lunes, 23 de marzo de 2009

"O Conflito lingüístico: definición, causas e consecuencias"


Todas as linguas manteñen entre si unha certa tensión ou pugna. A diferenza está no lugar da escala de funcións onde se estabelece a loita e nas características sociolingüísticas das comunidades de falantes. Até hai pouco, o inglés e o francés pugnaban por acapararen a función de lingua internacional, mais esta pugna non implicaba un conflito lingüístico; a tensión que manteñen co español o catalán, o euskera e o galego sitúase, en graos diferentes, no resto das funcións, hoxe con especial relevancia nas básicas, e esta tensión si é conflitiva por compartiren territorio. A pugna lingüística é, por natureza, un proceso dinámico no que se producen constantes deslocamentos e transicións, observábeis na historia mais recente da situación na Galiza e que, segundo o seu devalar, pode acabar no equilibrio lingüístico ou na glotofaxia.
Partindo dun principio básico na teoría da comunicación, o natural é que os individuos dunha comunidade lingüística usen un mesmo código lingüístico, unha mesma lingua; a necesidade dunha segunda lingua só se materializará no momento de estabeleceren contactos con individuos de outras comunidades de fala. Cando nun territorio ou comunidade lingüística, historicamente recoñecida, encontramos máis de unha lingua, estamos, con seguridade, perante un feito que non se xerou espontaneamente e si por causa da súa traxectoria sociopolítica: procesos de expansión, colonización e unificación política e movimentos migratorios son as causas máis frecuentes. A expansión e unificación política costuma ir ligada ao aniquilamento das culturas e linguas diferentes ás da sociedade expansionaria, seguindo un proceso demorado e amparado por un marco xurídico imposto ao territorio sometido. Os exemplos son numerosos nos estados occidentais da Europa, incluído o seguido no reino de España, a partir dos inicios desta configuración territorial na Idade Moderna.
Ante o conflito lingüístico hai, grosso modo, dous posicionamentos encontrados: un que defende, en maior ou menor medida, o uniformismo lingüístico, isto é, a utilización dun único idioma común para todo un territorio-estado e/ou todo o mundo, pois -pensan os seus defensores- a diversidade lingüística humana é un obstáculo para o progreso dunha sociedade futura. O outro posicionamento, o partidario do ecoloxismo lingüístico, nega a validez deste razoamento e propón o mantimento da ecoloxia natural das linguas, o que significa que cada comunidade lingüística debe manter, conservar e promocionar a súa propria lingua, estabelecendo o aprendizado de outras para as relacións con individuos de comunidades idiomaticamente diferentes, segundo a proximidade das relacións ou os intereses xerais.
O ideal do equilibrio lingüístico radica en conseguir que todas e cada unha das linguas do mundo desempeñen no seu territorio proprio a totalidade das funcións posíbeis que pode exercer un idioma. Para poder atinxir este obxectivo nas comunidades en que a lingua propria non desenvolva todas estas funcións, cumpre ter en conta que as funcións dunha lingua manteñen unha relación directa co tipo de aprendizaxe (primaria ou secundaria) dos individuos; a función de identidade depende normalmente de que a lingua se canalice por medio dun aprendizado primario. Pola súa parte, a función cultural e de civilización depende de que exista unha aprendizaxe secundaria por parte dos nativos (que adquiriron anteriormente a lingua de maneira natural) e dos non nativos (que acceden á lingua pola vía cultural). Segundo este fundamento básico, para que unha lingua acade todas as funcións na sua propria comunidade, é imprescindíbel que os individuos que a conforman adquiran nese idioma un desenvolvimento lingüístico completo, cultivándose nel, se se trata de falantes orixinarios do idioma, ou nativizándose se é que non o son.
Mais todo isto depende de múltiplos factores, dos que tres son básicos:a acción institucional da comunidade, materializada através do poder político que debería proporcionar, por medio dunha política lingüística adecuada, a lexislación, as medidas e o apoio necesarios para favorecer o proceso normalizador. As institucións públicas teñen a responsabilidade de normalizaren unha parte importante, cualitativa e cuantitativamente, dos ámbitos sociais: administración, educación, xustiza… Outro factor esencial reside na acción colectiva non institucional daqueles individuos que, posuíndo unha conciencia lingüística, se agupan para loitaren pola normalidade. E un terceiro dependería da acción individual, asentada na vontade de ser das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen este factor, o proceso nunca se poderá levar a termo. A vontade de ser é a actitude que xera no individuo a motivación necesaria para facer el mesmo algo polo idioma, en lugar de esperar que outros o fagan por el. E o mellor que se pode facer pola lingua da comunidade é usala.

No hay comentarios: