jueves, 27 de enero de 2011

lunes, 24 de enero de 2011

"Cultura do Nacemento", por Enrique Lebrero, de Acuario.

Gracias Enrique, por ternos axudado a entender o inicio da vida como unha experiencia humanizadora, enriquecedora e digna. Sempre terás un lugar ben especial nos nosos corazóns.







sábado, 22 de enero de 2011

"Nacer, Renacer"


Entre endorfinas, oxitocina e prolactina transcurre a miña vida dende que te reuniches connosco finalmente, tan longamente esperada e felizmente recibida. Aínda non cumpriches a quincena e xa es o centro de gravidade da pequena grande familia. A irmanciña non para de dicir "Que bonita é!"mentras intenta collerte no colo, anque sabe que aínda non te pode soster cos seus braciños; o pai olla para ti con mirada de namorado e o ton de voz múdalle ao falarche. O irmán agasállate con espontáneos accesos de emotividade e en calqueira momento se presenta para abrazarte e bicarte, para logo fuxir correndo e adicarse á súa profesión, que é xogar e xogar. E eu... eu pecho os ollos e só te vexo a ti; teño memorizadas todas as engurras da pelciña das túas mans e dos teus peíños; douche beixiños no nariz, nas fazulas, no queixo... só polo gusto de achegar os meus beizos á túa pel e ulir o teu doche cheiro de bebé.

Nada máis pracenteiro que acordar cada mañá á túa beira, acurrucada contra min, pel con pel, e verte profundamente durmida, coa expresión plácida e a respiración profunda. Lentamente vas acordando e buscas o peito que te alimenta e che dá seguridade; o leite gorentoso enche a túa boca e en pouco tempo botas a cabeza para atrás disposta a durmir novamente. E ao pouco estamos as dúas no país dos soños perseguindo nubes de cores.

Quen nos dixera que este encontro ía ser tan dichoso! Que sorpresa cada vez! Que milagre o da vida!

Nada hai como ter un bebé recén chegado na casa! Un quixera conservar este momento para sempre, ficar así de por vida...

miércoles, 19 de enero de 2011

"Éramos tan felices..."

Ola novamente a tod@s!!!
Grazas por agardar e polos bos desexos.
Non podo aínda describir con palabras todo o remuíño de sensacións e sentimentos que andan a rebulir aquí por dentro, así que ata que sexa quen de lle pór adxectivos ,deixareivos con este documental, sobre o que levo matinando tanto estes días. E é que, aos poucos minutos de nacer a Irene, produciuse unha conversa sobre a importancia da infancia para a vida posterior das persoas, e nela mencionouse a frase que Michi Panero pronuncia neste documental sobre a vida familiar dos Panero: "Éramos tan felices...". Nunca esquecerei aquela conversa.
Convídovos a velo e a descubrir, de paso, a obra dos Panero. O maior dos irmáns vive nun psiquiátrico, máis lúcido que ninguén, e imaxino que tamén máis esquecido que ninguén.
Que sirva como triple homenaxe: a Enrique Lebrero, o home marabilloso que nos axudou á miña nena e a min a fundírmonos no abrazo primixenio; aos Panero, Tecglen e todos cantos cerebros lúcidos se viron anubados pola sombra das drogas e da SIDA naquel Madrid dos anos setenta e oitenta; á infancia, a idade dourada que toda persoa ten dereito a disfrutar.