lunes, 22 de diciembre de 2008

"O Gerés: Castro Laboreiro"




Hoxe foi un día moi especial: os nenos viron a neve por primeira vez... nas súas vidas!!! E. negábase a baixar do coche para xantar porque " a nena quere ver a neve na montaña", e dese discurso non houbo quen a baixase ata que, a deus grazas, chegamos a unha altura na que a neve aínda non se derretera de todo. Agarrárona, pisárona, tirárona e ata a lamberon (un pouquiño só: a auga de neve, ao non conter sal, provoca diarrea. Por iso nos lugares do planeta onde é preciso usala para beber, se lle botan unhas pastillas especiais , os "litines", que lle engaden á auga da neve derretida, as sales precisas para ser potable).
Pola miña banda, hoxe sentinme feliz de visitar un lugar ao que tiña moitas gañas de ir: o Castro Laboreiro. Coñecíao non polas súas paisaxes expectaculares -que o son-, nin pola súa riqueza ecolóxica -que a ten-, nin polo resto dos seus valores de parque natural, senón por ser o solar dunha raza de can autóctona portuguesa: o cao do Castro Laboreiro. Trátase dun can que se criou alí durante xeracións e xeracións protexendo aos rabaños de ovellas e cabras do seu inimigo máis perigoso, o lobo. No seu momento, estiven interesada en adoptar para o meu rabaño un cachorro desta raza, mais finalmente a cousa quedou en nada ( noutro momento contareivos a historia do meu rabaño...). Naturalmente, encontrar tres exemplares desta raza entre as casas do pobo, foi toda unha experiencia!!! Fíxenlles fotos e ata quixen conversar con eles, mais nada dixeron...
Á parte da neve e do can, o mellor é a impresionantemente bela paisaxe: nalgúns sitios amósase coma se dunha paisaxe alpina se tratase; pola falla que atravesa o parque, discorren as augas rápidas dun río que pasa baixo innumerábeis pontes e pontellas que ofrecen unha atracción irresistible á cámara. O granito aquí desfaise, non en van é o máis vello da Península, e deixa á vista formas inauditas e incríbeis que recordan formas antropomorfas. Hai perto de 10000 persoas vivindo nas numerosas vilas e aldeas do Gerés, anque a maioría é xente maior, e moito me temo que a actividade económica que alí desenvolven -a agricultura escasamente competitiva- non chegue para fixar a poboación, animando a que medre e evitando que emigre .
Ao Castro Laboreiro accédese dende o Concello de Melgaço, ao que pertence. Chégase fácilmente e pódese percorrer toda a zona co coche, anque o que realmente apetece é botarse ao monte calzando unhas boas botas e cargado coa comida de varios días e maila tenda de campaña.
Unha visita imprescindible.


No hay comentarios: