miércoles, 4 de febrero de 2009

"J.T.vixía o Ceo"


O home espreita o ceo de cando en cando, esculcando cada unha das nubes por se detrás delas aparecese o inimigo. Non quer ser sorprendido polo ruído do aéreo motor que en calquera momento podería aparecer dende calquera punto. A semana pasada presentouse un daqueles aparellos, e, en campo aberto, o home acenou para o ceo co chisqueiro prendido berrando:

"Véilo? ,Véilo?", amosando un triunfal sorriso cheo de satisfacción polo valor amosado ante a súa familia.

Non é casual que aqueles aparellos se deixen ver tanto pola zona: as informacións das que se dispón sobre J. T. fan que sexa unha área de especial cobertura por se o indivíduo decidise actuar novamente. Cada vez que sobrevoan a Bouza ou o Toutizo en voo rasante é para lembrarlle ao septuaxenario habitante daquelas terras que "o estado vixía" e que a próxima vez non ficarán cas mans baleiras á hora de xuntar as probas que o implican directamente na queima dos montes da rodeada.

Nun desigual man a man, home e paxaro metálico desafíanse, mídense e estúdanse; e digo desigual, pois J. T. criouse naquelas florestas e é coñecedor de cada unha das pistas e carreiros que as atravesan; pola contra, os funcionarios da consellería nin sequera son da zona. Bromean ás veces ca posibilidade de empregar o axente laranxa para deixar carballos e castaños sen follas e así poder pillar a aquel fuxidío pirómano cas mans na masa, ou mellor dito, co chisqueiro na man. O certo é que últimamente J. T. amósase máis envalentoado e chega mesmo a desafialos, blandindo o chisqueiro. Quen lles dera levar unha mangueira de auga pronta para lle propinar unha boa molleira!!!

J. T. é dos que acende o lume da cociña usando soplete, polo gusto de ver como se chamuscan sen piedade ata os troncos máis verdes!!! Ás veces, se a leña está moi verde, non dubida en empregar alcol, que esparexe por riba da leña para logo lle prender lume. Non é a primeira vez que o lume segue o regueiro de alcol deixado ata o propio bote e aquilo estoupa atronadoramente, para susto do home, que non calculara o que podía pasar.

No último Lume Novo, J. T. nono puido resistir: o veciño de porta tiña preparada a fogueira de San Xoan. Amontoara madeiras e troncos vellos, ramallos de árbores e mesmo algunhas garrafas de plástico xa inservibles: todo aquilo do que se quería desfacer este ano para deixar limpos os arredores da casa. Uns minutos antes da hora prevista para acender a pira, R., que así se chamaba o veciño, verquera certa cantidade de gasolina nos troncos da base do que ía ser a enorme fogueira, para asegurarse o éxito do Lume Novo. Pouco sospeitaba R. que o veciño J.T. se ía presentar de súpeto, cal guerreiro do antiface, desfacedor de entortos e perseguidor de quimeras, e lle ía plantar lume á magnífica pila, de maneira tal que o golforón de chamas e a conseguinte explosión o envolveu todo e encheu de confusión, ademáis de fume e olor a chamosco. Tardaron R. e J.T. en comprender o ocorrido e o acontecemento houbera sido merecedor de grande mofa pola parte dos presentes de non ser polo aspecto, un tanto dantesco, da situación: todos ficaron levemente coloreados, da cor do tizón, e J.T., por ser o máis cercano ao que pareceron tormentas solares, ademais de atizonado, ficou literalmente sen cellas ou pelo algún nos brazos. A camisa engurróuselle pola acción do calor, deixando á vista a enorme barriga que J.T. lucía orgulloso dende facía unha vintena de anos. A chegada á casa foi apoteósica, e a muller preguntáballe entre gargallada e gargallada se estaba ben, se precisaba ir ó médico.

Episodios coma este non facían senón aumentar a obsesión do home, que parecía estar argallando no seu maxín "o incendio perfecto". Calquera desculpa era boa para "ir queimar uns restroballos" nesta ou naquela finca, e o que comezaba inocentemente coa queima dunha pouca palla, podía desembocar nun incendio que convocase as equipas de incendios de todos os concellos limítrofes e mesmo aos bombeiros voluntarios de Valença!

Mais o tempo, e as visitas intermitentes ó cuartel da Guardia Civil, pareceron aplacar as ansias pirómanas e nos últimos anos xa só se lle ve nos ollos reflectido o lume da cabicha do Ducados que permanentemente arde entre os seus amarelos dedos.

Por iso, os do paxaro de metal téñense por gañadores e máis por unha obriga que por convencemento é que sobrevoan a zona. Claro que descoñecen que J.T. hoxe ten pensado ir entreescoller as árbores que medran dende fai anos sen orde nin concerto no Mostronovo...

No hay comentarios: