos Estados Unidos. Como me pareceu unha opción moi interesante, pegueivos aquí uns links a uns videos para que os visitedes se tiverdes interese.

Un saúdo.





viernes, 25 de enero de 2008

A arquitectura moderna en Portugal: Casa Toló

Quero falarvos da Casa Toló, situada en Lugar das Carvalhinhas – Alvite, freguesia de Cerva,
Distrito de Pena da Ribeira, Portugal.
É unha peza de arquitectura contemporánea magnífica, deseñada por un eminente arquitecto portugués, Ávaro Leite Siza. Construída nun terreo moi empinado e moi estreito, a casa consta de tres cuartos, salón, comedor, cociña, baños e unha piscina. A peculiaridade que tén é que está ordeada en torno a unha serie de cubos en cuxo teito se situaron os xardíns e incluso a piscina. O acceso principal sitúase no cubo da parte superior, que tén acceso dende a rúa, anque tamén se pode acceder dende o cubo inferior. Construída en formigón, intégrase perfectamente no terreo, quedando totalmente oculta á vista e oculta na vexetación.
Non digo eu que sexa moi funcional xa que debe ter un bo número de escaleiras no seu interior , mais o que é innegable é que é moi chamativa. Fai non moito estaba á venda. Non serei eu quena tente, pero ao mellor hai algún tolo da arquitectura moderna que lle fai gracia. Quen sabe.

Carta a unha filla.



Querida filla;
Contigo chegaron as ganas de abrir todo aquilo que teño fechado dende fai tanto tempo. Igual que me abrín para que vises a luz, así che explicarei o que precisas saber para poder vivir. Non só desexo que sobrevivas senón que sexas un ser humano en toda a grandeza do que pode ser un ser humano. Mírote e xa intúo tal condición. Por iso é polo que chegou o momento de che contar, de che explicar, para que non te chegues a atopar soa e sen respostas, como eu me teño atopado. Para que sexas máis feliz, se eu podo contribuír a tal estado.
Porque a felicidade, meu amor, é o único polo que merece a pena loitar . Ningunha outra loita che ha facer sentir plena. Oriéntate á felicidade, a facer todo aquilo que cha proporcione, a ti e a aqueles que queres.
Porque da felicidade saes, miña rula, do amor máis profundo que unha muller e un home se poden profesar.
Eu nunca fun feliz.
É unha afirmación categórica, rotunda pero absolutamente real. Constatei a miña infelicidade en todos estes anos vividos. Por iso o ton amargo.
Esa é a miña infancia. Non quero que sexa a túa.
É por obra túa que me transformo en forza creadora, en matriz protectora, en garda da túa seguranza, do teu benestar.
É por obra túa que me prego a este papel que a natureza decidiu asignarme e fágoo con agrado.
Miro para atrás e vexo a tódalas mulleres da miña familia; mulleres tristes, mulleres loucas, mulleres agres. Miro para ti e quero cortar os elos desta cadéa xenética. Eu serei a ponte.
E agora que fago de ponte, agora que tés o escenario montado para comezar a túa actuación, por onde comezar a explicarche?
Viñeches a un mundo duro, pero non temas. A nosa especie tén moitas cousas boas, unha delas é a capacidade para fechar os ollos cando non queremos ver, e de repente, o espanto desaparece. Non sei se quero que teñas sempre os ollos ben abertos. Non sei se o quero para ti. Eu non podo fechalos.
Que papel escolleras: serás princesa? Serás cincenta?
Serás capaz de meterte na túa personaxe ou pasaraste a vida agardando outro papel distinto, mellor? Neste inmenso escenario tés tódolos papeis. Serás libre para escoller ún, ou moitos. Así trazarás a túa vida. Escollendo constantemente. Cada escolla levarate a outra, e á súa vez a outra e así mentras vivas. É o teatro, miña rula.
Cando miro as túas manciñas movérense arbitrarias, rechonchas, pregúntome que tocaran, que agarrarán, para que as usaras, para que che servirán.
Miro os teus olliños chorosos, claros, límpidos e xa quero ver todo o que verán. Quero estar en cada mirada e en cada caricia. Pero non podo, non poderei. Desgárrame esa verdade. Porque eu quixer estar contigo para sempre, como amantes entregadísimos.
Así te amo.

Antoloxía de Falares II



Agora deixade que vos fale dalgunhas expresións relacionadas ca miña infancia.

Sendo eu pequena, e sempre que meu pai ía á civilización, pedíalle que me trouxese algo. E el prometía: " Un tendollo, un Salta-Sebes e un Brinca-Paredes". Aquilo quería dicir que era moi posible que non me trouxese nada. Na miña casa, eu era a pequena, a benxamina, "o argadelo" .Non sei quen me bautizou deste xeito, pero sei que tiña que ver co meu carácter inquieto. Coma tódolos nenos, ás veces non quería comer o prato do día, asegurándome miña nai con aires de vinganza que "¡Hás comer as leas!" ; fiquei abraiada cando comprobei que as leas existen e incluso son comestibles. O certo é que a min o que máis me gustaba era o "viñoconaugaconazúcareconpan" que me saía así todo seguido, e que me dában ás veces de merenda. Cada vez que me facía alguén un regalo, miña nai aseguraba "Tocoulle pa África" , referíndose ao regalo e denotando certos prexuízos cara a aquel continente. En realidade quería dicir que eu coidaba pouco as cousas.
Recentemente souben dun colexio en Caldelas de Tui que se chama O PELOURO, coñecido pola súa filosofía de innovación educativa dende fai moitos anos. O caso é que de pequena oía moito esa palabra, "pelouro" referida a alguén pouco agraciado. Algunha vez tívena que sufrir por parte da miña proxenitora...


Véñenseme á cabeza tantas cousas da miña infancia, así coma un golforón de auga que irrumpe de súpeto entre as neuronas desa parte do cerebro que garda os recordos, e refréscaas.

miércoles, 23 de enero de 2008

lunes, 21 de enero de 2008

Antoloxía de Falares









No lugar do que veño ben poderían vivir os habitantes de Hobitton; atoparían todo do seu gusto, dende o verde da paisaxe ondulada sementada de bidueiros gardiáns dos mil ríos, ata as costumes dos meus paisanos, moi dados ó bo xantar e á conversa espontánea. Se alguén tiver interese en coñecelo e de paso aprender algúns tecnicismos de Xeografía, pode visitar o enderezo seguinte: http://video.google.com/videoplay?docid=-40000954359482020&hl=es
Levo moitos anos de reflexión a respeito do xenuíno carácter dos meus veciños, e preguntándome canto del pervive en min. Por iso esta escolma, que nada tén de rigorosa mais non falta á verdade en materia lingüística.
Unha vez situados, comecemos coas blasfemias.
Escoitei moitas veces a seguinte imprecación: " vaian cinco mil demoños zoupando nel hasta ´l infierno". Dende logo a persoa estaba realmente anoxada para lle desexar ao contrario semellante castigo. Nunca din imaxinado cinco mil demonios xuntos, e menos correndo detrás de alguén... O certo é que cando se había que pór serio ou se quería resultar contundente, nada mellor cá unhas palabriñas en castellano.

Curiosamente, o demo estaba moi presente: "¡Cómam(e)o demo!", " ¡ Tráguem(e)o demo!", " ¡O demo te leve/coma!"...

Igualmente a xente cagábase en San Periquitín da Hucha, na Osperana, e en entidades moito máis abstractas, coma por exemplo na Vircha.
Lembro á miña nai apoiarse a miúdo na expresión "¡Juradios!" ,nun intento de xurar sen xurar.... e botarlle a culpa ó Altísimo! Claro que iso era bastante corrente, non sendo raro escoitar aquilo de "¡Mecag(0)n dios, e que non sea o que me criou!" ou ¡"Mecag(o)n ningún dios!".
Como bos galegos, os meus paisanos son moi celosos do seu, moi conservadores tamén en materia relixiosa, non aceptando fácilmente a existencia doutras divinidades distintas da súa, como demostra : "¡Mecag(o)n dios negro!".
Non sei se estas expresións seguirán vivas na lingua da xente. Quen queira investigar...

domingo, 20 de enero de 2008

Benvidos - Benvinguts- Ongi Etorri- Bienvenidos-Boas Vindas

A todos os que me visitades, benvidos. Comezo esta experiencia nova con certa impaciencia e tamén preocupación, pois é tanto do que quero falar que non sei se me lembrarei de todo!!!
Pensei en moitos temas pero o primeiro que quero deixar por escrito é unha "antoloxía de falares" que teño aloxada na cabeza dende fai uns dez anos, en que de súpeto me convertín na única herdeira de moitas e moi peculiares expresións, que nunca máis voltei escoitar e moi poucas veces puiden usar. Abrirei outra entrada para este meu tesouro. Ainda estou a traballar nel. De momento, apertas portuguesas para os irmáns da outra beira.