Nestes días que tanto se fala de aborto, lembreime deste cadro de Frida Khalo, pintado no 1932, logo de pasar pola traumática experiencia de ter que abortar ao seu desexado fillo "Dieguito". Frida pintouse núa nunha cama do Henry Ford Hospital, de Detroit, cidade que aparece representada nas fábricas, o fondo.
Frida tiña a pelve fracturada por un accidente e parece ser que isto impedía a normal posición do feto.Todos os elementos da pintura falan por sí mesmos, incluída a bágoa que esvara pola súa cara (e que nesta imaxe non se aprecia). Quizais o caracol despiste un pouco, mais é a representación do tempo que durou aquela experiencia.
E é que para calqueira muller a experiencia de ter que pasar un aborto é, á forza, traumática. Deberíase ter isto moi presente á hora de regular calqueira aspecto que teña que ver con el.
Traumática é a experiencia, tamén, para quen vai ser abortado, cousa que tampouco se debería obviar.
Lembreime do cadro de Frida porque ela é unha das miñas pintoras favoritas, así que aproveito para pór aquí a imaxe da pintura súa que máis me gusta: "La Columna Rota".
En 1944 pintou este cadro onde se retrata a sí mesma co corsé metálico que se viu obrigada a levar por problemas na súa columna, lesionada no accidente ao que aludín antes. Un tranvía chocou co autobús no que ela volvía á casa e Frida tivo lesións na columna, na pelve e no pé dereito, que a martirizarían para o resto da súa vida.
No cadro, a autora píntase co corpo lacerado por cravos, sendo o máis longo o do corazón. Suponse que quixo así representar o estado de depresión no que se atopaba, non só a raíz da dor física, senón tamén debido ás constantes infidelidades do seu home, o grande Diego Rivera, que a fundían na tristeza máis absoluta, e que representou en varios outros cadros.
Gústanme as cellas poboadísimas de Frida, que non dubidou en reproducir nos seus cadros, coma un sinal inconfundible de identidade, anque naquela altura os cánones estéticos femininos non chegaban á enorme imposición de hoxe e non tiñan a toda a poboación feminina escravizada como é o caso nos nosos días. Gústame como nos mira e deixa ver, cada vez, como se sinte. Gústame o seu estilo e a claridade das súas mensaxes; Frida atopou na pintura o medio ideal de expresión. E por último, tamén me gusta dela a súa inxenuidade: morreu convencida de que o Marxismo sería a solución. Imaxino que o seu romance con Trotsky influiría nese convencemento. Un dos seus últimos cadros titúlase "El Marxismo Dará Salud a Los Enfermos". Semellante convencemento prodúceme algo semellante á tenrura. Ogallá o marxismo dera saúde aos enfermos, e comida aos famentos! Deixaría de chamarse marxismo e pasaría a chamarse, que sei eu... Milagrismo?
No hay comentarios:
Publicar un comentario