domingo, 8 de marzo de 2009

"Terras de Bouro: onde o Gerés é aínda máis verde"

Terras de Bouro é un dos concellos portugueses que comparten a sorte de ser o solar do Gerés. Facendo fronteira co concello galego de Lobios, accédese a Terras de Bouro a traveso de Portela do Homen, lugar que está perto do encoro de Vilarinho das Furnas, que represa o río Homen.
A auga é o elemento máis abundante nesta área do Gerés e o visitante pode ver, mesmo dende a estrada todo tipo de caídas de auga, fontes, regatos e ríos, dunha auga purísima que ofrece cores turquesa alí onde repompou...

A Cascata do Arado, nas proximidades da aldea da Ermida, é unha das máis coñecidas, por ser, a máis de espectacular, accesible co coche: trátase dun río de alta montaña, o Arado, que se precipita en varios niveis formando lagos cor turquesa. O certo é que toda esta zona agocha fervenzas impresionantes, só accesíbeis a pé.


O Gerés aquí é simplemente marabilloso: hai todo tipo de mofos, carrizos e brións, ademáis de fieitos, que medran nas pedras do chan e mesmo nas pólas das árbores. O respecto dos visitantes pola natureza aquí é tanto que un ten a sensación de que a paisaxe sexa completamente virxe. A vexetación lembra zonas alpinas: abetos e piñeiros alternan cos quercus de varias castes (entre eles as sobreiras) e ,desgraciadamente, nalgúns lugares a mimosa está a facer estragos (lembremos que a mimosa, un tipo de acacia altamente alergóxena anque moi olorosa, estase a converter nunha plaga en toda Galiza e tamén en Portugal, anque aquí declaráronlle a guerra e están a cortar grande número delas).


No lugar de Caldas do Gerés un atopa unha vila envolta polas montañas de dramáticas pendentes. Trátase dun lugar cunha longa tradición termalista, onde se recibe grande cantidade de turistas de todas partes durante todo o ano, e que ofrece servizos como hoteis, restaurantes, tendas de souvenirs, etc. O antigo hotel das caldas está en proceso de recuperación e é fácil pensar no impresionante que debeu ser este edificio, todo recuberto de azulexo en tons rosas, nos seus bos días. Actualmente, o novo hotel, ofrece un servizo estupendo, ademais dunha boa comida. Falando de comida: a típica de Terras de Bouro é o cocido. Alí celebran os "domingos gastronómicos" para dar a coñecer o seu particular cocido así como o resto de comidas tradicionais da zona.

O que aquí se chama "Geira Romana" ou "Via Nova" son os restos da vía romana que transcurría entre Braga (Brácara Augusta) e Astorga (Asturica Augusta), pasando por Ponferrada (Bergidum Flavium) que se conservan por quilómetros en perfecto estado. Falamos dun patrimonio único que os portugueses ofrecen a quen o quere coñecer. A súa construcción é do século I d.c. e permitiu pór en contacto estas zonas do Imperio Romano, das que se extraeu ouro e outros recursos; a Via Nova contribuíu á emerxencia a longo prazo dunha entidade histórica que perduraría política e culturalmente ao longo dos séculos e mesmo dos milenios: a Gallaecia. Os miliarios de Tito e Domiciano documentan a apertura da Via. Foi planificada con todo coidado e cos cálculos precisos, feitos polos topógrafos, que, a pesar dos utensilios rudimentarios da época, foron quen de trazar unha vía que , anque transcorre entre cumios de máis de 2000 metros de altura, só en algúns alcanza os 900 metros de altitude.



Na aldea de Brufe pódese escoitar a misa cantada de domingo polos altofalantes da igrexa ao tempo que se admira o abrupto da paisaxe. Hai un restaurante chamado O Abocanhado, ( de tal maneira inserido no terreo que dende a estrada un non percibe que haxa restaurante ningún) que ofrece belas vistas e boa comida.

As barrosas -nosas cachenas- viven no Gerés como o refuxio último que lles queda en total liberdade. Aquí e alí pódese ver grupiños de vacas soltas pacendo pacíficamente, ou ocupadas en labores máis "sociais" como lambérense unhas ás outras.

As cores do Gerés son todas cantas ten a paleta do pintor, e moitas máis. O Gerés érguese impresionante, fero, inmutable e orgulloso dende terras portuguesas e mira ao Xurés con pena, xa que o irmán galego carece totalmente da biodiversidade e da beleza do luso.









No hay comentarios: