sábado, 28 de noviembre de 2009

" Maxia"

O sol quentaba con forza, e, por sorte, pola estrada non circulaban moitos coches . Se cadra a xente estaría na praia, ou nunha das múltiples festas patronais que se celebraban naquela fin de semana; é ben sabido que o verán é tempo de festas e romarías en toda Galiza.


Como quer que for, ela agradeceu que non houbese máis tráfico pola estrada, xa que cos nervos que levaba, custáballe manter a calma e conducir con tino.


Non quería engurrar o vestido, así que o recolocaba de cando en cando. Escollera o seu mellor vestido, e o que máis a favorecía...


Tampouco quería chegar antes de tempo: non sabería que facer no aeroporto mentras agardaba.


A música púñaa aínda máis nervosa, así que decidiu conducir en silenzo e concentrarse na estrada e nos seus amedoñados pensamentos: tiña medo de que finalmente el non se presentase e de toparse a si mesma de pé en fronte á porta de chegadas, agardando por unha pantasma; tiña medo de que nada fose como tiña imaxinado tantas veces; tiña medo, tamén, das reaccións del: e se a vía e daba media volta? E se finalmente non se presentaba? Que faría entón?
Xa se acercaba ao aeroporto. Pensou en xirar noutra dirección e esquecer toda aquela loucura. A súa natural tendencia a complicarse a vida non lle trouxera máis que problemas, anque tamén é certo que nunca deixara de facerlle caso aos seus instintos, que eran os únicos que nunca a enganaran...


Levaba semanas desexando este encontro, que parecía que nunca chegaba. Semanas de longas e apaixonadas conversas ao teléfono; de vérense a traveso da webcam e incluso durmiren con ela acesa para facérense a ilusión de estar xuntos... agora, por fin, estaban a punto de encontrarse!
Sentíu un esvaído con este último pensamento, mais como xa estaba a punto de entrar no aparcadoiro, non puido facer outra cousa que coller o billete e entrar para aparcar o coche.
Deu varias voltas ata que decidiu onde deixalo. Apagouno e sacou as chaves. Mirouse no espello: gustouse. Abríu a porta e saíu.


Camiñou en dirección porta de entrada. Xa non había escapatoria.


Compúxose, e, moi decidida, avanzou ata o interior.


Xente por todas partes, moito barullo. Colas para facturar e para xantar no único restaurante. Foi mecánicamente cara á zona de chegadas; buscou o panel onde se indicaba a hora de chegada do vóo: estaba en hora, así que faltaban cinco minutos para que aterrase.
Quen coma ela agardaba pola chegada do avión, facía unha roda en torno á porta de chegadas; había pais que agardaban polos seus fillos e fillos que agardaban polos pais; noivos que agardaban ás noivas; un axente dunha empresa de turismo agardaba por algún grupo visitante e un executivo agardaba por algún compañeiro.


Ninguén parecía tan nervoso e excitado como o estaba ela, anque se esforzaba por non aparentalo.


Entretívose en observar as reaccións da xente, nun esforzo por distraer a mente.


Pensou en ir á cafetaría a tomar un café, mais desbotou a idea, dubidando de que lle dese tempo antes de que comezasen a saír os pasaxeiros daquel vóo, que xa aterrara.
Non se moveu e ollou fixamente ás portas, que se abrían e pechaban para deixar pasar os recén chegados.


O corazón era agora un cabalo enlouquecido a correr desbocado.


Seguían a saír persoas.


Dubidou de se o recoñecería, dado que só o coñecía "virtualmente". Saíu un home só, de mediana idade, buscando coa mirada a alguén; quizo correr aos seus brazos...



Non era el.


Sentiuse estúpida; quixo fuxir para o coche e desaparecer dalí. Nunca máis voltaría a saber dela... pero non podía despegar os pés do chan.


Colocou o pelo.Alisou o vestido.


Seguía a chegar xente.


El non saía. Xa case non debía quedar ninguén do avión sen saír.
Sentiuse a máis idiota, a máis ilusa. Agardara tanto tempo por este momento!
Xa só quedaba ela alí de pé, sen se poder mover.
As bágoas enchéronlle os ollos de brillo.
Decidiu marcharse para a casa, de onde non debera ter saído nunca.
No fondo era aquilo o que sempre temera: que todo fose unha grande mentira. Todo palabras baleiras.
Decidiu marcharse, anque antes mirou por última vez á porta, esperanzada.
Cando ergueu a vista, el estaba parado fronte a ela, observándoa con dozura infinita; pousou a equipaxe no chan e correu cara a ela cos brazos abertos.


Dous corazóns batían agora desbocadamente; dúas persoas eran agora unha soa.


As veces, a maxia existe, e pódovos asegurar que esta foi unha delas.


Nunca máis se separaron.


A maxia continúa.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei se xa o liches, pero é moi interesante (como será o futura? Agardemos que mellor)

http://www.eduardpunset.es/2225/general/la-crisis-de-fondo-esta-en-la-educacion

Proida dijo...

Anónimo, certamente é moi interesante, coma case todos os artigos de Eduard Punset. De feito neste blogue hai un enlace ao seu blogue, para estar sempre atenta ao que di. O tema este da crise da educación... sobre o que di de xestionar as emocións e a diversidade... ti que pensas? Estará o mérito en sermos capaces de educar cidadáns para a convivencia e a tolerancia máis que para capacitalos nalgunha disciplina do saber científico? O certo é que hai moito mestre que ficaría no paro, se así for e así nolo esixiran...
salvariámonos?