martes, 6 de enero de 2009

"A vida vaise nun camión"

A medida que cada animal era arrastrado cara á rampa do camión, ía desaparecendo o único mundo que coñecera, o seu modo de vida, tan íntimamente relacionado con aqueles animais, que os destinos duns e da outra parecían ser os mesmos. Os aterrorizados e temblorosos animais opuñan toda a súa resistencia, e só retorcéndolles o rabo e aguilloándoos na coxa coas baras, eran quen aqueles homes de facerlles subir aos camións. Unha tras outra, cada vaca presentaba a súa particular batalla, pero o resultado era sempre o mesmo, para satisfacción do xateiro, que estaba a punto de se facer con todos os animais a prezo de saldo, debido á desgraza da familia.
A Muller non vía a escena, mais imaginaba cada un dos detalles. Permanecía sentada no sillón da cociña, en completo silencio e inmóbil, coa cabeza fundida entre as súas mans e a cara quebrada pola desesperación. Os bruídos dos animais penetraban ata o máis fondo do cerebro e da alma daquela Muller que vía como en menos de media hora perdía todo o patrimonio dunha vida de sacrificio: de erguerse de madrugada e traballar sen descanso día tras día, semana tras semana e mes tras mes de longos anos de traballo para sacar adiante ás súas fillas.
A enfermidade presentárase no momento de maior harmonía, no de maior benestar familiar. A enfermidade, a mesma que acabaría coa súa vida, sorprendeuna no momento máis inoportuno e inesperado. Á súa idade, aínda era unha muller nova: a vida ben lle podería ofrecer a satisfacción de ver consolidarse a vida de adulta da filla máis pequena, e o gusto de ver medrar ós seus netos. A vida, ás veces, amósasenos coma unha prostituta demasiado cara e con face cruel e burlona.
Non ficou máis cá angustia de se ter que ir, e se cadra, algún pensamento de alivio, que momentaneamente fixo de bálsamo para a ferida aberta.
Poucas veces asistín a un bocado de realidade tan amargo coma o dalquel día en que a miña nai tivo que ver como marchaban cara ao matadoiro cada un dos seus animais, criados e atendidos co máis exquisito dos coidados. E poucas veces quixen volver lembrar aquel momento. Hoxe acordei revivíndoo.

2 comentarios:

Paz Zeltia dijo...

vaites!
impresionoume bastante o que lin!
a escea cos bruidos das vacas...
non sei se é porque xa traio eu o dia sensible,
porque xa traia eu un nodiño posto,
o caso e que se me puxo a emoción afogándome a gorxa.
non me estraña que non queiras revivir ese momento.
e, con respecto a isto que che lin de que a enfermedade chegoulle "no momento máis inoportuno e inesperado"...
meniña, (fágote ben máis nova ca min)
¿non é así sempre que nos sorprende e nunca é o momento?

Proida dijo...

Ai Zeltia, por unha banda, satisface o meu ego o ter conseguido porche un nó na gorxa, xa que iso di algo sobre a capacidade destas miñas palabras, na distancia, de facerlles sentir cousas aos demais; por outra banda, é a situación mesma, que eu vivín, a carón da miña nai, a que lle pon a calquera un nó na gorxa. Tratei de describila o máis fielmente posible.
E si, a morte sempe é inoportuna e inesperada. Eu, se cadra pola miña idade, aínda non aprendín a convivir nin sequera co seu nome MORTE, a pesares de tela arredor de min varias veces, e mesmo ulir o seu cheiro.
Se cadra ti elaboraches algo mellor, mais reconfortante para o corpo e o espíritu, sobre este cambio de estado...