Esta vez tocoulle a Amarante, vila situada no Val do Támega. En plenas celebracións do Carnaval, atopamos unha vila chea de xente, que agardaba polo desfile de primeira hora da tarde.
Logo de xantar un prato típico da época e do lugar, o arroz de lamprea ( por certo, teño que escribir algo sobre a lamprea, que é un peixe ben peculiar), adicámonos a descubrir esta pequna xoia do Támega.
As políticas enerxéticas actuais determinan que só os países subdesenvolvidos arruínan os seus ecosistemas fluviais con encoros, xa que é moito maior o que se perde ca o beneficio. Tan só obedece a intereses especulativos duns poucos, e non ao interese xeral. Disto sabemos moito na Galiza, así que dende aquí solidarizámonos con toda a poboación da zona e apoiamos as súas medidas de protesta para evitar que o encoro ( ou barragem ) chegue a construírse (http://poramarantesembarragens.blogspot.com/).
Nesta fotografía só se intúe a Ponte de Sao Gonçalo, monumento nacional que cos seus 50 metros e tres arcos une as dúas partes do pobo. Infelizmente o pobo non puido ser aínda peatonalizado e a presión dos coches sobre as persoas que pasean tranquilamente polas estreitas rúas e pola ponte de Sao Gonçalo, é case insoportable. O que non sei é se realmente sería factible peatonalizar a vila, ou polo menos a parte de rúas máis estreitas e antigas, mais viríalle moi ben.
Amarante é a vila de nacemento do escritor Teixeira de Pascoaes ( 1877 - 1952 ), un dos escritores máis influíntes da literatura portuguesa do século XX, venerado por Pessoa e moi coñecido nas revistas literarias españolas da época. Influíu na obra de Antonio Machado e intercambiou correspondencia con Unamuno ou Lorca. Teixeira é o mellor representante do chamado "Saudosismo"( tamén falaremos del). Esta escultura de Teixeira atópase diante do Museo adicado a Amadeu de Sousa-Cardoso, outro amarantino famoso, pintor cubista moi importante en Portugal.
En conclusión, visitar Amarante é sempre unha boa opción para calquer galego que queira coñecer algo máis deste país irmán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario