As fincas de escasísima extensión, cultivadas a miúdo en forma de terraza, locen o verde da herba natural, non fertilizada artificialmente nin producida de maneira intensiva. É un verde máis apagado, máis suave. As paredes delimitan cada unha das fincas.
A "barrosa" é a raza de vaca autóctona. Vai libremente polos camiños e mesmo polo medio das vilas e aldeas.
A "barrosa" é a raza de vaca autóctona. Vai libremente polos camiños e mesmo polo medio das vilas e aldeas.
Dende Soajo á vila de Peneda a viaxe sorprende máis dunha vez a quen non agarda atopar tantas aldeíñas nesta zona, tantas vacas barrosas -ou cachenas, eu nonas distingo- pacendo ó seu libre albedrío, tantas correntes de auga, e tantos bosques autóctonos.
Soajo é un tesouro escondido entre as montañas: trátase dunha vila fermosísima, cos camiños pavimentados, que dan testigo do que noutrora foi Concello. Soajo está espléndidamente conservado e reúne todas as características do lugar ideal para ir pasar uns días de tranquilidade nunha das súas casiñas de turismo rural. É famoso o seu "pelourinho", esa sorte de cruceiro que se atopa na praza.
En Lindoso atópase un grupo espectacular de "espigueiros" comunitario, que reúne a uns 50 exemplares, perto do seu histórico castelo. O conxunto impresiona polo inesperado do achado. Un está afeito a ver hórreos, pero non nestas concentracións... De todos os xeitos, o de Lindoso, xunto co de Soajo, é un exemplo único en todo Portugal.
As rochas núas, tras séculos de acción erosiva do vento, da neve, da chuvia, das xeadas, presentan caprichosas formas coma a da águia da foto.
Dende o Castro Laboreiro en dirección á fronteira da Ameixoeira, que permite o paso a Entrimo, concello ourensán, a paisaxe preséntase dramática, agreste, arrebatadora.
No hay comentarios:
Publicar un comentario