viernes, 25 de enero de 2008

Antoloxía de Falares II



Agora deixade que vos fale dalgunhas expresións relacionadas ca miña infancia.

Sendo eu pequena, e sempre que meu pai ía á civilización, pedíalle que me trouxese algo. E el prometía: " Un tendollo, un Salta-Sebes e un Brinca-Paredes". Aquilo quería dicir que era moi posible que non me trouxese nada. Na miña casa, eu era a pequena, a benxamina, "o argadelo" .Non sei quen me bautizou deste xeito, pero sei que tiña que ver co meu carácter inquieto. Coma tódolos nenos, ás veces non quería comer o prato do día, asegurándome miña nai con aires de vinganza que "¡Hás comer as leas!" ; fiquei abraiada cando comprobei que as leas existen e incluso son comestibles. O certo é que a min o que máis me gustaba era o "viñoconaugaconazúcareconpan" que me saía así todo seguido, e que me dában ás veces de merenda. Cada vez que me facía alguén un regalo, miña nai aseguraba "Tocoulle pa África" , referíndose ao regalo e denotando certos prexuízos cara a aquel continente. En realidade quería dicir que eu coidaba pouco as cousas.
Recentemente souben dun colexio en Caldelas de Tui que se chama O PELOURO, coñecido pola súa filosofía de innovación educativa dende fai moitos anos. O caso é que de pequena oía moito esa palabra, "pelouro" referida a alguén pouco agraciado. Algunha vez tívena que sufrir por parte da miña proxenitora...


Véñenseme á cabeza tantas cousas da miña infancia, así coma un golforón de auga que irrumpe de súpeto entre as neuronas desa parte do cerebro que garda os recordos, e refréscaas.

No hay comentarios: