martes, 26 de mayo de 2009

"A Secta Pedagóxica"

Un tras doutro, disciplinadamente, os membros da secta procedían a tomar asento arredor da grande mesa rectangular que presidía a sala. Colocaron os seus papeis, as súas notas e apuntes xusto enfronte, dispostos a pór por escrito todos os novos conceptos, para así aprendelos mellor. O líder comezou a súa intervención pregándolles aos asistentes que sacasen a orde do día para aterse ao alí pre-estabelecido; mecánicamente, todos e todas se aseguraron de ter ben á vista o papel.
Os conceptos comezaron a fluír, tomando corpo nas mentes de cada un dos alí presentes, cobrando un sentido un tanto -ou moi- difuso. O gurú ía iluminando ao resto con palabras grandilocuentes, entendidas só a medias; os ollos abríanse, cheos de brillo acuoso e emocionado; os membros contraíanse en resposta emocionada. Todos eran un e un eran todos: unha grande idea tomou corpo no centro da sala e de súpeto a realidade ficou transformada, conformando un misión nova nun mundo novo. Xa eran todos conscientes do que tiñan que facer e de cales eran os prazos para o facer.
Coma cabaleiros da táboa redonda á procura do santo graal, repartíronse polo mundo cunha misión que realizar: administrar, nas doses axeitadas, O Coñecemento. Faríano nunha clave propia, cunha neolinguaxe en clave só coñecida por eles, garantíndo así que ninguén alleo á Secta tería acceso a tan sagrada misión.
Proclamando aos sete ventos que só eles posuían a capacidade de ensinar as regras básicas do cálculo e as da gramática, impediron que tales coñecementos puidesen ser subministrados en lugares distintos das Escolas. Prohibíndonlles incluso aos proxenitores a entrada ( agás causa xustificada), o umbral da porta do Colexo separaba dous mundos totalmente distintos e introducía así aos nenos na Secta Pedagóxica, da que tamén formaban parte. Como Avalon, oculta tralas tebras, só visíbel para quen ten poderes máxicos, así ficaba a Escola, lonxe do alcance das familias dos nenos. Os nenos, elevados á categoría de Alumnos, eran preparados para unha viaxe iniciática que duraría anos: borrados totalmente os esquemas anteriores e deixado en branco o cerebro para podelo encher co Currículum, coma unha tábula rasa presta para ser enchida.
É a Secta Pedagóxica!!! E está en todas partes, sen que ti te deas conta!!!
Se tes nenos en idade escolar, vixíaos constantemente: poderían pasar a formar parte da Secta sen ti dáreste conta.

lunes, 25 de mayo de 2009

domingo, 24 de mayo de 2009

"A violencia no ser humano como herdanza xenética e a relación entre altos niveis de natalidade e sociedades violentas"



Interesante discusión sobre a natureza xenética da violencia do ser humano. Os intervintes son Malcolm Potts e Thomas Hayden e o acto celebrouse en San Francisco recentemente, co gallo da presentación do seu libro "Sex and War". Para quen non entenda inglés, os puntos que os autores van tratando na súa intervención son os seguintes:
- a historia violenta da Humanidade fainos básicamente descendentes daqueles que foron gañando as guerras ao longo dos tempos: os indivíduos máis violentos, os que cometeron máis crimes, máis asasinatos, máis xenocidios, máis violacións, etc. A nosa herdanza xenética consta dunha parte importante dos xenes destes indivíduos.
- a evolución da guerra: dende as guerras corpo a corpo ata as guerras dos nosos días.
- a herdanza xenética compartida cos chimpancés: como os chimpancés levan a cabo conductas extremadamente violentas e agresivas cos membros doutros grupos, supostamente co obxectivo de aumentar o territorio e os recursos dispoñíbeis.
- a pertenza ao grupo como elemento cohesionador e a "deshumanización" dos "outros", dos que non pertencen ao grupo, enimigos potenciais.
- o elemento do libre acceso ás armas como elemento determinante dun maior grao de violencia.
- a violencia como unha característica principalmente dos machos-homes. A testosterona como arma de destrucción masiva.
- A violencia vista polos nenos.
- relación entre violencia e rangos de idade.
-O control da natalidade e planificación familiar como medio para acadar sociedades máis pacíficas: proveer ás persoas da información e dos recursos de planificación familiar fará que o número de fillos por parella baixe, especialmente nos países máis pobres e violentos ( nos que non escollen o número de fillos que queren ter)e consecuentemente haberá menos presión sobre os recursos dispoñíbeis, maior participación social das mulleres, xa adicarán menos tempo á crianza e máis a outros aspectos. Como é sabido, a aportación das mulleres á sociedade é sempre en favor da paz. Unha vez máis, fálase da testosterona como a arma de destrucción masiva.
- planificación familiar en Irán: un caso peculiar onde se conseguiu reducir drásticamente o número de fillos por familia, xa que o ayatolah Jomeini permitiu unha política moi eficaz de planificación familiar dende os inicios do seu goberno. O Corán contempla a posibilidade da planificación familiar, en oposición á Biblia. Irán como un dos países que a medio prazo será máis pacífico, a pesares de estar desenrolando a bomba atómica.
- O deporte com forma de sublimar o comportamento agresivo.
(engadirei o resto en canto remate de visualizalo)

