No Natal enchémonos de mercar: agasallos de Pai Natal e de Reis Magos; os ingredientes da cea de noiteboa, do xantar de Nadal, da cea de ano vello e do xantar de ano novo, do xantar de Reis; e os postres de todas estas comidas: turróns duros, brandos, de chocolate, de froitas confitadas, de mazapán; polvoróns, froitos secos, roscón de reis, cocas, tartas e tortas...
Tamén mercamos a roupa que hemos lucir para recibir o novo ano; e os complementos, todo moi brillante e luxoso. Naturalmente imos á perruquería e mercamos a entrada para poder asistir á festa privada no garito de turno. Mercamos a árbore de natal e os seus correspondentes adornos: bólas, cintas, guirlandas, estrelas, pais natal e osiños navideños de fieltro... Sen esquecer aos que tamén mercan o pesebre, coas figuriñas todas: a virxe, o pai, o neno no berce de pallas, a mula e o boi, as ovellas e os pastores, os reis magos, o río coa súa ponte, os máis variados obradoiros de oficios e o "caganet".
Hai quen se vai de vacacións lonxe e hai quen aluga unha casiña de turismo rural cos amigos; quen convida a toda a familia e quen simplemente non convida a ninguén.
En Natal a televisión está permanentemente acesa e vemos a programación especial de noiteboa, nadal, ano vello, ano novo e reis. Todo felicidade e perfección, e consumismo, consumismo, consumismo. E os que non poden consumir síntense desgraciados, porque non forman parte deste mundo.
E por suposto, en Natal é cando mercamos a Lotaría do Natal, a do Neno, a de Reis...
En resumo: en Natal todo se volve mercar e mercar, coa desculpa de celebrar o nacemento dun bebé pobre aló en Belén.
Mentras nós vivimos esta borracheira de compras, hai quen non ten que darlles de comer aos fillos, quen ten que durmir nos bancos dos parques tapados por cartóns, quen vive na constante incertidume de se mañá lle será respectada a vida. Para cada un de nós o Natal é distinto. Hai miles de natais distintos.
Este natal, coma os anteriores, fecharei os ollos, abrirei a boca, e tragarei os polvoróns, os turróns, os mazapáns e o rosco de reis. Mercarei as prendas dos meus fillos e as dos demais seres queridos; porei a árbore e felicitareilles o natal aos amigos por email.
Todo isto co amargo sabor da culpabilidade.
1 comentario:
E así seguiremos todos felices aquí namentras e comendo perdices. Así é a vida e logo estamos todos moi contentos porque lles mandamos axuda humanitaria, vendo o solidarios que somos, pero logo resulta que ves documentais coma "La pesadilla de Drawin" ou vez as prediccións das consecuensias do cambio climático, onde os paises de Africa central (que son os que menos emisión contaminantes emiten) son os que peores previsións teñen, namentras que en Europa ou Usa non vai afectar tanto.
Non sei que mundo creamos, pero está claro que ata que non nos afecte a nós direcctamente non imos facer nada.
Publicar un comentario