A nena corría nervosa trala súa nai tentando anticiparse aos movementos do lixeirísimo animal, que corría polas madeiras do chan para salvar a súa vida. O corazón da nena e o do rato eran un, a bater forte contra o peito; ela fora quen de o protexer ata o día de hoxe, en que a súa nai se deu conta da traizón da filla e decidiu rematar dunha vez por todas con aquela loita desigual. E desigual era, certamente, xa que o minúsculo animal contaba co apoio inquebrantábel daquela meniña compasiva que cada día lle puña comida no lugar do veleno e lle abría os buratos para que escapase de onde, á forza de moito axexo, conseguía a nai arrinconalo.
Certo tamén que a nena quería máis, e non era somentes por compaixón que lle axudaba ao dos bigotes, senón tamén pola curiosidade e o pracer de ver aqueles peíños nús e aquelas orelliñas medio transparentes, sonrosadas, e aqueles olliños redondísimos e negros, compoñendo todo un conxunto tenro e rebuldeiro que facía as ledicias da nena, quen soñaba con lle dar de comer na súa propia man.
Claro que o rato non distinguía a quen ben o quería de quen o quería matar, e tanto fuxía se aparecía unha coma se aparecía a outra. Os ratos non entenden de amores humanos, só de amores ratunos. Como é lóxico.
Aquel rato non podía saber que hoxe era o seu último día. Foran sete ou oito días de crónica dunha morte anunciada, porque rato que ousa desafiar os dominios dunha proxenitora coma aquela, rato que está morto antes ou despois.
E este estívoo antes, debido seguramente á confianza que fora gañando día tras día, de verse libre logo de crerse acabado. A basoira non tivo compasión del, que pouco a pouco se foi desangrando, primeiro alí mesmo no chan no que fora abatido, e logo no medio da silveira á que fora arrebolado. Lentamente a vida íaselle por aquel regueiriño vermello ata que xa non ficou nada máis que a súa lembranza no corazonciño da nena, que aquela noite saloucou amargamente a perda dun amigo.
A nena aprendeu que ás veces as nais fan cousas incomprensiblemente dolorosas para unha almiña pequena como a dela e que de nada serve conspirar para impedir que a vontade materna se cumpra. Coma se dun deus se tratase, que dá e quita a vida á vontade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario