lunes, 28 de abril de 2008

"Mátrix na miña casa"




Hoxe é un deses días nos que, en lugar de durmir a sesta logo de xantar, decidín "entrar en Mátrix", así que prendín "o televexo" e co mando a distancia fun percorrendo con excepticismo expectante (ao mellor desta vez botaban algo bo) as canles de emisión. Cheguei a Cuatro e parei. Botaban un programa no que se facía un "casting" para modelo. Vestidos de traxe de baño, os aspirantes ían pasando diante dos ollos críticos duns supostos expertos.

Os comentarios posteriores, o "feedback" que tiñan os participantes, non podía ser máis inquedante: "Non estás mal de cara, pero de corpo...", "Tés que ir máis ao ximnasio, porque ese corpo parece de brasileira", "Hai que arreglar eses dentes"...

A reacción por parte das infelices aspirantes a estrela parecíase máis a un acusado que admite ter cometido un delito cá outra cousa.

Tratábase de xente de 17 e 18 anos.
Parece que os responsábeis da programación da cadea "cuatro" fan todo o que poden para que neste país haxa cada vez máis enfermos e enfermas de anorexia; para que cada vez máis adolescentes caian vítimas das modas, das marcas; para que os valores humanos e éticos que prevalezan na mentalidade colectiva da xuventude teñan que ver coa estética, o cultivo ao corpo, a competitividade, e outras do estilo.
Grazas, señores e señoras da tele, por torpedear cada día cos seus contidos todo o que dende os colexos e dende os fogares tratamos de lles ensinar aos nosos rapaces e rapazas. O seu traballo de alienación non ten parangón e non nos deixa moita marxe de acción para contrarrestar valores tan altos como son os que vostedes andan a esparexer cos seus programas-lixo.

domingo, 27 de abril de 2008

"O Circo con animais: Nunca Máis"



Hoxe, aprobeitando que era domingo e que " o circo máis moderno de España"visitaba estas terras, decidimos levar aos nosos nenos para que visen "o maior expectáculo do mundo". O certo é que a ausencia de actividades infantís como teatro, monicreques, etc., fai que os que temos nenos pequenos aprobeitemos calquera oportunidade de compartir con eles algúns momentos entretidos. Por iso hoxe montamos no coche coa intención de ir á sesión das 12 do Circo Coliseo. Namais chegar saquei esta fotografía dalgunhas das súas "estrelas". Tamén tiñan varios osos, un elefante que compartía espazo cun can e cunha cabra, e polo que acabo de ver na páxina web que ten o circo, debía haber máis animais que nós non vimos.
O número dos tigres consistía en saltos a traveso dun aro con lume, pórse a dúas patas e "destrezas" polo estilo. Puidemos ver como o domador consegue que os gatos fagan semellantes proezas a base de latigazos. Máis tarde saíron os osos, todos cachorros, obrigados a andar a dúas patas e ataviados con disfraces de Paulina Rubio, Isabel Pantoja, Roqui Balboa, Regina dos Santos, e anunciados como tal polo presentador do espectáculo.
Pareceume tan denigrante para os animais que marchamos no descanso, cando quedaban anunciando a posibilidade de facerse unha foto onda un osiño de 3 meses de idade nacido no circo.
O caso é que quedamos fondamente impresionados co trato que é dado aos animais salvaxes ,que viven encerrados en gaiolas nas que apenas caben, que son obrigados a realizar "numeros" absolutamente denigrantes e vexatorios e que dubido que fosen do agrado dos que estabamos presentes.
A decisión está tomada: nunca máis levaremos os nenos a espectáculos tan vexatorios e denigrantes para os animais, e concienciarémolos da necesidade de que desaparezan semellantes prácticas.

jueves, 24 de abril de 2008

"Nacer muller na India"

Nacer muller é un feito biolóxico determinado xenéticamente polo pai. A ciencia descobreunos isto.
No meu pobo, hai trinta anos, se nacías neno dábaslles a teus pais motivos para sentírense gozosos e afortunados; se nacías nena dábasllelos en bastante menor medida. O meu propio pai foi chorar a súa mala sorte á casa do veciño cando soubo que eu era unha muller.
Nada lonxano no tempo, por certo.
Na India, se unha muller non lle dá un fillo varón ao seu esposo, este pode repudiala e casarse con outra, fuxindo da súa propia maldición enxendradora de féminas e perpetuando unha cultura fondamente machista e infanticida....
Nacer muller significa ter unha vida de sufrimento, submisión, pobreza, sacrificio e loita constante na maior parte do planeta.
Nacer muller na India, na China ou en Pakistán significa ser unha carga económica para a familia, que deberá pagar unha cantidade elevada de diñeiro á familia do home que a leve para casar.
Tanto nas zonas máis pobres como últimamente nas máis ricas, na India vénse practicando sistemáticamente a eliminación pola vía do infanticidio, das nenas nacidas; e pola vía do aborto selectivo, dos fetos femininos.
Hai que tratar de imaxinar a presión que deben ter que soportar as nais cando se ven obrigadas a matar ás súas propias fillas.
Penso en como a ciencia se pon á disposición dos asasinos, cando os ecógrafos revelan que o que ven é unha nena. Penso nos abortos selectivos practicados polos carniceiros locais.
A compañía ianqui General Electric vendeu tantas máquinas de ultrason para a India que agora as probas de ecografía para determinar o sexo do feto están dispoñíbles en moitas aldeas nas que non hai auga potable nin camiños asfaltados. A mesma compañía ten acordos cos bancos para axudarlles aos doutores indúes a financiar a compra de equipos de ultrason.
A ética desta compañía e a dos doutores que se prestan a tan macabro plan non ten calificativo posible.
Ante semellante panorama, o mellor que se lle ocorreu ao goberno indú é colocar berces nas rúas, para facilitar o abandono das nenas que lograron nacer. Mellor iso cá nada.
Anque,ben mirado, non teño claro que nacer a un mundo así non sexa máis unha desgracia cá unha sorte.

lunes, 14 de abril de 2008

"Zeitgeist"

Quixer recomendarvos a todos e todas este documental cuxo título en alemán significa "O espíritu gardián da era". Aínda que está feito por americanos e en inglés, neste link tédelo subtitulado en castelán, anque cabe dicir que a tradución deixa bastante que desexar. http://video.google.com/videoplay?docid=-7619379823675726232
Que de que vai?
Os que oístes falar da "teoría da conspiración" entenderédelo inmediatamente; trátase dun documento estructurado en tres partes. A primeira ocúpase de explicar como o Cristianismo está fundamentado en crenzas erróneas e como dende a súa aparición as clases dominantes o usaron para manexar e someter á poboación. Interesante pola información que proporciona sobre as bases astrolóxicas e mitolóxicas do Cristianismo.
A segunda parte céntrase nos atentados do 11 de setembro en Estados Unidos. Non farei ningún comentario, prefiro que saquedes as vosas conclusións unha vez o vexades. A terceira parte explica que as decisións estratéxicas nos Estados Unidos, e tamén noutros países, como no Reino Unido, en realidade nonas toman os políticos en función das necesidades do país, senón que dende a época da Independencia dos EEUU, as decisións máis importantes do país tómanas os banqueiros máis poderosos e os dirixentes das empresas armamentísticas en función dos seus intereses particulares. Pon exemplos como a entrada dos EEUU na Primeira Guerra Mundial, na Segunda Guerra Mundial, no Vietnam e recentemente Afganistán e no Iraque. Esta é para min a parte máis inquedante e tamén a máis reveladora.
En fin, convídovos a pórvos cómodos, desconectar do mundo ao redor e ver "Zeitgeist".

viernes, 11 de abril de 2008

"Tal como eramos"



Así eramos cando no meu pobo aínda se comía caldo a diario; cando polas tardes tocaba alindar as vacas mansas polos cómaros dos prados; cando os camiños estaban cheos de lama no inverno; cando había paredes de pedra separando as fincas , paredes nas que eu xogaba ás casas, ás cociñas, ás comidas... observada atentamente polos lagartos que vivían entre as pedras e saían tomar o sol. Así eramos cando mantiñamos a ilusión polas cousas pequenas e brillantes, polo Nadal, pola zorza da matanza, polas viaxes á cidade, polas reunións familiares.
Así eramos o meu primo e mais eu, asturiano el, galega eu, pequenos os dous.
Ollo esta foto e non deixo de sentir morriña por un tempo e unhas persoas xa idas. Trato de me recoñecer nesta imaxe borrosa mais nono consigo. Cecais nalgún recuncho do cerebro se gardan aínda todos os recordos dos tempos vividos tan atrás.