lunes, 30 de marzo de 2009

"Peche a caixa de Pandora, señor Feijóo"


Peche a caixa de Pandora, señor Feijóo
MANUEL RIVAS 27/03/2009

O proverbio di que se pilla antes a un mentireiro que a un coxo. Mais o que o proverbio non conta son as veces que na historia a xente confundiu o coxo co mentireiro e foi á súa caza, mentres o mentireiro aínda tiña tempo de rir do aleixado: "Que ben coxea ese cabrón!". Moitas teñen sido as trolas que colaron na Historia. Trolas que fixeron moito dano. Trolas que duraron anos e anos. Que acadaron o rango de grandes verdades instituídas até esvaeceren na nada. Trolas que marcaron a ferro a xeracións enteiras. E aínda a culpa sería do pobre coxo que, como Galileo, tratado de mentireiro durante séculos, ousara afirmar: "E pur si muove!"
O presunto estado de "imposición" do galego funcionou e funciona como unha lenda urbana
O Galilei demostrara que a Terra viraba sobre si e arredor do Sol. Mais o pensamento túzaro da época non estaba para aturar semellante sutileza. Penso que ese sería un bo lema para o futuro do galego nestes tempos de tribulación, no que se anuncia a derrogación das leis que desenvolvían o mandato da Constitución para acadar unha real cooficialidade. É o intre de que todas as persoas e entidades conscientes da delicada situación na que se atopa o noso máis valioso patrimonio cultural, pronuncien en nome do galego: "Eppur si muove!" (Móvese!).
Por que chegamos a esta situación, impensábel aínda hai ben pouco? Porque se abriu, por oportunismo electoral, a caixa ou xerra de Pandora, a que gardaba as treboadas, tronos e lóstregos. E espallou-se, con total irresponsabilidade, unha consigna envelenada: a da presunta "imposición" lingüística (do galego sobre o castelán!). Hai trolas que, na lembranza, ficarán como trasnadas de campaña, como trapalladas. Mais hai trolas que se espallan como mecha, aniñan nos prexuízos e atoan o entendemento. Non só afecta ao futuro do idioma galego. Cando se produce o triunfo dunha falsidade é toda a sociedade democrática a que padece os efectos. A unha trola pode seguir outra até construír unha imaxe falsa da realidade. E iso só pode traer unha consecuencia: desleixo educativo, empobrecemento cultural e retroceso democrático e no benestar social. Como estamos a ver coa crise da economía global, unha sociedade aberta e próspera só pode cimentarse sobre a verdade das cousas.
Nestes últimos meses tenme cadrado falar con diferentes persoas totalmente convencidas de que nos centros de ensino de Galicia, mesmo na Coruña, onde moramos, os rapaces só poden estudar castelán na clase de lingua e literatura castelá. E aínda máis. ¡Había centros que se converteran nunha especie de campos de concentración onde os rapaces só podían expresarse en castelán nos recreos e aínda así eran vixiados! Quen me contaba iso eran persoas correntes. E non só no ensino público. Tamén nos concertados ou privados había a "imposición"! Preguntei se nos centros onde ían os seus fillos pasaba tal cousa. Responderon que non, por suposto. Preguntei entón o nome dalgún centro onde se dera ese estado de "imposición" totalitaria, que mesmo levaba á persecución dos nenos no tempo de lecer. Os institutos públicos? Os Xesuítas? A Grande Obra? A Compañía de María? Talvez nos colexios do Opus se estaba a impoñer o galego e nós sen sabelo. Non. As respostas eran sempre as mesmas. Dis que por aí... E o por aí sempre é outro sitio, a cada vez máis afastado. Primeiro, Corcoesto. Logo, Coirós. Logo, Irixoa. Logo... Talvez na Galitzia, en Polonia. É dicir, un lugar imaxinario. Na auténtica realidade, na realidade que estaba diante nosa, a gran maioría dos centros non acadaba os mínimos da cooficialidade bilingüe.
O presunto estado de "imposición" funcionou e funciona como unha lenda urbana. Todo o mundo preocupado por unha "imposición" inexistente, mentres o que ocorre na realidade é un proceso cada vez máis acelerado que pode levar ao border line da extinción. O mundo do revés. O que ocorreu e está a ocorrer con este asunto lembroume a inesquecíbel lección de xornalismo que deu Le Monde cando publicou unha reportaxe no municipio de Francia onde a dereita bruta de Le Pen acadara maioría absoluta, que era na área próxima á fronteira con Alemaña. Un lugar moi tranquilo, mesmo bucólico. A maioría dos seus habitantes eran maiores, na vellez ou camiño dela. Os xornalistas foron preguntando o por qué apoiaran esa opción extrema e todos os entrevistados coincidían: para frear a inmigración. Mais ocorría unha cousa curiosa: nese municipio era no que menos inmigrantes había e os que había dedicábanse, precisamente, a coidar as persoas anciás en condicións salariais que os franceses de toda a vida non aceptarían nin a tiros. Así que a realidade era ben surrealista: vellos coidados por inmigrantes que daban o seu voto a unha formación política que quería botar fóra os emigrantes. Tíralle do aire!
Mais volvendo ao noso marabilloso caso, está claro que a lenda urbana da "imposición" funcionou porque a dereita mudou a súa posición histórica (a mantida dende 1983) e adoptou as teses extremistas, talvez para cegar o paso a Rosa Díez, que foi tan axiña upada como será desprezada cando xa non sexa útil. O outro factor foi que en medios importantes, e tradicionalmente prudentes, a verdadeira información foi substituída pola maquinaria pesada da propaganda. Tamén sumándose á lenda urbana da "imposición".
Hai algunhas lendas "urbanas" máis, derivadas do pensamento túzaro, que deforman por completo a realidade. Por exemplo, esa ladaíña de que a cultura galega é unha cultura subvencionada. Os máis afeitos a ese retrouso, por suposto, son os profesionais das subvencións, os expertos en chupar da teta. Fronte a esa lenda, cómpre dicir a verdade: non hai cultura menos subvencionada que a galega en toda a contorna do mundo occidental. Na lenda urbana dos túzaros, fálase de continuo de presuntos intelectuais e artistas que viven na gloria subvencionados e agradecidos. Eses seres, por suposto, non existen. Todos, que eu saiba, teñen que compatibilizar o seu mester con outro traballo para tirar adiante. Os que si existen son os ventrílocuos dos medios subvencionados. Ninguén cuestiona as subvencións directas a deportistas, mais non hai nada semellante no eido da cultura. Aquí o que cobrou subvención foi Julio Iglesias, que levou por un día máis que a cultura en todos os tempos, Bella Otero incluída. En serio. O que se destina ao libro e ás bibliotecas galegas segue a ser moi pouco en comparación co resto de España e Europa. E velaí temos o resultado: seis de cada dez galegos afirman que non len nunca (é dicir, nunca!) un libro. Haberá quen diga que os libros son malos. Mais é difícil saber se un libro é malo se non se abre nunca ningún (é dicir, ningún!).
Ben. Impúxose a mentira da "imposición". Hai que recoñecelo. O modelo de normalización por consenso foi derrotado. Foi derrotada a herdanza de Ramón Piñeiro e da moderación galeguista. Mentres prosegue a satanización do ex Goberno, co concurso entusiasta dos inevitábeis discípulos de Caín, cómpre lembrar que tanto a Consellería de Educación como a Secretaría de Política Lingüística tiñan por titulares persoas independentes nomeadas polo PSOE, con bo historial, máis que pousadas, moi moderadas, e que levaron a súa función con tanto tento que me fai lembrar aquel verso aforístico de Pereiro: "Escribir con delicadeza na caixa de Pandora".
Mais os que abriron a caixa de Pandora non che estaban para delicadezas.
Os novos mandatarios, a comezar por quen vai presidir a Xunta de Galicia, terán a responsabilidade de ler de novo, polo miúdo, a histórica Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983), aprobada por unanimidade de todos os grupos, e o decreto que desenvolve o previsto por esa lei no eido do ensino. Esa lexislación acordouse no Parlamento galego, mais é moi importante que non se esqueza que o seu berce está na Constitución democrática, onde se estabelece a especial protección e cooficialidade dos idiomas galego, vasco e catalán nos ámbitos territoriais das nacionalidades históricas. Así o ratificou, xa en varias ocasións, o Tribunal Constitucional. Cómpre lembrar unha vez máis que a Lei de Normalización foi promulgada por un Goberno conservador, sendo presidente o señor Fernández Albor, e que na súa elaboración tivo ese papel nuclear Ramón Piñeiro, a quen o señor Núñez Feijóo sinala sempre como un referente polo seu galeguismo moderado. Desa madeira, a do galeguismo ilustrado e liberal, é tanto a lei como o decreto que a desenvolve no ensino: textos racionais, sensatos e acordes co seu tempo e coa xustiza.
Esa lexislación non foi froito dun delirio. Foi moito tempo meditada. Foi feita por xente que cría na democracia e na autonomía. E no futuro da lingua galega, compartido nun espazo de simpatía co castelán. Pódense derrogar esa lei e ese decreto, mais por que e para que? Neles toma forma, con precisión e xustiza, o espírito da Constitución e do Estatuto de Autonomía.
Ande, señor Feijóo, tape a caixa de Pandora, devólvalla a quen a abriu, e proceda polo ben da Galicia enteira, esquerda e dereita, galeguista ou non, a escribir con delicadeza.

El País, 27-03-09

"A primavera chegou ao Baixo Miño galego ( Alto Minho portugués)!"


















viernes, 27 de marzo de 2009

lunes, 23 de marzo de 2009

"Matan as escolas a creatividade?" ( si, claro )

"O Conflito lingüístico: definición, causas e consecuencias"


Todas as linguas manteñen entre si unha certa tensión ou pugna. A diferenza está no lugar da escala de funcións onde se estabelece a loita e nas características sociolingüísticas das comunidades de falantes. Até hai pouco, o inglés e o francés pugnaban por acapararen a función de lingua internacional, mais esta pugna non implicaba un conflito lingüístico; a tensión que manteñen co español o catalán, o euskera e o galego sitúase, en graos diferentes, no resto das funcións, hoxe con especial relevancia nas básicas, e esta tensión si é conflitiva por compartiren territorio. A pugna lingüística é, por natureza, un proceso dinámico no que se producen constantes deslocamentos e transicións, observábeis na historia mais recente da situación na Galiza e que, segundo o seu devalar, pode acabar no equilibrio lingüístico ou na glotofaxia.
Partindo dun principio básico na teoría da comunicación, o natural é que os individuos dunha comunidade lingüística usen un mesmo código lingüístico, unha mesma lingua; a necesidade dunha segunda lingua só se materializará no momento de estabeleceren contactos con individuos de outras comunidades de fala. Cando nun territorio ou comunidade lingüística, historicamente recoñecida, encontramos máis de unha lingua, estamos, con seguridade, perante un feito que non se xerou espontaneamente e si por causa da súa traxectoria sociopolítica: procesos de expansión, colonización e unificación política e movimentos migratorios son as causas máis frecuentes. A expansión e unificación política costuma ir ligada ao aniquilamento das culturas e linguas diferentes ás da sociedade expansionaria, seguindo un proceso demorado e amparado por un marco xurídico imposto ao territorio sometido. Os exemplos son numerosos nos estados occidentais da Europa, incluído o seguido no reino de España, a partir dos inicios desta configuración territorial na Idade Moderna.
Ante o conflito lingüístico hai, grosso modo, dous posicionamentos encontrados: un que defende, en maior ou menor medida, o uniformismo lingüístico, isto é, a utilización dun único idioma común para todo un territorio-estado e/ou todo o mundo, pois -pensan os seus defensores- a diversidade lingüística humana é un obstáculo para o progreso dunha sociedade futura. O outro posicionamento, o partidario do ecoloxismo lingüístico, nega a validez deste razoamento e propón o mantimento da ecoloxia natural das linguas, o que significa que cada comunidade lingüística debe manter, conservar e promocionar a súa propria lingua, estabelecendo o aprendizado de outras para as relacións con individuos de comunidades idiomaticamente diferentes, segundo a proximidade das relacións ou os intereses xerais.
O ideal do equilibrio lingüístico radica en conseguir que todas e cada unha das linguas do mundo desempeñen no seu territorio proprio a totalidade das funcións posíbeis que pode exercer un idioma. Para poder atinxir este obxectivo nas comunidades en que a lingua propria non desenvolva todas estas funcións, cumpre ter en conta que as funcións dunha lingua manteñen unha relación directa co tipo de aprendizaxe (primaria ou secundaria) dos individuos; a función de identidade depende normalmente de que a lingua se canalice por medio dun aprendizado primario. Pola súa parte, a función cultural e de civilización depende de que exista unha aprendizaxe secundaria por parte dos nativos (que adquiriron anteriormente a lingua de maneira natural) e dos non nativos (que acceden á lingua pola vía cultural). Segundo este fundamento básico, para que unha lingua acade todas as funcións na sua propria comunidade, é imprescindíbel que os individuos que a conforman adquiran nese idioma un desenvolvimento lingüístico completo, cultivándose nel, se se trata de falantes orixinarios do idioma, ou nativizándose se é que non o son.
Mais todo isto depende de múltiplos factores, dos que tres son básicos:a acción institucional da comunidade, materializada através do poder político que debería proporcionar, por medio dunha política lingüística adecuada, a lexislación, as medidas e o apoio necesarios para favorecer o proceso normalizador. As institucións públicas teñen a responsabilidade de normalizaren unha parte importante, cualitativa e cuantitativamente, dos ámbitos sociais: administración, educación, xustiza… Outro factor esencial reside na acción colectiva non institucional daqueles individuos que, posuíndo unha conciencia lingüística, se agupan para loitaren pola normalidade. E un terceiro dependería da acción individual, asentada na vontade de ser das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen este factor, o proceso nunca se poderá levar a termo. A vontade de ser é a actitude que xera no individuo a motivación necesaria para facer el mesmo algo polo idioma, en lugar de esperar que outros o fagan por el. E o mellor que se pode facer pola lingua da comunidade é usala.

domingo, 22 de marzo de 2009

"Na procura de mellorarmos o galego: os marcadores discursivos"


