Confésoo: teño o mono da astronomía. Adico todo o meu tempo libre -que certamente non é moito- a ver videos sobre o universo, sobre o Sistema Solar, sobre o Hubble e outros telescopios , sobre as misións espaciais, sobre a suposta chegada do home á lúa, etc. Tamén teño un cartafol novo no meu portátil que se chama "astros" e alí vou deixando todo o material, coa desculpa de llelo gardar aos meus alumnos e alumnas para podérllelo amosar en clase. Para empeoralo todo, agora temos na casa un novo aparello: un telescopio!!! Ocupa un lugar propio no salón e sacámolo todas as noites nas que hai boa visión. Onte vin Saturno por vez primeira, e pódovos asegurar que foi absolutamente máxico: o que a simple vista se vía coma unha luciña máis ou menos lonxana na escuridade, revelouse coma unha esfera luminosa cuns fermosos aneis ao redor. Non podía parar de miralo, de tanto como me gustou, e ata soñei con el! Ben, o caso é que un telescopio é unha cousa moito máis complicada do que pensaba eu, mais estou a aprender todo sobre como usalo e sacarlle o máximo partido. Seica se lle pode acoplar unha cámara dixital para fotografar aquilo que se está a visualizar. Prometo fotografías pronto, para compartilas con todos e todas vós. Por se fose pouco, tamén se pode usar como prismático!!! Só fai falta unha lente especial que lle "dea a volta á imaxe", xa que o telescopio proxecta as imaxe ao revés. Nalgunha ocasión teño bromeado coa miña irmá sobre a posibilidade de que dende aquí poida vela do outro lado (vive da outra banda do Río) namentras está a coidar o seu horto ecolóxico, mais ningunha das dúas sabía ata que punto isto é posible co meu novo telescopio!!!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario