Aquí sigo, observándoo todo, e a pesar do sorriso da foto (algo forzado), con moita preocupación; polos cambios traumáticos que está a experimentar a sociedade e peor aínda, polo que parece que está por vir.
O peor de todo, comprobar ata que punto estaba todo corrompido e apodrecido; só comprobalo, porque sempre tiven para min que a sociedade deste país, xurdida directamente do franquismo, asenta os seus alicerces en crenzas profundamente antidemocráticas e intolerantes. Con semellante herdanza é imposible criar algo limpo, aínda que teñan pasado 40 anos.
Logo, a insoportable dobre moral que fai que de repente todos se fan de novo e se escandalicen ante o emerxente número de casos de corrupción que saen á luz cada día, como se todos nós non tiveramos parte activa nesta e en todas as redes de corrupción existentes, por acción e/ou omisión.
Ou é que alguén se cría que había algo de transparente e democrático nos partidos políticos, alo menos nos dous grandes? E nos sindicatos? Todos coñecemos "profesionais" da política, do sindicalismo, de asociación "sen ánimo de lucro", de asociacións culturais", etc. e en moitos casos sabemos que son todo menos un modelo a seguir.
Esta mentalidade caciquil que aniña nas mentes da cidadanía, incapaz de ser, vivir e pensar libremente; incapaz de prescindir dos favores e por tanto cautiva das débedas que estes levan implícitas; esta estreitez de mente e curteza de miras, que rexeita ferozmente a crítica e aínda menos a autocrítica... Esta cultura, digo, será a que produza algo mellor?
Moito me parece que non.
Sabedora de que os problemas non se solucionan co pesimismo e o abandono, creo que hai que facer algo, e que debe ser completamente radical. Se cadra o primeiro é reflexionar sobre o tipo de sociedade que nos gustaría crear, onde nos gustaría vivir a nós e aos nosos fillos. Preguntémonos se queremos máis do mesmo, do que "disfrutábamos" antes desta "crise".
A tensión aquí é inevitable, xa que evidentemente a clase dominante,por ser a posuidora da riqueza do país e por ser a que disfrutou e disfruta da maior "calidade de vida", é a primeira en rexeitar calqueira cambio que vaia contra o seu estatus.
Hai que lembrar que ningunha das conquistas sociais que se coñeceron ao longo da historia foron gratis ou cedidas voluntariamente por esa clase dominante, que en todo o planeta se comporta igual. Dubido que as conquistas do futuro sexan menos traumáticas.
Sospeito que calqueira proceso que puidese conducirnos a algo mellor,ou polo menos a non seguir empeorando, pasa por estar disposto a renunciar á comodidade de pensar que se seguimos aquí, sentados, contemplando os actos desta grande traxedia que nos toca presenciar.
E é que ademais de outros moitos adxectivos, outro dos que nos adorna é o de covardes.