Coma se dun observatorio fluvial se tratase, adxúntovos estas imaxes tomadas hoxe a media mañá nas que se certifica que, con goberno do PP ou sen el, o Río segue a fluír; iso si, con notablemente menos auga do que debía , grazas a todos os encoros que pola gracia de Franco e de Fraga ten o río que soportar augas arriba. Non hai goberno, nin bipartito nin sen partir, que deteña as augas do noso grande Río. E é que os accidentes xeográficos terrestres, a posición relativa dos planetas, das estrelas, os cometas e asteroides, segue a ser a prevista, alleos todos eles á perda do goberno autonómico por parte de quen desperdiciou miserablemente a oportunidade histórica que fai catro anos lle brindou a cidadanía galega nas furnas. Nin os cinco mil gaiteiros que presuntamente puidesen tocar na toma de posesión do novo presidente, lograrían influír nin un pouquichiño na circulación xeral atmosférica ou nas fases da lúa, que por certo, está enchendo estes días.
Isto é o único consolo que nos queda: que pase quen pase e goberne quen goberne no solar galaico, este permanecerá inmutable, e a el se irán xuntando todas as cinsas de todos os gobernos que dende as precarias institucións de goberno castrexas houbo nesta castigada terra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario