Nesta noite fría e silenciosa , animada pola ilusoria idea de que se cadra botaban algo interesante na tele, algo do que puidese aprender, algo que alimentase o meu intelecto -ilusa que é unha-, acendín o citado aparello, que inxustificadamente preside a estancia, e din co programa cuxo nome aparece na fotografía. Trátase dun pretendido espazo de periodismo de investigación, que é pagado pola televisión pública, pois é emitido na primeira cadea de TVE. Imaxino que a Primeira viuse na necesidade de emular o "Callejeros" de Cuatro: ousados periodistas que se adentran nas chabolas da Cañada Real para conseguir o testimonio do ionqui de turno ou do camello que lle vende ao ionqui, ou o do cura comprometido na recollida de xeringas, etc.
Ben, pois atópome con Diego Carrión, "reporteiro" que cubre a zona da montaña lucense e leonesa, e que nesta ocasión visita o que segundo el son "os pobos máis illados e despoboados de España", na Serra dos Ancares leoneses. Un simpático compañeiro seu visita esta vez o pobo de Griegos, en Teruel, que parece ser o segundo pobo máis alto de España, a 1500 metros.
O fío condutor das dúas reportaxes é o frío do inverno, que nestas zonas fai que as persoas que alí viven queden illadas por estrada cando as nevaradas son grandes. Os dous periodistas percorren rúas e corredoiras dos lugares que visitan, amosándolle á cámara como conseguen superar as dificultades á hora de conducir o coche polas estradas conxeladas, ou mesmo á hora de andar pola rúa sen esvarar e caer. Visitan aos sorprendidos habitantes, que lles abren as portas das súas casas. Con preguntas pretendidamente inxenuas levan ao espectador a pensar que estas persoas, habitantes de lugares tan "remotos" e "orixinais" para vivir, son "frikis" modernos, que podendo vivir en Madrid, elixen vivir en tan peculiares localizacións. Preguntas do tipo "¿ Y cómo vive aquí una persona de 23 años?", ou "¿ Y no le gustaría más vivir en un pueblo más grande?", ou comentarios do tipo :"Hoy hace calor aquí eh!", cando o termómetro marca seis graos negativos, non son precisamente preguntas que nos axuden aos espectadores a comprender a realidade que se nos está a amosar por televisión.
Unha reportaxe que parte da base de que o normal, desexable e lóxico é vivir en Madrid, xa é un fraude en si mesmo. Amosar a realidade da despoboación do rural deste país, da falta dos medios e servizos máis básicos que desgraciadamente hai nestes lugares (e que son en sí mesmos precisamente parte da explicación de tal despoboamento), do baixo nivel de vida dos seus habitantes, dende unha óptica tan pouco seria, tan sensacionalista, é outro fraude. Tomarlles o pelo aos entrevistados e burlarse da súa situación, é un insulto, primeiramente a eles, e tamén a todos nós.
O pensamento único imponse a todos os niveis. Xa nin sequera se prantexa o debate campo-cidade para vivir. Trátase de averiguar que impulsa a unha persoa mentalmente sá a non vivir na cidade ou no seu caso, a non abandoar inmediatamente a súa casoupa de pedra con muros de medio metro e ir vivir a un piso das vivendas sociais das aforas da cidade X.
Introducir a idea do binomio modernidade-cidade nas mentes das persoas é unha manipulación e unha falsificación da realidade, a non ser que utilicemos o termo "modernidade" dende o punto de vista estrictamente cronolóxico . As cidades naceron como centros de intercambio, de negocio.
En fin, os que eliximos alonxarnos do bulicio, da suciedade, da insalubridade e do perigo que representan as aglomeracións urbanas, rexeitamos esta maneira sibilina de atacar ás formas de vida e ós oficios tradicionais, tan lícitos e dignos de respecto coma o resto. Pensar que o mundo real é o asfalto das rúas, o vermello dos semáforos, o vidro dos escaparates, o ouleo das sereas das ambulancias e o brillo das farolas pola noite, é ter unha idea moi pouco sá e real da vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario