lunes, 28 de julio de 2008

"O Desencanto da Mestra"



Copio aquí un artigo de opinión publicado na rede por unha mestra e nai que reflexiona sobre a súa experiencia profesional e saca conclusións. Unha doble visión do sistema educativo, a da nai e a da mestra. Gustaríame que comentasedes o artigo.


DESESCOLARIZACIÓN
Como profesional do ensino e como nai que son, con este comezo de curso din en reflexionar sobre unha cousa nova, na que nunca pensara antes. A miña filla tén un ano e coidei dela ata este mes de setembro, no que me incorporei ó meu posto de traballo.
Agora pasa unhas horas cada mañá cunha rapaza-canguro coa que se relaciona moi ben e aparentemente están as dúas moi contentas a unha ca outra.
Eu teño 25 nenos na miña aula de infantil, na que fago de apoio. Teñen 3 anos. Tódolos días hai algún que vén forzado, chorando e con nervos. Os papás e mamás déixanos dentro, fechan a porta e desaparecen. Eu teño que tratar de que se tranquilizen pero normalmente non o consigo. Somentes o paso da mañá vai facendo que se esquezan do disgusto e participen algo na clase.
Están a maioría enfermos, maiormente de catarros e similares. Ainda así os pais séguenos traendo. Eu estou enferma dende que comezou o curso. A miña nena tamén.
A profesora á que me toca apoiar é unha muller desencantada por ter que dar clase nunha aula prefabricada de 30 m, que incumpre tódalas normativas díría eu, en materia de espacio, seguridade, salubridade, etc. Pero alí nos meteron. Como non hai espazo temos que conseguer que estean sentados toda a mañá, senón é un caos. Cando chove non podemos saír, non hai patio coberto. Entón pasan de 9 a 2 alí metidos, sentados.
Nenos de 3 anos. Algúns méxanse e outros cáganse. Chamamos ós pais. Veñen cambialos e déixanos outra vez limpos e secos ca correspondente reprimenda por facerlles ir perder o tempo ó colexo.A nós mírannos con cara acusadora.
Dende que comezou o curso diría eu que aprenderon xa varias cousas: que hai que estar sentado, que non se pode xogar ata que así o indique a mestra, que hai que escoitar cando a mestra fala, que o lobo é moi perigoso( sae en tódolos contos que lles conta a mestra) e pode agocharse en calquera recuncho para comelos, que se un neno ou nena está triste ou chora é "feo" e non lle hai que facer caso...
Eu xa aprendín tamén varias cousas. A máis chocante é que " os nenos dos inmigrantes, as menos facilidades posibles".Como vén da mestra titular, deduzo que é a doctrina oficial do centro. Non é estrano que o outro día o pai dun neno "inmigrante" fose ó centro feito unha furia a montar un escándalo dicindo que os seus fillos sufren "discriminación".
Este é o meu primeiro ano en Infantil. Pero xa pasei por tódalas idades. Din clase en tódolos cursos, tamén na ESO. Xunto co que aprendo este ano, están as ensinanzas dos anos pasados. Todas son semellantes.
Por iso declárome obxectora ao sistema escolar. Négome a escolarizar a miña filla. Penso que seu pai e eu somos capaces de lle ensinar moitísimo máis do que pode o sistema escolar. Ademáis non estamos dacordo nin coa ideoloxía nin cos contidos do sistema.Toda esa estructura é inmobilista, xera violencia e insatisfacción, anula a creatividade, e a ilusión por aprender e por ensinar. Ensinarémoslle nós o que consideremos máis oportuno e da maneira que consideremos. Como penso que para os fillos dos demáis algo podo aportar positivo, seguirei traballando de mestra do ensino público, facéndoo o mellor que sei. Ata agora cría no sistema público de ensino, democrático, participativo e aberto. Trátoo de seguir facendo.
Ademáis, o sistema garánteme a praza, fágao ben ou fágao mal. Só teño que ser puntual, cubrir as miñas horas, non insultar gravemente a ninguén e cumprir máis ou menos co papeleo das titorías, das avaliacións e todas esas cousas. Ninguén me pedirá contas fóra diso. A liberdade de cátedra é un abeiro estupendo para todo.Así son as cousas. Non me gostan, pero son así.
Non son soa. Xa somos moitos pais e nais que, conscientes de que o sistema escolar é unha ferramenta que cumpriu un grande papel dende a súa aparición pero que agora non resposta ás demandas da cidadanía, que van máis aló dese currículo tan limitado, tan decidido por outros. Nós, responsable e conscientemente, obxectamos.

2 comentarios:

♥ meninheira ♥ dijo...

Terrivel!! Estou sen palabras! e o da discriminación dos nenos dos inmigrantes non é a primeira vez que o escoito dunha mestra.

LM dijo...

por fortuna nem todos os centros som assim e falo mesmo da pública. beijos