lunes, 28 de abril de 2008

"Mátrix na miña casa"




Hoxe é un deses días nos que, en lugar de durmir a sesta logo de xantar, decidín "entrar en Mátrix", así que prendín "o televexo" e co mando a distancia fun percorrendo con excepticismo expectante (ao mellor desta vez botaban algo bo) as canles de emisión. Cheguei a Cuatro e parei. Botaban un programa no que se facía un "casting" para modelo. Vestidos de traxe de baño, os aspirantes ían pasando diante dos ollos críticos duns supostos expertos.

Os comentarios posteriores, o "feedback" que tiñan os participantes, non podía ser máis inquedante: "Non estás mal de cara, pero de corpo...", "Tés que ir máis ao ximnasio, porque ese corpo parece de brasileira", "Hai que arreglar eses dentes"...

A reacción por parte das infelices aspirantes a estrela parecíase máis a un acusado que admite ter cometido un delito cá outra cousa.

Tratábase de xente de 17 e 18 anos.
Parece que os responsábeis da programación da cadea "cuatro" fan todo o que poden para que neste país haxa cada vez máis enfermos e enfermas de anorexia; para que cada vez máis adolescentes caian vítimas das modas, das marcas; para que os valores humanos e éticos que prevalezan na mentalidade colectiva da xuventude teñan que ver coa estética, o cultivo ao corpo, a competitividade, e outras do estilo.
Grazas, señores e señoras da tele, por torpedear cada día cos seus contidos todo o que dende os colexos e dende os fogares tratamos de lles ensinar aos nosos rapaces e rapazas. O seu traballo de alienación non ten parangón e non nos deixa moita marxe de acción para contrarrestar valores tan altos como son os que vostedes andan a esparexer cos seus programas-lixo.

No hay comentarios: