lunes, 28 de julio de 2008

"O Desencanto da Mestra"



Copio aquí un artigo de opinión publicado na rede por unha mestra e nai que reflexiona sobre a súa experiencia profesional e saca conclusións. Unha doble visión do sistema educativo, a da nai e a da mestra. Gustaríame que comentasedes o artigo.


DESESCOLARIZACIÓN
Como profesional do ensino e como nai que son, con este comezo de curso din en reflexionar sobre unha cousa nova, na que nunca pensara antes. A miña filla tén un ano e coidei dela ata este mes de setembro, no que me incorporei ó meu posto de traballo.
Agora pasa unhas horas cada mañá cunha rapaza-canguro coa que se relaciona moi ben e aparentemente están as dúas moi contentas a unha ca outra.
Eu teño 25 nenos na miña aula de infantil, na que fago de apoio. Teñen 3 anos. Tódolos días hai algún que vén forzado, chorando e con nervos. Os papás e mamás déixanos dentro, fechan a porta e desaparecen. Eu teño que tratar de que se tranquilizen pero normalmente non o consigo. Somentes o paso da mañá vai facendo que se esquezan do disgusto e participen algo na clase.
Están a maioría enfermos, maiormente de catarros e similares. Ainda así os pais séguenos traendo. Eu estou enferma dende que comezou o curso. A miña nena tamén.
A profesora á que me toca apoiar é unha muller desencantada por ter que dar clase nunha aula prefabricada de 30 m, que incumpre tódalas normativas díría eu, en materia de espacio, seguridade, salubridade, etc. Pero alí nos meteron. Como non hai espazo temos que conseguer que estean sentados toda a mañá, senón é un caos. Cando chove non podemos saír, non hai patio coberto. Entón pasan de 9 a 2 alí metidos, sentados.
Nenos de 3 anos. Algúns méxanse e outros cáganse. Chamamos ós pais. Veñen cambialos e déixanos outra vez limpos e secos ca correspondente reprimenda por facerlles ir perder o tempo ó colexo.A nós mírannos con cara acusadora.
Dende que comezou o curso diría eu que aprenderon xa varias cousas: que hai que estar sentado, que non se pode xogar ata que así o indique a mestra, que hai que escoitar cando a mestra fala, que o lobo é moi perigoso( sae en tódolos contos que lles conta a mestra) e pode agocharse en calquera recuncho para comelos, que se un neno ou nena está triste ou chora é "feo" e non lle hai que facer caso...
Eu xa aprendín tamén varias cousas. A máis chocante é que " os nenos dos inmigrantes, as menos facilidades posibles".Como vén da mestra titular, deduzo que é a doctrina oficial do centro. Non é estrano que o outro día o pai dun neno "inmigrante" fose ó centro feito unha furia a montar un escándalo dicindo que os seus fillos sufren "discriminación".
Este é o meu primeiro ano en Infantil. Pero xa pasei por tódalas idades. Din clase en tódolos cursos, tamén na ESO. Xunto co que aprendo este ano, están as ensinanzas dos anos pasados. Todas son semellantes.
Por iso declárome obxectora ao sistema escolar. Négome a escolarizar a miña filla. Penso que seu pai e eu somos capaces de lle ensinar moitísimo máis do que pode o sistema escolar. Ademáis non estamos dacordo nin coa ideoloxía nin cos contidos do sistema.Toda esa estructura é inmobilista, xera violencia e insatisfacción, anula a creatividade, e a ilusión por aprender e por ensinar. Ensinarémoslle nós o que consideremos máis oportuno e da maneira que consideremos. Como penso que para os fillos dos demáis algo podo aportar positivo, seguirei traballando de mestra do ensino público, facéndoo o mellor que sei. Ata agora cría no sistema público de ensino, democrático, participativo e aberto. Trátoo de seguir facendo.
Ademáis, o sistema garánteme a praza, fágao ben ou fágao mal. Só teño que ser puntual, cubrir as miñas horas, non insultar gravemente a ninguén e cumprir máis ou menos co papeleo das titorías, das avaliacións e todas esas cousas. Ninguén me pedirá contas fóra diso. A liberdade de cátedra é un abeiro estupendo para todo.Así son as cousas. Non me gostan, pero son así.
Non son soa. Xa somos moitos pais e nais que, conscientes de que o sistema escolar é unha ferramenta que cumpriu un grande papel dende a súa aparición pero que agora non resposta ás demandas da cidadanía, que van máis aló dese currículo tan limitado, tan decidido por outros. Nós, responsable e conscientemente, obxectamos.

"Egas e Becas" (Epi e Blas falando "portulego")

Introduzo aquí por primeira vez o termo "portulego", que como vos daredes conta, se refire a unha lingua única na que o portugués e o galego son unha mesma cousa con realizacións distintas a nivel oral e tamén na escrita, como pasa con todas as linguas do mundo que se falan en territorios extensos. O castelán non se libra destas peculiaridades: o castelán de Asturias, por pór un exemplo, é ben distinto ao de Sevilla ou ao de Oxaca, e ninguén nega que se trate da mesma lingua.

sábado, 26 de julio de 2008

"DIA DA PATRIA"

Andressolo arénganos dende a súa canle en youtube. Feliz Día para os "patriotas" da outra banda.

viernes, 25 de julio de 2008

"A Familia Duggar"



Estes da foto son a familia Duggar; viven en Arkansas e está composta por papá, mamá e dezasete fillos. Fixeron eles mesmos a súa casa, como explican na súa web, practican o ensino doméstico ou homeschooling, teñen as tarefas do fogar repartidas perfectamente, viven sen débedas e aseguran gastar na mantenza uns 2000 dólares.
Fiquei realmente abraiada cando souben deles e déronme envexa. Se queredes saber como o fixeron, aquí tedes o link da súa páxina web.
http://www.duggarfamily.com/index.html

jueves, 24 de julio de 2008

"Máis estranxeiros que os de Madrí"


A estampa de Castelao fala por sí propia e non precisa de moitas aclaracións, mais eu quixer falar aquí da ambígua relación que os galegos teñen cos portugueses e viceversa.
Coma irmáns que son semellan condeados a non se entenderen de todo. Hai claramente unha atracción polas dúas bandas, mais non é dabonda como para achegárense dunha vez.
Cando viñemos vivir desta banda, teño que dicir que a nosa decisión causou estupor xeral: igualciño que se fosemos vivir a Tromheim!! Por que decidir vivir alí se podes vivir aquí? Pregúntanme. E por que non? Para min é unha oportunidade de aprender, de coñecer, de me enriquecer.
Por que seguimos a vivir de costas se compartimos tanto e se temos tanto que gañar e moito que perder se seguimos con esta actitude? É case esquizofrénica: na feira de Cerveira galegos e portugueses falan castelán para se entenderen! Ninguén quere ser quen é neste xogo louco: os galegos queren pasar por españois e os portugueses non queren pasar por recoñecerse no outro. Cando coñecín a zona do Baixo Miño fiquei abraiada de ver as poucas influencias lusófonas na variante do galego que aquí se fala: hainas, mais realmente son escasísimas se temos en conta que só nos separa un río!!! Semella que hai oposición activa a deixarse influír polo outro.
Non se trata de botar culpas, xa que eu acho que as dúas partes teñen responsabilidade nesta situación, mais tamén recoñezo que hai moito máis rexeitamento galego ao portugués que ao revés.
Non hai que estranarse: como non ha de haber rexeitamento cara ao outro cando os galegos son os primeiros en rexeitárense a sí mesmos? Igual é que son fenómenos intrínsecamente unidos e só cando os galegos recuperemos o amor propio, a identidade e a dignidade ( si, perdémola ) será que apreciaremos máis e mellor aos nosos irmáns portugueses.

lunes, 21 de julio de 2008

"Naicinha"


Atopei esta imaxe na rede e non puiden resistir a tentación de poñela aquí xa que me impactou a escea. Certo é que levo un par ou tres de anos moi sensibilizada co tema da maternidade, e todo o relacionado con ela. Pero non me digades que a imaxe non ten forza dabonda como para que fiquemos coa vista prendida nas caras destas dúas mulleres. Supoñemos que unha é a nai, anque parece xovencísima. A cría está encantada coa idea de pousar para a foto; a nai nono parece tanto. Quen sabe, quizais será unha de moitas nais solteiras daquela época na que semellante sorte traía aparellada a discriminación e o rexeitamento social; por iso, quizais, a expresión dura na súa face.
Pregúntome que é o que fai que inmediatamente pense que é unha fotografía doutrora. A cor? a vestimenta? O fondo? Todo xunto máis ben, fálanos dun tempo difícil para as mulleres na Galiza, tanto nais como fillas. Submetidas á dominación machista por completo, cargadas coa responsabilidade de criar grande cantidade de fillos, de traballar a terra, de ser boas amas da casa...
Cantas veces lle ouvín dicir ao meu veciño de porta que se as rapazas e rapaces da miña xeración tivesemos que pasar por aqueles tempos, sen dúbida ningunha preferiríamos "colgarnos". Eu non diría tanto, porque sei da grandísima capacidade do ser humano para se enfrentar ás máis difíciles circunstancias, pero non podo menos que agradecerlles o traballo feito para que nós, herdeiros deles, vivamos mellor.

domingo, 20 de julio de 2008

"Where the river flows" (Onde o río nace)





Sei que os de meiregos non estarán dacordo comigo, mais para min O Río segue a nacer na Fontemiñá, que quer dicir "a fonte do río Miño" e que non deixa lugar a dúbidas. Se a iso engadimos que se trata dunha verdadeira fonte, onde se ve como as burbullas de auga brotan das profundidades, temos polo menos un dos nacementos do río Miño. Claro que non conta co caché que dá nacer baixo a morrena dun antergo glaciar, como ocorre no Pedregal de Irimia, o suposto verdadeiro nacemento do río; pero eu gosto máis da Fontemiñá, que para iso está na Pastoriza, o meu concello de nacemento.



Sexa como for, tampouco son incompatíbeis as dúas teorías: as augas primixenias do río, que brotan no Pedregal de Irimia, veñen baixando a montaña e bañando a vila de Meira para unírense logo ás da Fontemiñá.




Adoito situarme mentalmente na Fontemiñá e na Serra de Meira, e percorrer a xeografía galega como o fai o Pai Miño, ata chegar aquí, a estas terras, que para os galegos son o Baixo Miño, pero para os portugueses son o Alto Miño. Dúas maneiras de ver as cousas ben distintas, e tamén dúas maneiras de mirar o río: as vilas galegas fronteirizas dánlle bastante as costas mentras que as portuguesas o miran de fronte. Vése na disposición das casas, en como se organiza a vida ao redor do río. Quizais sexa porque só os galegos sabemos o envelenado que baixa xa dende o seu nacemento, onde periódicamente unha empresa transformadora de leite, vai soltando soros lácteos que matan todo canto no leito do río aniña... Nunha ocasión servíronme un bacalhau en Valença que supostamente fora desalado no río: a información do camareiro, lonxe de me deixar tranquila, fíxome mirar con certa desconfianza para o prato...




Pero o Río todo nolo perdoa e rexenérase por sí só unha vez máis. Dende a miña xanela ofrece unha vista magnífica da Illa da Boega, cunha forma que se me antolla de corazón. O río acompáñame e faime sentir na casa.


"Matrix"


Hoxe conducindo no coche e ao parar no semáforo en vermello, din en reflexionar sobre a mansedume do ser humano, a súa educabilidade, ductibilidade, maleabilidade e resiliencia (características dos "estados da materia"). Parece que todos nos puxemos dacordo en que é mellor pórse dacordo para convivir e así acordamos regular o tráfico con cores, por poñer só un exemplo. Pero dende o mesmo momento en que un bebé é concibido xa está predeterminado case todo! Como se ha chamar, a onde ha ir á escola, con que amigos ha xogar... e, en definitiva, que tipo de persoa ha ser. Na nosa sociedade están totalmente regulamentados todos e cada un dos aspectos da relación entre as persoas: ata as normas de cortesía axeitadas para cada ocasión. E é nas escolas onde sistematizamos todas estas normas para llas ir facendo interiorizar aos miúdos, secuencializadas por complexidade e idade. É abraiante como todos aceptamos como normal e indiscutible o que non é máis que convencional e produto da sociedade. Non deixa de me sorprender este aspecto, que se manifesta con maior intensidade cando calificamos aos que son diferentes e actúan diferentes como "anormais" ou "raros". Todas as sociedades humanas fan o mesmo e no planeta Terra pódense atopar tantos modelos como se queira.
Este aspecto do noso comportamento denoméase "determinismo cultural" e ten dado lugar a tanta polémica e debate como se poida imaxinar. O home non é libre senón que nace "determinado" pola sociedade á que pertence, opoñéndose así a súa liberdade ao determinismo, teñen dito moitos filósofos entregados ao estudo deste tema. Esta idea lémbrame á película Matrix, que reproduce unha sociedade que se recrea a sí mesma nos soños dos seus membros, namentras os "amos" se aprobeitan da enerxía liberada polos corpos de todos aqueles seres perdidos no mundo onírico da ensoñación sen se daren conta do triste papel que representan, e só uns cantos, a "resistencia", conqueriron a liberdade, saíndose do sistema e vendo a realidade tal cal é.
Hoxe, parada no semáforo en vermello, preguntábame se non serei eu tamén da resistencia, por ter este tipo de "metapensamentos".

miércoles, 16 de julio de 2008

"Foise Ruli"

Ruli era a nosa cadela branquiña coma unha folerpa de neve.
Onte deixounos nunha fría mesa metálica de consulta de veterinario. Eu chorei amargamente por non ter mellor decisión que tomar cá de axudarlle a non seguir sufrindo tanto. Só fun quen de mirar o seu corpiño inmóbil, xa sen vida. Os ollos abertos cara o infindo da morte magoáronme a alma.
A miña cadela e eu pasamos moitos anos xuntas, dende aquel día en que chegou a nós, pequechiña e deslumbrante, co seu fuciño rosa e o seu rabiño encoscado, como se dunha sorte de porquiño se tratase.
A miña cadela vivíu á par miña os tempos bos e malos que nos tocaron. Xa non volverá aledarnos o día co seu implacable optimismo. Un pouco de min ficou perdido naquela mesa fría e metálica.

"Anduriñas: as máis queridas"

Gosto muito de escoitar os chíos das anduriñas ao pasar en voo rasante na procura de insectos para lles levar aos poliños no niño. Transpórtanme á nenez, cando a súa chegada era benvida polos veciños todos, ledos pola pronta chegada do bo tempo. Pousábanse nos cables da luz e, igual que as lavandeiras, bebían nas pozas do camiño. No patio da miña casa tódolos anos facían algúns niños, que ninguén ousaba estragar dun ano para outro, así que só tiñan que retocalo un pouco de ano en ano, coma quen arranxa a súa casa, e xa se puñan a criar. Saían enseguida os poliños e entón comezaban as idas e vidas dos pais co peteiro cheo de comida. Pouco a pouco as pequenas anduriñas ían asomando polo bordo do niño e medrando ata que xa estaban grandes demáis para seguiren alí. Era entón cando máis perigo corrían de caer ao chan e seren devorados polo gato da casa, sempre cun ollo no teito. Eu sempre tentaba volver o pito ó seu lugar, a risco de espantar os outros e provocar unha catástrofe aínda maior... pero morría de pena ao ver o pito indefenso caído no chan.
Meus pais nunca pechaban o puxigo da porta pola noite antes de se aseguraren de que os dous proxenitores estaban dentro, pousados perto do niño. E era motivo de grande preocupación na casa a ausencia dalgún deles.
Semellante sensibilidade das xentes do agro cara ós pequenos e fráxiles seres non é máis que unha proba da natureza protectora do hábitat rural e os seres que o poboan que teñen labregos e gandeiros. Ninguén mellor cá eles coñece o valor da anduriña, non só como belísimo animal senón tamén como limpador do ar ao se alimentar dos insectos abundantísimos na época de primavera e verán.
Verdadeiramente un quixera que as anduriñas se quedasen todo o ano connosco. Sinto moita pena cando se van e quedo coa esperanza de volvelas ver novamente.

"Xenial Tummy Tub"







Preséntovos aquí a primeira bañeira dos meus fillos. Pode non ser un tema trascendental ou importante para ninguén, mais atopei este video na rede e din en lembrar o tempo en que eu tiña dous bebeciños pequerrechiños na casa: esa sensación de que algo moi especial está a ocorrer a cada minuto na casa, a sensación de alerta total, de angustia tamén ás veces, o olor do bebé recén bañado, os beixiños nas fazulas redondiñas e brandas... ai,ai,ai, que nostalxia!



Reproduce a forma na que "habitan" o útero materno e fainos sentir moi seguros e cómodos. Aínda gardo a nosa bañeiriña con moito agarimo. No hospital Acuario, en Beniarbeig, onde naceron os meus nenos, bañan a todos os recén nados en bañeiras coma esta para lles amosar aos papás como facelo.



lunes, 14 de julio de 2008

"Dar teta é dar Vida"

"Cala e empuxa"

Neste vídeo denúnciase o parto excesivamente medicalizado, a atención ao parto dos servizos de saúde, totalmente deshumanizada. Fala da Arxentina, pero o panorama tanto en España como en Portugal, é idéntico. Trátase de imaxes duras, mais reflicten o que ocorre cada día nos hospitais, tanto públicos como privados dos nosos países.



Neste outro vídeo, titulado "Por tu bien", Icíar Bollaín fai a mesma denuncia. O actor é Luis Tosar, e está estupendo no papel de parturenta.

viernes, 11 de julio de 2008

"Un xuíz americano admite relación entre as vacinas e o autismo e decreta indemnización"



Podédelo ler aquí (está en inglés, se alguén lle interesa, tradúzollo): /www.huffingtonpost.com/david-kirby/government-concedes-vacci_b_88323.html

"O sufrimento nos bebés: non sempre se pode ver"

Tirado de http://www.elmundo.es/elmundosalud/2008/06/24/dolor/1214333180.html
NUEVA PRUEBA DE MEDICIÓN
Algunos bebés no 'muestran' su dolor
Un estudio muestra que no cambian su postura ante estímulos dolorosos
El trabajo también evidencia la eficacia de una nueva prueba para detectar el sufrimiento

LAURA TARDÓN
MADRID.- Los bebés no siempre responden ante el dolor con lloros y muecas. Sin embargo, su actividad cerebral varía cuando están sufriendo. Investigadores del Reino Unido han demostrado la eficacia de una prueba para valorar con más precisión la reacción del recién nacido ante estímulos dolorosos, según un estudio publicado en la revista
'Public Library of Science Medicine'.
La doctora Rebeccah Slater y su equipo, de la Universidad College London (Reino Unido) estudiaron 33 situaciones diferentes en 12 bebés prematuros, clínicamente estables, que habían nacido entre la semana 25 y la 43 de gestación. Los bebés fueron sometidos a una punción del talón, una prueba diagnóstica habitual.
Para valorar el nivel de dolor de los bebés, los especialistas han utilizado la conocida Escala de Evaluación del Dolor del Recién Nacido (Premature Infant Pain Profile, PIPP), un método que tiene en cuenta tres elementos: la expresión facial, la frecuencia cardiaca y el nivel de oxígeno en sangre periférica. Estos tres factores se observaron antes, durante y después de la punción, en intervalos de 30 segundos.
Reacciones
Una cámara de vídeo grabó la respuesta conductual y las expresiones faciales de los bebés desde los 15 segundos antes del pinchazo hasta los 30 segundos después. Las conductas se clasificaron en una tabla, al igual que las expresiones faciales, que normalmente consistían en arrugar la frente, los ojos y el labio superior. Además, los prematuros fueron monitorizados, para que los especialistas midieran el ritmo cardiaco y el nivel de oxígeno en sangre. Al parecer, la frecuencia cardiaca aumenta ante el dolor, mientras el oxígeno disminuye en la sangre.
La novedad de este trabajo es que los investigadores utilizaron otra prueba, denominada espectroscopia de reflectancia en el infrarrojo cercano, para medir la concentración de oxígeno y hemoglobina en el cerebro de los bebés. Para ello, colocaron sensores en la zona del cerebro responsable de las sensaciones, la corteza somatosensorial.
Tras realizar la espectroscopia, se observó un aumento de la concentración de la hemoglobina total en la zona del cerebro relacionada con las sensaciones después de la punción del talón, en 30 de los 33 situaciones. Esto indica una clara relación entre la actividad cerebral y el dolor.
Al contrastar los resultados de ambas pruebas (la escala y la nueva herramienta), los autores observaron que en 10 de las 33 situaciones evaluadas, los bebés presentaban cambios cerebrales ante el dolor de la punción, aunque no mostraban modificación alguna en su expresión facial. Estos resultados indican que "la valoración del dolor basada únicamente en las herramientas de comportamiento podrían subestimar el dolor experimentado", afirma la doctora Slater.
Precisamente porque el nivel de dolor de los bebés no siempre puede medirse correctamente, la capacidad de la espectroscopia para medir la respuesta cerebral de los bebés después de la punción permite mejorar las herramientas que se utilizan actualmente para medir el dolor de los bebés, es decir, la Escala de Evaluación del Dolor del Recién Nacido (PIPP). Así, elementos conductuales, fisiológicos y cerebrales conforman un método más completo y perfeccionado para valorar el nivel de sufrimiento de los bebés ante un evento nocivo.

martes, 8 de julio de 2008

"Falando de Galiza e do galego..."

O día en que nesa terra se asuma con normalidade a lingua propia, sen ningún complexo nin conflicto, é que a miña familia e eu voltaremos a esa beira para disfrutarmos, por vez primeira, da sensación de sentirse na casa. Entrementras, prefirimos quedar deste lado, onde sentimos os nosos dereitos lingüísticos plenamente garantidos ao abeiro da lexislación portuguesa, e é que hai menos distancia entre o "can" e o "cao" que entre o "can" e o "perro".( xa me volvín esquecer de mercar un teclado como deus manda... http://www.udc.es/dep/lx/cac/escritos/20041024-tecl.htm).

"Telefónica non respecta aos galego-falantes da Galiza"

Copio aquí unha queixa recibida nunha asociación en defensa da lingua galega dun usuario da compañía española Telefónica, que opera hexemónicamente en Galiza e que polo visto non respecta todo o que debera os dereitos lingüísticos dos galegos...
Estimad@s Sr@s:
Contáctolles para lles comentar o trato que recibín hoxe pola mañá cando intentaba pedir a baixa da miña liña telefónica na compañía Telefónica. En total tiven que chamar ao teléfono de atención 1004 unhas cinco veces. A primeira delas selecionei a opción "se desexa ser atendido en galego pulse 2" e fun atendida, mais atendéronme en castelán. A chamada, cando era redirecionada ó servizo de baixas, cortouse. A segunda vez selecionei a mesma opción e respostoume unha operadora, esta vez si en galego, pero que me explicou que tiña que volver chamar e selecionar a opción en castelán dado que ela non podía redirecionar a chamada sen que se lle cortase. Para solucionar o problema, non podía ser en galego. Esixín o cumprimento do meu dereito a ser atendida en galego e que se tramitase a miña baixa sen ter que voltar chamar e a operadora disculpouse dicindo que non era posible, que tiña que volver chamar e selecionar a opción do castelán.
Efectivamente, así o fixen, e logo doutros tres intentos conseguín que me tramiten a baixa. Finalmente, cando rematou a atención da última operadora, en castelán, pasáronme con outra que ía avaliar a atención recibida por min, que eu qualifiquei de deficiente e discriminatoria para os galego falantes. Ela dixo que tomaba nota e pasaría a queixa ao departamento correspondente.
Eu pediríalles que esixan a Telefónica o cumprimento do seu deber de atendernos ós clientes que o solicitemos na nosa lingua, dado que tamén somos clientes coma os demais, que pagamos puntualmente as facturas. Semellante atropelo é propio de quen non respecta á nosa lingua.
Moitas grazas.

"Seguridade das Vacinas?"

Convídovos a ver este documento teatral que fala da teoría que viñeron mantendo durante os últimos anos algúns científicos sobre a orixe da SIDA nas campañas de vacinación contra a poliomelite en África. Interesantes os datos e orixinal a maneira de os presentar.
http://blip.tv/file/683463

lunes, 7 de julio de 2008

domingo, 6 de julio de 2008

"Carta de despedida"

Equí reproduzo o texto íntegro da famosa misiva de despedida dos meus antepasados oleirenses que, no século XVIII, decidiron mudar terras galegas por portuguesas, converténdome así en portuguesa de adopción. A carta ía dirixida a un querido veciño de porta, a quen lle pedían que se fixese cargo do seu acuario, con peixes incluídos.
Excelentísimo Senhor:
Saúdao atentamente a Familia D´Proída, que, como moi ben sabe, se atopa nunha situación de inminente traslado ao país que foi berce do inimitable Camoes, cuxa obra épica "Os Lusíadas" acadou cotas extraordinarias de qualidade na Literatura Universal. Vila Nova de Cerveira, "Vila de Cervos", "Vila das Artes", fundada polo ilustrado Rei Don Dinís de Portugal, coroada triunfalmente polo bravo e desafiante cervo que habita os desnudos penedos da montaña, será o lugar de acollida desta pequena pero auténtica familia catalano-galega, ou catalega, según algúns autores.
Con pena e inmensa tristura deixamos estas terras galegas, nordesías e venteadas, así como as súas xentes, verdadeiros exemplos de humanidade e patriotismo, mudando así irmáns por irmáns nesta contínua e imparable búsqueda da identidade.
Cómpre concentrármonos no esencial, no verdadeiramente importante e non atármonos ao material, ao carente de espíritu. A xesta que iniciamos esíxenos sacrificios, como as grandes empresas requiresn. Con enteireza procedemos, por tanto, a alixeirar o peso da nao familiar, que surcará tal día coma hoxe, un día, a xeografía galega de norte a sur, emulando a tortuosa e heroica viaxe do Pai Miño.
Sendo coñecedores como somos da grande paixón que as vosas mercedes senten polos mergullados mundos do Reino de Neptuno, é que lle ofrecemos, sen cargo algún, a titularidade do noso acuario, así como de cantos accesorios e inquilinos o habitan: tres escalares, reis indiscutíbeis das súas augas; cinco monxiñas, oportunistas exemplos da carreira pola supervivencia; dous peixes coridoras, limpadores incansables dos fondos mariños; dous ancistrus, eficaces limpadores de fondo e comedores das algas das paredes transparentes do cristal que ciñe este mundo mariño e un gourami chocolate, solitario habitante, viúvo do seu compañeiro, pero supervivente nato. Suman en total trece exemplares en convivencia pacífica e harmoniosa durante máis de dous anos. Trece vidas pequenas pero importantes cuxa integridade se vería seriamente ameazada pola viaxe á que anteriormente fixemos referencia.
Agardando unha resposta positiva, aproveitamos para lle enviar os nosos mellores cumprimentos.
Familia D´Proída.

viernes, 4 de julio de 2008

jueves, 3 de julio de 2008

"Cerveira: a morada do pederasta"



Mirádeo ben: é Ulrich Sulchz, de nome artístico Oliver Shanty. Consumidor habitual de "recaptadores de serotonina"( prozac, seroxat...), deixábase ver polas farmacias de Tui non sen chamar a atención polo seu aspecto de hippie moderno. Non se sabe que outros propósitos o levaban a sitios como Tui ou Vigo, á parte da proximidade destes lugares á vila na que decidiu asentarse: Vila Nova de Cerveira, a Vila das Artes, vila de cervos á que este "artista" patrocinou á maneira dun mecenas moderno, agasallando ó grupo local de bombeiros con varios camións ou agradecéndolle á Cámara Municipal a súa concesión de Medalla ao Mérito cunha fermosa estatua dun cervo, que adorna unha das zonas públicas próximas á propia Cámara.

Por dúas décadas este delincuente buscado pola policía de toda Europa, estivo afincado en Cerveira, nas ladeiras de Loivo nas que mercou dúas quintas. Sen se esconder, senón vivindo coma un cerveirense máis, anque incapaz de falar portugués, foi que o pederasta acusado de máis dun centenar de abusos a menores, se converteu nun homenaxeado cidadán, con medalla incluída.

Un non pode menos que reflexionar sobre como os depredadores se moven entre as presas coa máis grande impunidade. Non son quen de entender como este personaxe repugnante tivo a posibilidade de vivir plácidamente ollando as vistas fermosísimas da desembocadura do Río Miño por máis de vinte anos. Como é posible que ninguén sospeitase do tipo de vida que levou aquí todo este tempo? Como é posible que fose quen de trasladar a súa secta a Cerveira e ninguén se dése conta? Como é que un pode escoitar a súa música en internet, mercar os seus discos, financiar a un delincuente?

Por primeira vez síntome algo inqueda desta beira; agardo que con el caian todos os que coma el buscan o pracer na destrución da infancia allea e Cerveira quede limpa de pederastas.