domingo, 22 de marzo de 2009

"Na procura de mellorarmos o galego: os marcadores discursivos"


Existen na lingua unha serie de partículas e expresións gramaticais (ben, pois, mais, logo, por tanto, por exemplo etc.), chamadas marcadores discursivos, que posúen grande relevancia na construción do texto ou discurso e que teñen unha frecuencia de uso moi alta principalmente na lingua oral, mais tamén na lingua escrita; tradicionalmente foron preteridas nos estudos gramaticais, mais na actualidade cada vez son obxecto dunha maior e xusta atención por parte dos lingüistas. Igual que acontece en xeral con todas as clases de palabras gramaticais (os diferentes tipos de pronomes, as preposicións, certos adverbios, as conxuncións), que constitúen inventarios normalmente reducidos, ou relativamente reducidos en comparación coas palabras lexicais, os marcadores discursivos, aínda dentro da súa heteroxeneidade, conforman tamén un conxunto máis ou menos limitado de unidades de aparición moi frecuente en calquera tipo de construción textual. Tal frecuencia de uso conduce a un alto grao de polisemia, a asumiren diferentes funcións segundo os casos. É, pois, a multifuncionalidade unha das súas características, como se pode ver con ben, ou sexa, entón etc. Así como son algúns dos marcadores discursivos máis utilizados os que asumen unha maior funcionalidade, tamén acontece que son estes os máis expostos á interferencia do castelán. Na realidade, pasa o mesmo con algunhas formas pronominais (mesmo-*mismo, vostede-*usté, ninguén-*nadie), adverbios (lonxe-*lexos, agora-*ahora, onte-*ayer, sempre-*siempre), preposicións (até-*hasta, segundo-*según, sen-*sin) ou conxuncións (mentres-*mentras, se-*si); ou simplemente acontece que se deixan de usar algunhas das partículas invariábeis que non achan correspondencia no español (agás, perante, porén, após etc.). Se isto está a acontecer con estas palabras gramaticais e pasa o mesmo con outras palabras lexicais de grande uso na vida diaria (avó-*abuelo, Deus-*Dios, móbel-*mueble, teito-*techo, forte-*fuerte etc.), lóxico é que a interferencia castelanizadora afecte tamén os marcadores discursivos, moitos deles provenientes das clases dos adverbios, das preposicións ou das conxuncións. No podían estes importantes elementos lingüísticos ficaren á marxe da tendencia xeral seguida pola lingua. Aínda que existe algún caso de interferencia do galego no castelán falado na Galiza, como de aquella ou y luego, moitos máis son, por suposto, os casos inversos, aqueles en que os marcadores discursivos do castelán se introducen no galego. É a súa alta rendibilidade a que lles confire unha especial relevancia no avanzado proceso de castelanización en que a lingua galega se acha na actualidade e a que os converte en símbolos representativos da desnaturalización que está a padecer o galego, pois hoxe resulta totalmente habitual que unha persoa galegofalante, mesmo culta e especialmente coidadosa co bo uso da lingua galega, utilice, inclusive tamén en actos de grande formalidade, como conferencias, entrevistas en radio ou televisión, ou outro tipo de intervencións públicas, certos marcadores discursivos que deturpan de forma notábel a galeguidade da súa expresión e que transmiten o estigma da alleación lingüística. Poderiamos clasificar, desde a óptica da interferencia, os marcadores discursivos en varios grupos: uns tirados directamente do español (bueno, o sea, vamos a ver, sin embargo, hombre, en primer lugar, de todas formas, de todos modos, mismo, hasta, sin duda, verdaderamente etc.), outros parcialmente adaptados ao galego (é decir ou quere decir, de todos xeitos, mentras, anque etc.), marcadores de dubidosa galeguidade nalgún caso e perfectamente prescindíbeis (entonces, alomenos, sen embargo, en cambio, esto é, eso é, xa desbotados da norma, pero etc.), marcadores en que alternan formas coincidentes co castelán de uso maioritario e outras diferencialistas (en efecto / con efecto, con respecto a / a respecto de, en realidade / na realidade, en canto a / canto a, ademais / alén de etc.; semella aconsellábel priorizarmos as segundas), marcadores plenamente galegos mais preteridos no uso normal (porén, en canto, en tanto, entre tanto, até etc.) e, por último, sinais conversacionais calcados do español (veña!, vale! etc.). Un caso especial constitúeo pero, de grande vixencia na lingua oral e escrita, coincidente na súa forma e nos seus usos discursivos co que posúe o castelán como marcador de contraargumentación que pondera a suficiencia argumentativa. Dado que a forma histórica do galego era peró, de onde resulta a forma sincopada pro, a explicación máis acaída que se pode achar para o predominio actual de pero é o feito de este ser o marcador utilizado en castelán, para alén doutras explicacións que tamén poderían lexitimar a forma en galego, mais talvez non o seu uso esmagador na actualidade. Existindo, pois, algunhas sospeitas de pero ser un castelanismo no galego, e tendo en conta o carácter popular da forma galega pro, seméllanos recomendábel nun modelo de lingua culta a súa substitución por mais, con ampla presenza na nosa tradición literaria moderna, en especial no século XIX, e en ocasións por porén, segundo os casos (Le moito, mais estuda pouco; Mais eu acho que iso é incorrecto / Porén, eu acho que iso é incorrecto). Deixando á parte o caso de pero, de todos os castelanismos introducidos neste importante ámbito da expresión lingüística, non hai dúbida de que o máis frecuente e chamativo, debido tamén á súa multifuncionalidade, é bueno, verdadeiro retrouso omnipresente en calquera acto conversacional, popular ou culto, formal ou informal, desenvolvido en lingua galega e inclusive tamén nos monólogos da máis diversa condición, totalmente rexeitábel e facilmente substituíbel por ben ou bo(n). De conseguirmos erradicalo, xunto cos demais marcadores discursivos que son produto da interferencia, a autenticidade do galego na súa audibilidade ou na súa visualización escrita sairía altamente reforzada. As persoas que pola súa relevancia social adoitan aparecer nos medios de comunicación teñen nisto unha especial responsabilidade, así como o profesorado de lingua galega. Tamén as institucións públicas de Galiza deben velar pola boa saúde do idioma. Un paso importante neste sentido deuno recentemente a Real Academia Galega ao aprobar a reforma das normas oficiais, pois eliminou o uso de formas como entonces, en cambio, anque, eso (é) e esto (é), nembargantes, sen embargo ou alomenos, e introduciu outras como porén, no entanto, após, até, aquén e alén (de), canto a ou a respecto de. A importancia destas mudanzas na norma é moito maior do que nun principio puider parecer, por todo o dito anteriormente. De todas e todos os utentes do idioma vai depender a súa eficacia, sempre na procura de preservarmos a nosa identidade lingüística e de evitarmos a deturpación alleante do galego, nomeadamente no plano oral. E se aínda prescindísemos da dependencia do castelán nalgunhas escollas lexicais (computador e non ordenador, elevador e non ascensor, atendedor e non contestador, parabéns e non felicidades etc.), estariamos a garantir mellor a calidade do noso idioma e tamén o seu futuro.
Xosé Ramón Freixeiro Mato
A Nosa Terra, nº1.103, 6-12 novembro de 2003

No hay comentarios: