Entre endorfinas, oxitocina e prolactina transcurre a miña vida dende que te reuniches connosco finalmente, tan longamente esperada e felizmente recibida. Aínda non cumpriches a quincena e xa es o centro de gravidade da pequena grande familia. A irmanciña non para de dicir "Que bonita é!"mentras intenta collerte no colo, anque sabe que aínda non te pode soster cos seus braciños; o pai olla para ti con mirada de namorado e o ton de voz múdalle ao falarche. O irmán agasállate con espontáneos accesos de emotividade e en calqueira momento se presenta para abrazarte e bicarte, para logo fuxir correndo e adicarse á súa profesión, que é xogar e xogar. E eu... eu pecho os ollos e só te vexo a ti; teño memorizadas todas as engurras da pelciña das túas mans e dos teus peíños; douche beixiños no nariz, nas fazulas, no queixo... só polo gusto de achegar os meus beizos á túa pel e ulir o teu doche cheiro de bebé.
Nada máis pracenteiro que acordar cada mañá á túa beira, acurrucada contra min, pel con pel, e verte profundamente durmida, coa expresión plácida e a respiración profunda. Lentamente vas acordando e buscas o peito que te alimenta e che dá seguridade; o leite gorentoso enche a túa boca e en pouco tempo botas a cabeza para atrás disposta a durmir novamente. E ao pouco estamos as dúas no país dos soños perseguindo nubes de cores.
Quen nos dixera que este encontro ía ser tan dichoso! Que sorpresa cada vez! Que milagre o da vida!
Nada hai como ter un bebé recén chegado na casa! Un quixera conservar este momento para sempre, ficar así de por vida...
3 comentarios:
Parabéns!! Alégrome que estedes felizmente de volta e de que sexades tan dichosos ti e maila túa familia.
Bicos e coidádevos moito.
Gracias María!!! E que gosto volverte ler!!Por onde andas e que fas? Apertas
Pois ando cerca vosa, déronme a definitiva en Tui, así que ando de viaxeira dun lado a outro coma sempre, Que hai que ver mundo!! e coma case sempre estou preto da raia, son unha "border" total.
Aburiño!
Publicar un comentario