jueves, 21 de mayo de 2009

"Noitebra"

Noitebra, avenoiteira cincenta, denoiteira, noitébrega, noitevuá, noiteboa cincenta, dormitona e páxaro cabra son algúns dos nomes que recibe este paxaro tan curioso, habitante dos montes e dos campos de labradío galegos. En castelán chámase "chotacabras gris", e é seguro que ese é o nome que vos resultará familiar, xa que por desgraza os únicos nomes de paxaros que coñecemos son en castelán, descoñecendo a súa correspondenza na nosa propia lingua. Ao fío deste argumento é que traio aquí este artigo, co ánimo de reflexionar sobre a pobreza de coñecementos que temos sobre o que nos rodea, sexan aves, árbores, plantas, etc. Aquí é onde as áreas de Coñecemento do Medio ( as Sociais e as Naturais de toda a vida) e de Lingua se dan a man máis claramente e este é un camiño marabilloso para aprender non somentes os "feitos" científicos senón tamén os seus nomes nas linguas que nos son propias.
No meu caso, logo de estar oíndo durante anos o canto da noitebra polas noites e de estalo a confundir co canto dalgunha especie de ra ou de sapo, veño de aprender que o que na realidade estiven a escoitar é á noitebra. Fiquei abraiada de descubrir ata que punto me enganaba cando atopei unha gravación do estranísimo canto do paxaro aquí: http://ibc.lynxeds.com/sound/european-nightjar-caprimulgus-europaeus/male-singing-dusk
Hai información abundante sobre este e outros habitantes da paisaxe galega nunha páxina completísima feita por un home que se recoñece amante da flora e fauna dos ríos galegos e das zonas que non están mesmo próximas aos ríos, o cal quere dicir Galiza enteira, non por nada é a terra dos mil ríos. Recoméndovos vivamente a súa consulta se estiverdes interesados en aprender algo máis sobre o tema : http://www.rios-galegos.com

viernes, 15 de mayo de 2009

"Caricatura da caricatura"

Agardo que Siro, o ilustrador, non se sinta molesto pola miña "interpretación" da súa caricatura de Ramón Piñeiro. Hoxe os nenos e nenas que teñen a sorte ou a desgraza de me sufrir como mestra, tiveron a oportunidade de interpretar a caricatura que Siro fixo no seu momento de Piñeiro. Pola miña banda, e para demostrarlles que non era tan difícil como lles parecía, tamén exercín de caricaturista amateur. Non quedou mal, non? As deles están moito mellor, mais as deles non volas podo amosar, que non me deron permiso.
Quen llo había dicir a Don Ramón!

"Dous anos de felicidade"


Hoxe fai dous anos daquel día marabilloso en que por fin decidiches nacer, na luz do Mediterráneo, á sombra do Segaría. Son xa dous anos de namoramento total, o que sinto por ti e o que sintes por min. Imposíbel non acariñarche o suavísimo cabelo, a cariña branda, as mauciñas gordiñas. Imposíbel non querer bicarte a todas horas, non querer abrazarte. Durmimos xuntos ata que quixeches, pel con pel, ollándonos cada mañá co alivio de sabérmonos xuntos. Aínda agora, cando estás nervoso, triste, axitado, acudo á túa cama a te abrazar por detrás, en posición fetal, compoñendo outro elo dunha cadea que debe vir de xeracións atrás, cando as túas antepasadas abrazaban aos seus bebés para lles transmitir calor, amor, protección.

Quérote tanto, meu amor, que me doe a alma cada vez que penso en que non sempre hei poder estar á túa beira. Quixera prolongarme no tempo e no espazo só por te poder protexer, axudar e consolar. O amor incondicional é así.

Comprometinme contigo a velar pola túa felicidade, seguridade e saúde e nada haberá que faga que esta mamá actúe en contra do que en conciencia pense que cumpre con ese compromiso.

Parabéns, meu amor, polo teu segundo aniversario.

jueves, 14 de mayo de 2009

" A nova lei do aborto é progresista?"

Pregúntome que idea de progresismo ten quen pensa que pór ás mozas de dezaseis anos en mans das clínicas abortistas e dos carniceiros que as habitan é unha medida de apoio ás mulleres e á súa liberdade para decidir. Imaxino que é a mesma que inspira a quen redacta os textos informativos de "información afectivo-sexual" dos centros "Quérote" (http://www.querote.org/), que creou o Bloque na lexislatura anterior. O que non agardaba de maneira ningunha é que o Bloque acabase por lles proporcionar aos xoves formación e información afectiva... co pouco afectivos que son algúns dos seus dirixentes! (é broma). O certo é que ler a información que ofrece a súa páxina e algúns dos folletos que reparten, prodúceme arrepíos. Unha cousa é proporcionar información sobre anticoncepción e outra é facer proselitismo de tal ou cual opción sexual.
O de ZP é aínda peor. A reforma da actual lei de aborto, que estabelece unha lei de prazos, permitindo o aborto libre nas primeiras semanas de embarazo, sen se ter que acoller a suposto algún, introduce un aspecto que ao meu modo de ver é gravísimo, e ten que ver ca vulneración da patria potestade. A patria potestade é o conxunto de dereitos e deberes atribuídos aos pais ou proxenitores dun menor durante a súa minoría de idade; ten que ver coa educación e co mantemento dos fillos.
A patria potestade só pode ser quitada aos pais por parte do Estado por procedementos xudiciais, en orde a velar polos interese lexítimos dos menores, que se considerasen vulnerados polos pais.
A nova lei de aborto estabelece o dereito das adolescentes menores de idade a abortar libremente sen obriga nengunha por parte delas nin dos profisionais que leven a cabo o aborto na clínica legalizada a tal fin, de informar aos pais.
Isto é unha barbaridade tal que aínda me pregunto cales son os intereses reais detrás desta medida, xa que cunha medida así é evidente que se coloca ás menores nunha situación de indefensión e debilidade tremenda, privándoas da posibilidade de recibir o apoio familiar necesario para tomar unha decisión verdadeiramente libre e sopesada. Unha rapaza desta idade non é unha adulta aínda, por moito que teña relacións sexuais, e precisa de educación, control e seguemento por parte de quen ten a obriga de o facer, que son os seus pais. Cal é o razoamento de base que se fai para chegar á conclusión de que hai que deixar en mans da menor semellante decisión? Que os pais a obrigarán a seguir adiante cun embarazo non desexado? Que iso atentaría contra o dereito da adolescente a planificar a súa maternidade?
Pregúntome por que non pór o límite nos 12 ou 13 anos, idade na que, polo visto, cada vez máis rapaces e rapazas manteñen por vez primeira unha relación sexual. Cal é a diferenza? Tamén me pregunto por que non estabelecer entón a maioría de idade nos 16 anos.
O argumento repetido de que unha rapaza pode contraer matrimonio a partir dos 16 anos para min non ten valor ningún, xa que eu tampouco entendo como é posible que unha rapaza ou rapaz poida casarse a esa idade...
Só entendo semellante despropósito na presión cada vez maior da caste médica sobre os poderes públicos. As clínicas abortistas que funcionan neste país, con autorización do Ministerio correspondente, máis subvencionadas só en parte, levan anos instaladas na inseguridade xurídica de quen incumpre a lei sistemáticamente e vive en perigo constante de seren denunciadas. Así ocorreu no ano pasado, no que saíu á luz a cantidade de clínicas que levan a cabo abortos ilegais en condicións ilegais etc. Aínda teño por coñecer a primeira clínica que cumpra a lei ou a cumprise todos estes anos, en todas as materias, especialmente cando se trata de ofrecer unha información veraz sobre o que supón un aborto, para nai e feto, e como se leva a cabo. Por non falar da desconsideración total que hai cara ao que se considera un "amasillo de células" e que fica tirado en calqueira contedor de lixo, ás veces aínda vivo.
Con esta liberalización do aborto hai quen vai encher os petos coma nunca, e moito me parece que van ser os mesmos que xa se están a beneficiar da gripe porcina e da invención doutras enfermidades como a THDA, que xa foi convenientemente "extendida" e está a ser tratada polos psiquiatras infantís con "Rubifén", anfetamina últimamente recetada de maneira bastante alegre e que converte a nenos de 8 ou 9 anos en dependentes totais do Metilfenidato Clorhidrato, droga cuxas consecuencias e efectos secundarios empezaremos a ver nos vindeiros anos.
O verdadeiramente progresista, en materia de prevención de embarazos non desexados, non é esta reforma da lei do aborto, nin a venda libre da pílula do día despois, nin a "formación afectiva" ofrecida polos centros "Quérote" da Xunta. O verdadeiramente progresista é protexer a quen non pode facelo por sí mesmo, os nenos e nenas, e ás veces, o que cómpre é protexelos das propias institucións e do propio estado.
O Estado, neste caso, deixa ás adolescentes a mercede dos carniceiros que habitan as clínicas abortistas. Veremos as consecuencias.

martes, 12 de mayo de 2009

"Gnomónica e reloxos de sol"

Onte procuraba información sobre como construír un reloxo de sol dunha maneira sinxela, e é que os meus alumnos e eu estamos traballando o tema do tempo cronolóxico. Boa falta me fai tratar este tema dende un punto de vista máis "científico" e menos dramático, xa que o paso do tempo deuse en converter no meu grande problema: inexplicablemente, a miña percepción do tempo mudou dende que cumprín os trinta e teño, cada vez con maior frecuencia, a sensación de que o tempo foxe de min. Agora din en contalo polas fases da lúa e non hai día que non me asegure de que, efectivamente, a lúa mingua e medra conforme a como o ven facendo nos últimos milenios, proba irrefutábel de que o problema non é cósmico senón máis ben persoal.
Porén, non quero levar o tema do tempo ao terreo persoal, senón que quero comentar unha curiosidade que atopei onte na Rede. Trátase do reloxo da fotografía e chámase "reloxo anular" ou "benedictino". Non é a primeira vez que o vexo: naquela serie de debuxos animados de Willy Fog, na que este daba a volta ao mundo, o seu compañeiro Tico adoitaba mirar a hora no seu reloxo anular. Lembrarédelo se sodes da miña xeración...
Pois aprendín que o tal reloxo foi inventado por un monxe benedictino aló polo século XI. Tratábase de dous aneis unidos entre sí; nun deles hai unha perforación pola que entraría o sol. Para saber a hora solar hai que xirar os aneis facendo coincidir o día co mes en curso. Ao suspendelo no aire, o sol entraría pola perforación proxectando a súa lúz nunha das marcas do anel, amosándonos a hora solar (que logo ten que ser corrixida segundo a latitude na que vivamos).
Tamén aprendín que a gnomónica é a ciencia que estuda a arte da construcción dos reloxos de sol, e que o "pauciño" que nos reloxos de sol proxecta a sombra sobre a hora en cuestión, chámase gnómon. Igualmente, aprendín que hai un monte de tipos de reloxos de sol e que hoxe en día hai artesáns que se adican á fabricación destes, en todos os materiais, tipos e tamaños.
Neste vídeo explícase como construír un reloxo de sol ( está en inglés ): http://www.wonderhowto.com/how-to/video/how-to-make-a-sundial-50485/

viernes, 1 de mayo de 2009

"As Burras de Xanceda"




http://www.facebook.com/ext/share.php?sid=34588724994&h=DwBWJ&u=j5om7&ref=mf


Atopei este vídeo colgado na web da Casa Grande de Xanceda (http://www.yogurecologico.blogspot.com/), que é a granxa na que se fan os iogurtes que consumimos na casa, e pareceume interesantísimo que nesa granxa, para defender o rabaño de vacas dos ataques dos lobos que periódicamente viñan sufrindo, introducisen dous burros, que, grazas ao seu instinto defensivo, espantan aos lobos a couces e rebuznos, ao tempo que alertan aos mastíns para que ataquen aos lobos. Iniciativas destas, imaxinativas mais baseadas en experiencias que levan a cabo noutros países, son as que cómpre introducir en casos coma este. Non todo ha ser mirar á Administración e exixirlle compensacións. Os lobos teñen que ter o seu espazo nos montes galegos, sen ser incompatíbel coa pervivencia das explotacións agrarias.


Lembro ter lido algúns textos sobre a recuperación do lobo nos Estados Unidos e a introducción de animais de "garda" de rabaños, distintos do can coma o burro ou a llama é algo que tamén se fixo alí. Igualmente, as granxas de producción laneira e/ou leiteira localizadas en territorios nos que se trataba de recuperar as poboacións de lobos, obtiñan unha certificación oficial que facía que os seus produtos acadasen un prezo maior no mercado. As campañas ecoloxistas de apoio tanto á recuperación do lobo como á pervivencia da actividade gandeira, tiñan como consecuencia que os consumidores apreciasen estes produtos procedentes destas granxas, estando dispostos a pagar máis. Un éxito do que aquí había que tomar nota.


"Ácaro do po, marciano estraterrestre, mutación do virus da gripe?"