viernes, 11 de abril de 2008

"Tal como eramos"



Así eramos cando no meu pobo aínda se comía caldo a diario; cando polas tardes tocaba alindar as vacas mansas polos cómaros dos prados; cando os camiños estaban cheos de lama no inverno; cando había paredes de pedra separando as fincas , paredes nas que eu xogaba ás casas, ás cociñas, ás comidas... observada atentamente polos lagartos que vivían entre as pedras e saían tomar o sol. Así eramos cando mantiñamos a ilusión polas cousas pequenas e brillantes, polo Nadal, pola zorza da matanza, polas viaxes á cidade, polas reunións familiares.
Así eramos o meu primo e mais eu, asturiano el, galega eu, pequenos os dous.
Ollo esta foto e non deixo de sentir morriña por un tempo e unhas persoas xa idas. Trato de me recoñecer nesta imaxe borrosa mais nono consigo. Cecais nalgún recuncho do cerebro se gardan aínda todos os recordos dos tempos vividos tan atrás.

No hay comentarios: