martes, 6 de mayo de 2008

¿Maltrato infantil en garderías e centros de educación?

Acabo de visualizar a gravación daquel programa que presentaba Mercedes Milá titulado "Diario de..." no que a traveso dunha cámara oculta se gravou unha gardería madrileña na que reiteradamente se producían malos tratos ás nenas e nenos que alí confiadamente deixaban os pais.
As imaxes son absolutamente arrepiantes e amosan ás coidadoras obrigando a comer a nenos moi pequenos, bebés, aos que lles tapan o nariz para que abran a boca e así poderlles meter a culler á forza; o pranto inconsolable, os berros das coidadoras, as ameazas por parte destas, os insultos e vexacións aos nenos son constantes.
Boteime a chorar sen poder parar e aínda teño un nó na gorxa. Porque eu son nai é que teño pánico a topar con xente así, que agacha o seu carácter de maltratador infantil baixo unha suposta xustificación teórica da que inmediatamente botan man para se xustificaren.
O maltrato infantil dáse en todos os ámbitos nos que os nenos e nenas se moven: dende os propios fogares, auspiciados por teorías pseudo científicas e pedagóxicas que pretenden "ensinar" aos novos pais como durmir a un bebé ( "Duérmete Niño", de Estivill) ou como "ensinarlle a comer", ata os lugares onde consideramos que os nosos fillos quedan ao cargo de profisionais cualificados e responsables para coidalos e educalos, como os colexios.
A consideración de que un neno non é unha persoa que merece respeto á súa dignidade, fai que as situacións de maltrato varíen moito. As definicións que un encontra sobre maltrato infantil cando busca en calquera buscador de internet remítennos a "calquera acción de un particular ou institución, que por acción ou omisión prive ao menor dos seus dereitos e pon en perigo a súa seguridade e/ ou a súa seguridade física e/ou psíquica". É o suficientemente ampla como para que dentro desta definición puideran entrar moitos comportamentos que moitos proxenitores teñen a diario cos seus fillos, os que moitos monitores e profesores teñen a diario cos seus alumnos.
Os horarios de traballo e os salarios tenden a ser cada vez máis incompatibles co coidado dos máis pequenos por parte dos seus pais, obrigándoos a levar aos miúdos ás garderías públicas ou privadas e a lugares que funcionan como tales anque non teñen permisos ( ludotecas, pisos particulares) . Outros optan por contratar unha babysitter, niñeira, coidadora;
En moitísimos casos non saben que están confiando o coidado das ovellas ao propio lobo.
Trátase dun problema dunha importancia enorme para o que hai que esixir todas cantas garantías sexan precisas por parte de quen ofrece estes servizos.
Ogallá cada vez sexamos máis conscientes da importancia que ten facermos esta reflexión.

No hay comentarios: