jueves, 24 de enero de 2013

"Nunca me fun!"

Volvo, anque sempre estiven...nunca marchei. A roda maldita do tempo xira rápida demais para min e non consigo espazo para escribir, transformando en cousa material e tanxible a materia dos meus pensamentos e reflexións. Cousa sen importancia , sen dúbida: hai moito quen escriba e moitos blogues no etéreo mundo da rede; mais para min é mesmo preocupante, porque deixo pouco a pouco de facer o que fixen dende que era unha nena de curta idade: escribir.
 
Escribo a diario, claro: programo as aulas da semana, anoto as ausencias deste ou daquel alumno, fago informes amosando a miña preocupación por este ou aquel neno que ven sen durmir, sen almorzar, sen lavar... que sei eu...
 
Pero non é o mesmo. Cando fico a soas conmigo mesma, que case é nunca, volve a necesidade de escribir , que sublimo lendo, que é máis accesible, inmediato, non precisas máis medios que un bo libro. Ademais, hai tanto que ler!!! Ou reler!!!
 
Falando diso, de ler: levo unha tempada grande a ler sobre a nosa historia, a real e a fabulada. Sigo co máximo interese novas do ámbito da arqueoloxía, das descubertas históricas...
Onte mesmo: disfrutei coa nova do achado do testamento de Pardo de Cela. Tantos anos almaceado, alí, en Valladolid, sen ninguén saber del...
Pero o libro que máis veces abro, o que máis me enche, titúlase Morte de Rei, e é a historia do que puido ser e non é. Por veces, ata deixo que algunhas bágoas me queimen, fazulas abaixo. E é que a historia dun idealizado Rei Don García, bo e xeneroso, escrita con tanta sabedoría polo escritor chairego Darío Xohán Cabanas (nome sonoro onde os haxa), é marabillosa, por varios motivos. Un deles: o galego da miña terra, que tanto boto de menos... Dos demais xa falarei noutra ocasión, xa que un libro así merece post completo.
 
A outra forma de consolarme e fuxir da roda implacable do tempo: a montaña, o Courel. Del podería dicir algo parecido ó desexo que Alberti puxo en forma de versos, mais no meu caso, xusto ó revés: "Se  a miña voz chega a morrer ó nivel do mar..." O resto xa o sabedes. Déixovos a marabillosa foto coa que a miña amada montaña me agasallou fai menos de quince días.
 
O que dixen: volvo, anque sempre estiven... nunca marchei.