lunes, 29 de diciembre de 2008

"Sorpresa del Trigo", de Maruja Mallo



Que non daría eu por unha reproducción deste cadro que Maruja Mallo pintou no 1936!!! É un dos meus cadros favoritos, e non só pola súa beleza, senón polo seu significado. Sobre esto fala Maruja no video que vos adxunto aquí. Maruja era de Lugo, coma min, anque ela era da costa, de Viveiro, onde naceu no 1902. No 1922 atopámola en Madrid, onde entra en contacto cos artistas máis renovadores da época. É a época dos "ismos": dadaísmo, surrealismo, ultraísmo...

Relacionada con xente coma Buñuel, Lorca, Dalí, Alberti, Ortega y Gasset ou Miguel Hernández, dise dela que foi a súa musa para moitos dos seus traballos. En Miguel Hernández deixou unha fonda pegada, tanto no persoal como no literario ( en "El Rayo que no Cesa" hay unha serie de poemas inspirados en Maruja), ao igual que no caso de Rafael Alberti, con quen tivo unha apaixonadísima relación sentimental, que describe no seu libro de memorias "La Arboleda Perdida".

Este cadro, "Sorpresa del Trigo", foi o único que acompañou a Maruja ao exilio, tralo alzamento fascista do 36. Partindo dende Lisboa, onde fora acollida por Gabriela Mistral (que era a embaixadora chilena en Portugal), embarcou rumo a Arxentina, onde viviu ata o 1961, ano no que volveu nun barco que atracou en Valencia. Con ela volvía "Sorpresa del Trigo".

Maruja morre en Madrid no 1993, en soidade total, só visitada na residencia de anciáns "Menéndez Pidal" por un dos seus 13 irmáns, Emilio.

Maruja Mallo é un caso de artista non suficientemente recoñecida, non sei se por ser muller ou por ser galega. Foi unha transgresora das normas machistas do seu tempo, unha muller libre que así viviu sempre que puido. Unha magnífica pintora e un ser humano excepcional.

Sigo á procura dunha copia desta "Sorpresa del Trigo" para poder mirala cada día.






No hay comentarios: