martes, 13 de abril de 2010

" Hoxe pola tarde"

Que boa tarde a de hoxe á beira do Río!
Logo de pasar pola horta ecolóxica de Edgar e mercarlle algunhas leitugas, puerros, ovos, coliflor, e algún outro tesouro cultivado con mimo e dedicación por unhas mans mutiladas pola pólvora aló nun máis ou menos lonxano pasado valenciano, decidín, hoxe si, dar con certa taberna-restaurante chamada "O Lagar en Eiras", e que se me ven resistindo últimamente até o punto de ser incapaz de alí chegar. Por iso, unha vez collín a miña caixa chea de verduras recén collidas, e me despedín até a semana que ven, enfiei o camiño que leva á Guarda; non a estrada xeral, senón outral alternativa que discorre paralela ao Río e que polo visto escondía ao famoso Lagar. A sorpresa foi maiúscula ao descubrir unha fermosísima paisaxe, chea de árbores distintas dos meus odiados eucaliptos; casas de certo bo gusto e algún coidado no urbanismo, cousa que en modo algún acontece cando un viaxa pola estrada atravesando Tomiño e adentrándose no Concello do Rosal. Anque, todo hai que recoñecelo, o do Rosal é, polo que vin de momento, o concello que máis bonito e ordeado loce de todos os do lado galego do Río.
O caso é que conducín devagar, co vidro baixado, e logo dalgún tempo de dar voltas admirando este e aqueloutro recuncho da parroquia de Eiras, na que hai unha praíña fluvial, decidín preguntar a un señor metido a construtor de muros que traballaba no exterior da súa finca con toda a calma do mundo. Logo de me indicar máis ou menos a ruta que tiña que seguir, deume pena porque realmente estaba disfrutando da recén descuberta paisaxe, cousa que tería que deixar de facer para me concentrar en chegar á dichosa Taberna que tanto se resiste a ser encontrada. Como diantre pensan os seus donos que han ter clientes se non colocan algún indicador para dar pistas de como chegar alí?
Pois non foi suficiente coas indicacións do bo señor, que, por certo, me respostou que "España é toda bonita" cando lle dixen o bonito que me parecía o val. Discrepando profundamente coa súa resposta -non hai máis que pasarse por Porriño-, foi que me tiña encamiñado en dirección ao meu destino, mais direivos que tiven que preguntar unha vez máis -froito da ausencia total de indicadores neste noso país, onde todo está pensado para quen XA sabe onde están as cousas-, a unha rapariga que, empolincada nun muro cal fose o Humpty Dumpty de Eiras, me respostou, en perfecto castellano, variante do Rosal, que tiña que subir por un cercano "callejón".
En fin, o de menos é dicirvos que aínda tiven que preguntar por terceira e última vez a certo propietario de certo chalete de certo porte, quen, alarmado polas miñas pasadas en distintas direccións, decidiu personarse no camiño para me indicar o verdadeiro e único camiño que levaba ao coñecidísimo Lagar en Eiras, sen deixar de me advertir previamente que "teñen uns horarios raros".
Media preocupada por esta última afirmación, e decidida totalmente a dar co lugar anque non fose máis que para probarme a min mesma que incluso con ausencia total de indicacións o máis burro é capaz de chegar a Roma, orientei o meu clío branco repintado por un "callejón" abaixo.
Efectivamente, os horarios deste local son algo raros, e nin cando chamo por teléfono, nin cando me personei en persoa din cos seus propietarios, a quen simplemente lles teño que facer unha simple consulta. Puiden, alén de todo, saudar un gatiño que acudiu amable ao meu coche por saber se quería algo.
En fin, que frustrada dobremente, polas dificultades en atopar o lugar, e por atopalo fechado, conseguín saír daquel "callejón", como dixo Humpty, e voltar sobre as miñas rodeiras en dirección, esta vez, a Goián, parroquia de Tomiño, concello gobernado polo BNG, para máis indicacións.
Desta volta comprendín o segredo das flores: se o Rosal é un produtor de flores dos máis importantes, onde é que están os viveiros e os invernadoiros? equili qua: á beira do Río, agochados para quen conduce pola estrada xeral, mais ben á vista hoxe mesmo para quen escribe, que con ollos ben abertos, esculcou a descoñecida paisaxe.
Chiringuitos fechados, casas fechadas, abondosa maleza e camiños que levan ao Río íanse sucedendo alternándose cos viveiros e "estufas" ( en portugués, invernadoiros) adicados á produción de plantas ornamentais. Deste xeito fun dar a.... ó embarcadoiro de Goián!!!! Atención porque tiña ollado centos de veces o tal embarcadoiro dende o lado portugués e nunca até hoxe souben como se ía!
Pois alí aparquei o carro, nun lugar indicado para elo e baixei, teléfono en man, para tomar a foto que vos deixo hoxe.
Un señor miraba, soñador, para a beira portuguesa, e de reollo, para min. Entretívenme ollando ao antigo transbordador, hoxe convertido en café; ao parque, hoxe cheo de ruidosos rapaces; ás vías do tren, polas que de cando en vez pasa a vella máquina seguida duns cantos vagóns; á antiga fortaleza do fundador Rei Dom Dinís de Portugal, e, como non, á miña querida Quinta das Mineirinhas.
Pasáronse os minutos e pensei que podería ficar toda a tarde, xa que Cerveira é coma un escaparate, vista dende calqueira lado. Rebule de vida e loce esplendor. Tan coidada, tan mimada, diría eu! O Río, tan admirado! E o Veado, alá na Cima, vixiante cara ao lado galego.
O señor á miña beira, ollaba co mesmo embeleque. Achegueime a el e díxenlle: "Que vivo está aquilo e que morto isto, non si?" Ah! Dinlle onde máis lle doía, onde máis me doe a min: aquel home de mediana idade e saúde delicada, segundo el mesmo me confesou, ollaba para o lado portugués preguntándose cal é a diferenza, cal é o obstáculo que nos impede aos do lado galego dárlle vida tamén ás marxes do Río, convertirlo nunha grande fonte de entretemento, unha fonte económica e paisaxística, un espello no que mirarse e unha ponte sobre a que cruzar dunha beira para a outra.
Falou da incapacidade de quen nos goberna, da nosa tradicional falta de bo gusto na construcción, do abandono do territorio, do deterioro do medio natural. Falamos do Vial que pasará dende A Guarda e que invariablemente destruirá a paisaxe, pase por onde pase; falamos do incremento importante das relacións entre as dúas beiras que supuxo a construcción da ponte Internacional, fai xa uns cinco anos, anque tamén trouxo a fin das viaxes do transbordador, que tan ben loce agora convertido en bar. Falamos, finalmente, da mágoa que dá non sermos capaces de copiar o bo dos nosos irmáns lusos. Falou con cariño deles, cun sentimento de grande irmandade.
E eu, marchei cun duplo sentimento: de ledicia, ao ter atopado conversa amistosa á beira do Río mentras contemplaba a miña patria portuguesa, e o de amargura, ao ver como se desaproveitan os recursos na miña matria galega.

3 comentarios:

Paz Zeltia dijo...

Con canto cariño falas da paisaxe, parece que nos levas contigo no teu clio branco!
xa vin por aí nalgún post a tua querida Quinta das Mineirinhas
Vésete moi "abeiradiña"

tamén che envexo as verduras ecolóxicas!. Antes tiña unha tenda aquí preto con verdura fresca accesible de precio, pero pechou, e non é doado comprar cantidades pequenas, que na miña casa está prácticamente, o gato

Chousa da Alcandra dijo...

Para reflexionar contigo neste comentario que nos agasallas. Hai motivos e razóns para preocuparse e concordo con eles todiños. Incluso no de que calquera burro chega a Roma...(o carallo foi sair co asunto da nube islandesa :-) )

Proida dijo...

Zeltia: creo que a paisaxe é tan importante porque é a nosa casa, e é responsabilidade de todos térmola ordeada e preparada de tal forma que poidamos vivir dela e nela.
Si, a Quinta non está precisamente "abeiradiña", senón máis ben empoleirada no alto dun outeiro sobre toda esta arrebatadora paisaxe...
O das verduras... cada vez máis importante írmonos desintoxicando de toda a porcallada que nos meten, dicindo que é comida.
Chousa: se todos concordamos en diagnosticar os problemas, por que será que non nos poñemos dacordo para os ir solucionando?