" Grazas por arruinar dun plumazo todo o traballo da militancia: as pegadas de cartaces a altas horas da madrugada, sempre feitas polas bases, nunca polos "señoritos" dos órganos de dirección, ocupados nos asuntos verdadeiramente serios; o dobrado e ensobrado de propaganda, convocatorias veciñais ou de convocatorias a actos na universidade ou no centro social de turno; a elaboración artesanal de todo tipo de pancartas, cartaces e autocolantes; o cumprimento da esixencia da asistencia ás asembleias locais, comarcais e nacional como obriga inexcusábel, máis importante incluso cá vida persoal e familia; o cumprimento das consignas á hora de votar nas asembleias, incluso en contra da opinión propia; a asistencia actos públicos nos que falará Mr X, para "arroupalo" e evitar así que nos medios de comunicación se vexa que non había case ninguén; grazas tamén por facer que non teña sentido todo o traballo feito dende os CAE, os CAF, a asociación feminista, a antimilitarista, a ecoloxista de turno... Grazas tamén por facer que me arrepinta de terlle dado ao Bloque nin sei cantos cartos durante canto tempo en concepto de cuota de militante.
Todo nolo agradeces aos que algunha vez lle entregamos todo ao BNG ( a ilusión, o tempo, os recursos, a confianza) desta maneira: servíndolles a victoria en bandexa a aqueles que aldraxan a nosa dignidade de pobo, a nosa cultura e idioma, a posibilidade de desenrolo a partir do noso potencial e recursos; os que nos impiden ter algún tipo de futuro que non mire á emigración, á marxinación social e económica. Como se non soubeses como as gastan os inimigos do nacionalismo, aló te vas, augas adiante, co tal empresario, no seu barquiño. Sen complexos e cun par.
Con amigos así, quen quer inimigos?
1 comentario:
canto de cercano ten esta epístola (salvando, claro, os inevitables desencontros...)
Publicar un comentario