
Rosa Luxemburgo é unha das mulleres revolucionarias máis famosas da historia. Nada en 1870 en Polonia, no seo dunha familia xudea, xa coñece dende ben axiña o que é o exilio e a persecución, ao ter que fuxir a Suíza no 1889 a causa da persecución da que foi obxecto pola súa militancia socialista.
Estudante brillante nunha época onde poucas mulleres tiñan esa oportunidade, foi quen de facer estudos de Dereito e economía política. Fundadora do que logo sería o Partido Comunista Alemán, sufriu encarcelamento entre o 1903 e 1904 , e lonxe de abdicar da súa ideoloxía, participou activamente en congresos e debates políticos nos que militantes e dirixentes socialistas e marxistas buscaban alternativas para unha época histórica máis que convulsa, unha vez desaparecidos os teóricos clásicos, Marx e Engels.
Crítica coa teoría clásica de Marx sobre o feito de que o Capitalismo tería que chegar á súa fin nun momento dado da historia e tamén crítica co centralismo partidista de Lenin e a pouca participación das bases na dinámica do partido, Rosa representou unha posición teórica máis heterodoxa, utilizando o novo termo de "imperialismo" e dando unha explicación económica e política do que supuña o colonialismo, en pleno auxe na época.
Tamén influíu decisivamente no Partido socialdemocrata alemán, anque no 1914 se opón á decisión do mesmo de ir á que sería a I Guerra Mundial, difundindo material impreso no que se denuncia que a guerra é unha guerra promovida pola burguesía e que en nada beneficia ás clases proletarias.
O partido escíndese en xaneiro dese ano. No 1918 prodúcese a coñecida como " Revolución de Novembro", na que participaría activamente Rosa difundindo material revolucionario entre os soldados. A consecuencia destas actividades, é detida e encadeada e, en 1919, é torturada e asasinada, xunto ao lider revolucionario Karl Liebnecht. O seu corpo correu un incerto destino ata que apareceu, en estado de descomposición moi avanzado, nunha exclusa dun canal da cidade. Dende entón, un domingo a mediados de xaneiro, en Berlín celebran o aniversario do asasinato.
Por iso quixen eu que me fixesen esta fotografía, como homaxe persoal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario