Igual que as baleas procuran as augas atemperadas do Golfo de México para se reproduciren e logo migran cas súas crías cara ás augas máis frías e abundantes en comida, eu marcho ao Mediterráneo por idénticas razóns. E como non, por facer real aquilo de "Qué le voy a hacer si yoooo, nací en el Mediterráneo, nací en el Mediterráneo", que Serrat cantaba con tanta gracia.
Preguntarédesvos cal é a razón desta miña identificación cos mamíferos mariños e con Serrat...
Na realidade non se trata dunha cousa nin da outra, senón de todo o contrario: o sistema de partos que hai establecido na rede de hospitais, sexan estes públicos ou privados, espántame tanto que fuxo despavorida cara ao único hospital deste país onde unha muller e a súa cría poden ter un parto e un nacemento, respectivamente, digno , sen violencia e humanizado : o hospital Acuario, en Beniarbeig, Alicante.
Quen non teña información ou curiosidade sobre como se pare neste país, nada saberá do tema, mais abonda con dicir que está intervido innecesariamente de principio a fin, que hai un escandaloso número de cesáreas innecesarias, que muller e cría son tratados como se se tratase da produción en cadea dalgún produto e que parto e nacemento están postos ao servizo dos xinecólogos, ao igual que as instalacións nas que se producen, para nada pensadas nos protagonistas senón na comodidade dos "profisionais".
Como eu son obxectora absolutamente a este sistema, véxome obrigada, por vez terceira, a migrar na procura de algo de comprensión, apoio e bo trato para traer ao mundo a unha muller máis, coa dignidade que o feito en si merece.
Así que, o dito, vémonos á volta, o ano que ven!
Bo Natal e boa entrada no ano novo!
Apertas.