
É unha raza protexida en Portugal, recoñecida oficialmente como raza propia e, anque está a ser recuperada, o certo é que é moi pouco coñecida e que o perigo de extinción é real.
O facto de estar xeográficamente illado, o Castro Laboreiro foi o lugar onde se criou esta raza de can, cuxas características, din os que o coñecen ben, inclúen a fereza, nobreza e fidelidade propias dun can de defensa. Actualmente no Castro Leboreiro ségueno a empregar traballando na defensa dos rabaños de ovellas e cabras contra os ataques do lobo.

Como curiosidade, teño lido en varios textos sobre a raza que o seu ladrido ten varios tons que se asemellan moito aos do lobo. Para beber, igual cá o lobo, sorbe a auga en troques de beber a lambetazos.
As femias, cando crían, prefiren alonxarse o máis posible, preferindo marchar ao monte para poderen parir tranquilas.
Eu sempre quixen ter un destes cans e é por iso polo que sempre tiven preferencia por esta raza. O caso é que, antes de tomar a decisión de facerme con un, nunha excursión pola Fonsagrada, na montaña de Lugo, atopei dous canciños abandoados. Ao medrar, a cadela, á que chamei "Néboa", polo día que facía na Fonsagrada, foise parecendo cada vez máis ao Cao do Castro Leboreiro. Xa morreu a Néboa, pero sempre que miro unha fotografía destas, parece mesmo que sexa a miña cadela. Quen sabe, ao mellor a miña cadela veu dalí...
No hay comentarios:
Publicar un comentario