Existen na lingua unha serie de partículas e expresións gramaticais (ben, pois, mais, logo, por tanto, por exemplo etc.), chamadas marcadores discursivos, que posúen grande relevancia na construción do texto ou discurso e que teñen unha frecuencia de uso moi alta principalmente na lingua oral, mais tamén na lingua escrita; tradicionalmente foron preteridas nos estudos gramaticais, mais na actualidade cada vez son obxecto dunha maior e xusta atención por parte dos lingüistas. Igual que acontece en xeral con todas as clases de palabras gramaticais (os diferentes tipos de pronomes, as preposicións, certos adverbios, as conxuncións), que constitúen inventarios normalmente reducidos, ou relativamente reducidos en comparación coas palabras lexicais, os marcadores discursivos, aínda dentro da súa heteroxeneidade, conforman tamén un conxunto máis ou menos limitado de unidades de aparición moi frecuente en calquera tipo de construción textual. Tal frecuencia de uso conduce a un alto grao de polisemia, a asumiren diferentes funcións segundo os casos. É, pois, a multifuncionalidade unha das súas características, como se pode ver con ben, ou sexa, entón etc. Así como son algúns dos marcadores discursivos máis utilizados os que asumen unha maior funcionalidade, tamén acontece que son estes os máis expostos á interferencia do castelán. Na realidade, pasa o mesmo con algunhas formas pronominais (mesmo-*mismo, vostede-*usté, ninguén-*nadie), adverbios (lonxe-*lexos, agora-*ahora, onte-*ayer, sempre-*siempre), preposicións (até-*hasta, segundo-*según, sen-*sin) ou conxuncións (mentres-*mentras, se-*si); ou simplemente acontece que se deixan de usar algunhas das partículas invariábeis que non achan correspondencia no español (agás, perante, porén, após etc.). Se isto está a acontecer con estas palabras gramaticais e pasa o mesmo con outras palabras lexicais de grande uso na vida diaria (avó-*abuelo, Deus-*Dios, móbel-*mueble, teito-*techo, forte-*fuerte etc.), lóxico é que a interferencia castelanizadora afecte tamén os marcadores discursivos, moitos deles provenientes das clases dos adverbios, das preposicións ou das conxuncións. No podían estes importantes elementos lingüísticos ficaren á marxe da tendencia xeral seguida pola lingua. Aínda que existe algún caso de interferencia do galego no castelán falado na Galiza, como de aquella ou y luego, moitos máis son, por suposto, os casos inversos, aqueles en que os marcadores discursivos do castelán se introducen no galego. É a súa alta rendibilidade a que lles confire unha especial relevancia no avanzado proceso de castelanización en que a lingua galega se acha na actualidade e a que os converte en símbolos representativos da desnaturalización que está a padecer o galego, pois hoxe resulta totalmente habitual que unha persoa galegofalante, mesmo culta e especialmente coidadosa co bo uso da lingua galega, utilice, inclusive tamén en actos de grande formalidade, como conferencias, entrevistas en radio ou televisión, ou outro tipo de intervencións públicas, certos marcadores discursivos que deturpan de forma notábel a galeguidade da súa expresión e que transmiten o estigma da alleación lingüística. Poderiamos clasificar, desde a óptica da interferencia, os marcadores discursivos en varios grupos: uns tirados directamente do español (bueno, o sea, vamos a ver, sin embargo, hombre, en primer lugar, de todas formas, de todos modos, mismo, hasta, sin duda, verdaderamente etc.), outros parcialmente adaptados ao galego (é decir ou quere decir, de todos xeitos, mentras, anque etc.), marcadores de dubidosa galeguidade nalgún caso e perfectamente prescindíbeis (entonces, alomenos, sen embargo, en cambio, esto é, eso é, xa desbotados da norma, pero etc.), marcadores en que alternan formas coincidentes co castelán de uso maioritario e outras diferencialistas (en efecto / con efecto, con respecto a / a respecto de, en realidade / na realidade, en canto a / canto a, ademais / alén de etc.; semella aconsellábel priorizarmos as segundas), marcadores plenamente galegos mais preteridos no uso normal (porén, en canto, en tanto, entre tanto, até etc.) e, por último, sinais conversacionais calcados do español (veña!, vale! etc.). Un caso especial constitúeo pero, de grande vixencia na lingua oral e escrita, coincidente na súa forma e nos seus usos discursivos co que posúe o castelán como marcador de contraargumentación que pondera a suficiencia argumentativa. Dado que a forma histórica do galego era peró, de onde resulta a forma sincopada pro, a explicación máis acaída que se pode achar para o predominio actual de pero é o feito de este ser o marcador utilizado en castelán, para alén doutras explicacións que tamén poderían lexitimar a forma en galego, mais talvez non o seu uso esmagador na actualidade. Existindo, pois, algunhas sospeitas de pero ser un castelanismo no galego, e tendo en conta o carácter popular da forma galega pro, seméllanos recomendábel nun modelo de lingua culta a súa substitución por mais, con ampla presenza na nosa tradición literaria moderna, en especial no século XIX, e en ocasións por porén, segundo os casos (Le moito, mais estuda pouco; Mais eu acho que iso é incorrecto / Porén, eu acho que iso é incorrecto). Deixando á parte o caso de pero, de todos os castelanismos introducidos neste importante ámbito da expresión lingüística, non hai dúbida de que o máis frecuente e chamativo, debido tamén á súa multifuncionalidade, é bueno, verdadeiro retrouso omnipresente en calquera acto conversacional, popular ou culto, formal ou informal, desenvolvido en lingua galega e inclusive tamén nos monólogos da máis diversa condición, totalmente rexeitábel e facilmente substituíbel por ben ou bo(n). De conseguirmos erradicalo, xunto cos demais marcadores discursivos que son produto da interferencia, a autenticidade do galego na súa audibilidade ou na súa visualización escrita sairía altamente reforzada. As persoas que pola súa relevancia social adoitan aparecer nos medios de comunicación teñen nisto unha especial responsabilidade, así como o profesorado de lingua galega. Tamén as institucións públicas de Galiza deben velar pola boa saúde do idioma. Un paso importante neste sentido deuno recentemente a Real Academia Galega ao aprobar a reforma das normas oficiais, pois eliminou o uso de formas como entonces, en cambio, anque, eso (é) e esto (é), nembargantes, sen embargo ou alomenos, e introduciu outras como porén, no entanto, após, até, aquén e alén (de), canto a ou a respecto de. A importancia destas mudanzas na norma é moito maior do que nun principio puider parecer, por todo o dito anteriormente. De todas e todos os utentes do idioma vai depender a súa eficacia, sempre na procura de preservarmos a nosa identidade lingüística e de evitarmos a deturpación alleante do galego, nomeadamente no plano oral. E se aínda prescindísemos da dependencia do castelán nalgunhas escollas lexicais (computador e non ordenador, elevador e non ascensor, atendedor e non contestador, parabéns e non felicidades etc.), estariamos a garantir mellor a calidade do noso idioma e tamén o seu futuro.
Xosé Ramón Freixeiro Mato
A Nosa Terra, nº1.103, 6-12 novembro de 2003

jueves, 19 de marzo de 2009

sábado, 14 de marzo de 2009

"Cortinas Asasinas" ( para Mónica )

Unha doce sensación de sono íase apoderando dela mentras engulía a ensalada e o filete coa voracidade propia dos luns ás tres da tarde. Xusto eran as tres da tarde e decidiu que o sono superaba á fame, así que deixou o xantar a medio comer ; garfo, coitelo e prato agardarían o seu momento para logo da tan desexada sesta.
Subiu os chanzos da escaleira de dous en dous; ollou brevemente o cadro de Maruxa Mallo pendurado no alto da escadaría e decidiu que hoxe lle parecía máis fermoso cá ontes: acertara na escolla.
Silandeira coma un gato, deixouse escorregar suavemente entre a porta entreaberta do seu cuarto, por non espertar os nenos que durmían profundamente a esa hora. Enganchóuselle a camisola no picaporte, e con grande estrondo, conseguíu liberarse. Blasfemou mentalmente: "Mecágonaputa!"
Fechou a porta agardando que o barullo non tivese espertado os nenos, espiuse e meteuse baixo o edredón de plumas ao tempo que se apiadou dos pobres gansos ós que lles foran arrancadas en vivo; xa non tiña remedio a cousa, así que decidiu que a mellor maneira de homenaxalos era tapándose ben con elas.
Xa collera a posturiña ideal e estaba a punto de se durmir, cando cometeu o erro máis grande do día, e da súa vida: pasou os dedos polo queixo. Apercibiuse da existencia alí dun pelo duro, deses que saen cada vez máis ca idade. Ignorouno e tentou continuar adentrándose nos dominios oníricos de Morfeo, mais deu en pensar no seu aniversario: xa estaba moi preto e este ano caía en bo día para podelo celebrar... Celebrar que? Que se estaba a facer vella? Que nos seus beizos xa lucía un código de barras? Que cada vez tiña máis pelos duros e negros polo queixo e polo colo e que, aínda por riba, cada vez vía peor para poder sacalos cas pinzas? Non, non, este ano non celebraría nada.
Volveu pasar as xemas dos dedos polo queixo: seguía alí. Tentou durmir, mais seguía alí, e ao peor máis tarde xa non daría con el. Agora polo menos tíñao identificado: se se erguía e o arrancaba sería unha victoria máis ao paso do tempo, e unha barba menos.
Virouse para o outro lado, fuxindo da idea, e tentou durmir.
De súpeto, aquel pelo adquiriu tres dimensións na súa cabeza: era longo, groso e abrírase camiño ameazadoramente a traveso da pel...
Espertou do mal sono. ""Isto rematou!", pensou. Ergueuse da cama e foi dilixente a coller o espello de aumento e as pinzas coas que cercenaría con precisión de ciruxán aquel pelo infernal.
O sol brillaba naquela tarde, así que sería sinxelo dar con el e rematar co pesadelo. Sen apartar moito as cortinas, sentou na banqueta que había á beira da xanela...
O destino preséntasenos ás veces de súpeto e de xeito absurdo; o destino é o resultado do entramado da tea que tecemos aos poucos, cos fíos das nosas decisións. O destino, cando se combina cos colocadores de barras de cortinas chapuceiros, dá como resultado a Traxedia.
O último en que pensou foi nos malditos incompetentes colocadores de cortinas daquela tenda portuguesa de Valença do Minho: Caco de Ouro. A chapuza feita realidade, xunto coa lei da gravidade fixeron alianza, ese último día da súa vida, cun destino sarcástico e cruel.
O golpe na cabeza foi certeiro e a barra de aceiro precipitouse ó chan de madeira logo de ter rematado coa vida dunha muller brillante, preocupada, iso si, nos últimos tempos polo seu lento envellecer e polas súas enrugas e pelos faciais.
Non digo eu que aquela barra aceirada das cortinas non fose caer noutro momento calquera, mais aproveitou para facelo xusto cando maior dano podía facer. Por iso, dende que aquilo aconteceu, na miña casa non quero cortinas, nin barras, nin nada que teña que ser pendurado nas alturas. Por se for o caso...

viernes, 13 de marzo de 2009

jueves, 12 de marzo de 2009

domingo, 8 de marzo de 2009

"Terras de Bouro: onde o Gerés é aínda máis verde"

Terras de Bouro é un dos concellos portugueses que comparten a sorte de ser o solar do Gerés. Facendo fronteira co concello galego de Lobios, accédese a Terras de Bouro a traveso de Portela do Homen, lugar que está perto do encoro de Vilarinho das Furnas, que represa o río Homen.
A auga é o elemento máis abundante nesta área do Gerés e o visitante pode ver, mesmo dende a estrada todo tipo de caídas de auga, fontes, regatos e ríos, dunha auga purísima que ofrece cores turquesa alí onde repompou...

A Cascata do Arado, nas proximidades da aldea da Ermida, é unha das máis coñecidas, por ser, a máis de espectacular, accesible co coche: trátase dun río de alta montaña, o Arado, que se precipita en varios niveis formando lagos cor turquesa. O certo é que toda esta zona agocha fervenzas impresionantes, só accesíbeis a pé.


O Gerés aquí é simplemente marabilloso: hai todo tipo de mofos, carrizos e brións, ademáis de fieitos, que medran nas pedras do chan e mesmo nas pólas das árbores. O respecto dos visitantes pola natureza aquí é tanto que un ten a sensación de que a paisaxe sexa completamente virxe. A vexetación lembra zonas alpinas: abetos e piñeiros alternan cos quercus de varias castes (entre eles as sobreiras) e ,desgraciadamente, nalgúns lugares a mimosa está a facer estragos (lembremos que a mimosa, un tipo de acacia altamente alergóxena anque moi olorosa, estase a converter nunha plaga en toda Galiza e tamén en Portugal, anque aquí declaráronlle a guerra e están a cortar grande número delas).


No lugar de Caldas do Gerés un atopa unha vila envolta polas montañas de dramáticas pendentes. Trátase dun lugar cunha longa tradición termalista, onde se recibe grande cantidade de turistas de todas partes durante todo o ano, e que ofrece servizos como hoteis, restaurantes, tendas de souvenirs, etc. O antigo hotel das caldas está en proceso de recuperación e é fácil pensar no impresionante que debeu ser este edificio, todo recuberto de azulexo en tons rosas, nos seus bos días. Actualmente, o novo hotel, ofrece un servizo estupendo, ademais dunha boa comida. Falando de comida: a típica de Terras de Bouro é o cocido. Alí celebran os "domingos gastronómicos" para dar a coñecer o seu particular cocido así como o resto de comidas tradicionais da zona.

O que aquí se chama "Geira Romana" ou "Via Nova" son os restos da vía romana que transcurría entre Braga (Brácara Augusta) e Astorga (Asturica Augusta), pasando por Ponferrada (Bergidum Flavium) que se conservan por quilómetros en perfecto estado. Falamos dun patrimonio único que os portugueses ofrecen a quen o quere coñecer. A súa construcción é do século I d.c. e permitiu pór en contacto estas zonas do Imperio Romano, das que se extraeu ouro e outros recursos; a Via Nova contribuíu á emerxencia a longo prazo dunha entidade histórica que perduraría política e culturalmente ao longo dos séculos e mesmo dos milenios: a Gallaecia. Os miliarios de Tito e Domiciano documentan a apertura da Via. Foi planificada con todo coidado e cos cálculos precisos, feitos polos topógrafos, que, a pesar dos utensilios rudimentarios da época, foron quen de trazar unha vía que , anque transcorre entre cumios de máis de 2000 metros de altura, só en algúns alcanza os 900 metros de altitude.



Na aldea de Brufe pódese escoitar a misa cantada de domingo polos altofalantes da igrexa ao tempo que se admira o abrupto da paisaxe. Hai un restaurante chamado O Abocanhado, ( de tal maneira inserido no terreo que dende a estrada un non percibe que haxa restaurante ningún) que ofrece belas vistas e boa comida.

As barrosas -nosas cachenas- viven no Gerés como o refuxio último que lles queda en total liberdade. Aquí e alí pódese ver grupiños de vacas soltas pacendo pacíficamente, ou ocupadas en labores máis "sociais" como lambérense unhas ás outras.

As cores do Gerés son todas cantas ten a paleta do pintor, e moitas máis. O Gerés érguese impresionante, fero, inmutable e orgulloso dende terras portuguesas e mira ao Xurés con pena, xa que o irmán galego carece totalmente da biodiversidade e da beleza do luso.









jueves, 5 de marzo de 2009

"O meu listado de políticos atractivos"


A miña amiga O ( que só é un pouquichiño menos cáustica ca min) e eu temos como costume, cada mañá, e antes de comezar a traballar, botarlle unha ollada ao xornal na búsqueda de fotografías de políticos "guapos". Dado que vivimos instaladas nun estado xeral de decepción e pesimismo con respecto aos verdadeiros intereses desta xente unha vez chega ao poder, chegamos á conclusión de que o único interese que espertan en nós é polos seu físico, máis ou menos agraciado ( e é que somos de carne e óso... sobre todo do primeiro...).


De momento, déixovos a miña proposta para presidir o "listado": trátase de Íñigo Urkullu, presidente do PNV, que, sen ser unha beleza, ten "algo" ... Estes días sae moito nos medios, meu pobre, defendendo o indefendible, mais é esa gravidade súa, esa afectación dos políticos vascos ao falar da "causa nacionalista" o que lle dá a gracia.

Non me digades que non é "riquiño", por deus, que como mínimo, ten o mérito de ser dos poucos do PNV que conserva o pelo todo.



La futura Llei d'Educació catalana regulará la escolarización en casa
PSC, ERC e ICV han presentado una enmienda conjunta a la ley que avala esta opción educativa



04/03/2009
Barcelona. (EFE).- La futura Llei d"Educació de Catalunya (LEC) regulará probablemente la escolarización en casa o en el ámbito de la familia, a instancias de los tres grupos del gobierno catalán, que han presentado una enmienda conjunta a la ley que avala esta opción educativa.
Los tres socios del tripartito proponen que la ley incluya una nueva disposición adicional que establecerá que se crearán "las medidas de garantía de los derechos de los niños y jóvenes de los padres, madres o tutores que opten excepcionalmente por educar a sus hijos e hijas, en las etapas de educación básica, en el ámbito familiar". Entre estas medidas, destaca la elaboración de un reglamento que prevea el procedimiento de acreditación pertinente de los menores que se escolaricen en casa para obtener el título de Graduado en Educación Secundaria Obligatoria. Fuentes de ERC han subrayado que la disposición adicional está pensada para regular casos excepcionales, ya que la LEC deja claro que las enseñanzas obligatorias se deben impartir normalmente en los centros educativos. Educar en casa es una opción alternativa al sistema educativo oficial por la que apuestan unos centenares de familias en Cataluña, según las asociaciones en las que se integran muchas de las familias que realizan esta opción, aunque no existe un censo oficial, ya que la legislación española no prevé esta modalidad de escolarización.
(http://www.lavanguardia.es/ciudadanos/noticias/20090304/53651829910/la-futura-llei-deducacio-catalana-regulara-la-escolarizacion-en-casa-barcelona-icv-psc-erc.html)

miércoles, 4 de marzo de 2009

"Feijoó non terá fácil derogar o Decreto do Galego no Ensino"




COMUNICADO DE PRENSA
Resposta da CIG-Ensino ás declaracións do PP contra a nosa lingua no ensino

Diante da actitude belixerante contra o galego, manifestada polo secretario xeral do PP e próximo presidente da Xunta de Galiza que chegou a anunciar a futura derrogación do Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, a executiva da CIG-Ensino acordou, na reunión mantida hoxe, día 4 de marzo, manifestar o seguinte:

Sería inaudito e a primeira vez na historia que un presidente dun país, que acaba de ser electo, anuncie como primeira medida a tomar unha proposta en contra da lingua propia, malia estar totalmente marxinada no sistema educativo e cuns índices mínimos en canto ao seu uso.
Alén do uso electoralista que se fixo dunha fabulada persecución da lingua forte, o español, invertendo a realidade, o PP marca como obxectivo no seu propio programa acadar un ensino trilingüe. Como se entende entón que se queira derrogar un decreto que o único que estabelece é que o 50% das materias se impartan na lingua galega e que o alumnado acade a mesma competencia en galego que en castelán, ao remate dos seus estudos.
Pretende confundir a sociedade, apelando, demagoxicamente, á liberdade, cando o noso idioma non goza dos mesmos dereitos na Galiza que ten o Español. Todos sabemos que a aprendizaxe no noso idioma estivo proscrito e perseguido durante séculos e que, historicamente, é o único idioma asoballado e discriminado
Todos os docentes sabemos que mesmo aquel alumnado que recibe maioritariamente a docencia en Galego, unha minoría insignificante, remata os estudos con máis competencia en español que en galego e que a escola é un espazo de desgaleguización tal e como o proban as estatísticas que constatan que hai un maior número de alumnado que entra falando en galego que o que sae falando na nosa lingua.
Un presidente dun país non pode borrar os sinais de identidade máis importantes que ten ese país, comezando por derrogar as normas que tratan de amparalos e promovelos. O noso idioma, sinal fundamental de identidade, é usado por un 40% menos de mozos e mozas que a xeración dos seus avós, polo que só desde posicións que perseguen a súa desaparición se pode entender que a única lexislación existente que vela pola súa normalización se abandone á lei do máis forte, sobre todo se temos en conta que esta lexislación só aspira a que a nosa lingua chegue ao 50% das materias
Só desde unha perspectiva antigalega e unha mente colonizada se pode ver como un demérito a presenza da nosa lingua, a non ser que se pretenda a súa desaparición
Que non se esqueza que o Parlamento galego aprobou por unanimidade, tendo o PP maioría absoluta, co voto favorábel de Núñez Feijoo como parlamentario e vicepresidente da Xunta nese momento, o Plano de Normalización Lingüística que recolle nas medidas 2.1.26 á 2.1.30 que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”

A CIG-Ensino quere facer público que o futuro presidente ten a obriga de desistir das súas intencións, por seren estas impropias de quen di que quere ser o presidente de todos os galegos e galegas, do contrario a CIG-Ensino reactivaría accións e iniciativas no ámbito do ensino para impedir esta agresión ao noso idioma.
Santiago, 4 de marzo de 2009

Anxo Louzao Rodríuez
Secretario Nacional da CIG-ENSINO


martes, 3 de marzo de 2009

lunes, 2 de marzo de 2009

"Sempre nos quedará o solar galaico... e senón, o portugués"



Coma se dun observatorio fluvial se tratase, adxúntovos estas imaxes tomadas hoxe a media mañá nas que se certifica que, con goberno do PP ou sen el, o Río segue a fluír; iso si, con notablemente menos auga do que debía , grazas a todos os encoros que pola gracia de Franco e de Fraga ten o río que soportar augas arriba. Non hai goberno, nin bipartito nin sen partir, que deteña as augas do noso grande Río. E é que os accidentes xeográficos terrestres, a posición relativa dos planetas, das estrelas, os cometas e asteroides, segue a ser a prevista, alleos todos eles á perda do goberno autonómico por parte de quen desperdiciou miserablemente a oportunidade histórica que fai catro anos lle brindou a cidadanía galega nas furnas. Nin os cinco mil gaiteiros que presuntamente puidesen tocar na toma de posesión do novo presidente, lograrían influír nin un pouquichiño na circulación xeral atmosférica ou nas fases da lúa, que por certo, está enchendo estes días.
Isto é o único consolo que nos queda: que pase quen pase e goberne quen goberne no solar galaico, este permanecerá inmutable, e a el se irán xuntando todas as cinsas de todos os gobernos que dende as precarias institucións de goberno castrexas houbo nesta castigada terra.

domingo, 1 de marzo de 2009

"Decepción Absoluta"

Decepción absoluta: iso é o que son estes tres indivíduos e os seus partidos políticos para unha boa parte da cidadanía, que non se sente representada en absoluto nin polas persoas nin polos programas. Este noso país polo visto non é quen de xenerar líderes políticos serios, con programas electorais que realmente propoñan un cambio económico e social que sexa factible, que implique a todos e que sexa asumido por todos. As persoas máis válidas, que traballan dende o mundo da universidade, ou da empresa, ou doutros sectores económicos e sociais, esas, fuxen dos partidos políticos coma do lume, por algo será. A pena é que de non producirse unha reacción por parte dos que son conscientes da desfeita, esta será moito maior.
Certa sensación de desacougo é tamén normal, xa que agora que comezábamos a lle pillar o tranquillo ao bipartito, chega esa lumbreira da política chamada Feijoó e quen sabe o que pode dar de sí semellante presidente... Mais iso non é o peor: o peor é que Quintana afirma que a política que seguirá facendo na oposición o BNG é a mesma que estiveron a facer estes catro anos no goberno... se isto é así, mellor que se vaia para a súa casa. Se o BNG non vai facer unha boa oposición, que é o que sabe facer mellor, entón apaga e vámonos.
E agora que? Mudaremos o Decreto do galego no ensino? Pecharemos as galescolas? Desfarémonos nos audis blindados e dos mobres do despacho de Touriño?
Por simple empatía, hoxe é unha noite de certa tristeza para min, xa que a dereita galega é das máis rancias e reaccionarias do Estado, mais tamén é certo que o goberno que tivemos estes catro anos non merecía renovarse.
Por certo, eu non voto: cando a democracia pasa só por selo formalmente, entón deixa de ter sentido ir votar.

"Grazas, Quin!"

*Reproduzo aquí unha carta enviada por un ex-militante do BNG a Anxo Quintana:
" Grazas por arruinar dun plumazo todo o traballo da militancia: as pegadas de cartaces a altas horas da madrugada, sempre feitas polas bases, nunca polos "señoritos" dos órganos de dirección, ocupados nos asuntos verdadeiramente serios; o dobrado e ensobrado de propaganda, convocatorias veciñais ou de convocatorias a actos na universidade ou no centro social de turno; a elaboración artesanal de todo tipo de pancartas, cartaces e autocolantes; o cumprimento da esixencia da asistencia ás asembleias locais, comarcais e nacional como obriga inexcusábel, máis importante incluso cá vida persoal e familia; o cumprimento das consignas á hora de votar nas asembleias, incluso en contra da opinión propia; a asistencia actos públicos nos que falará Mr X, para "arroupalo" e evitar así que nos medios de comunicación se vexa que non había case ninguén; grazas tamén por facer que non teña sentido todo o traballo feito dende os CAE, os CAF, a asociación feminista, a antimilitarista, a ecoloxista de turno... Grazas tamén por facer que me arrepinta de terlle dado ao Bloque nin sei cantos cartos durante canto tempo en concepto de cuota de militante.
Todo nolo agradeces aos que algunha vez lle entregamos todo ao BNG ( a ilusión, o tempo, os recursos, a confianza) desta maneira: servíndolles a victoria en bandexa a aqueles que aldraxan a nosa dignidade de pobo, a nosa cultura e idioma, a posibilidade de desenrolo a partir do noso potencial e recursos; os que nos impiden ter algún tipo de futuro que non mire á emigración, á marxinación social e económica. Como se non soubeses como as gastan os inimigos do nacionalismo, aló te vas, augas adiante, co tal empresario, no seu barquiño. Sen complexos e cun par.
Con amigos así, quen quer inimigos?