A opresión do mundo ao seu redor acentuábase cando miraba ao ceo. A nena movíase con rapidez naquel mundo frío ao que fora parida e raramente permanecía moito tempo en campo aberto. Non contaba con moitos aliados: tan só os cans e os gatos vagabundos parecían tolerar e mesmo aceptar a súa presencia. A friaxe do vento e da chuvia eran o único permanente, a única seguridade: mesmo acompañaban as horas do tempo entrecortado de sono que se podía permitir. A procura do calor e do acubillo fronte á lacerante friaxe da auga era o obxectivos de cada un dos seus miserables días.
O outro obxectivo era a simple supervivencia. A nena aventurábase fóra dos seus refuxios á procura de comida, tratando de non mirar ao ceo, anque eran moitas as ocasións en que non era quen de fuxir da tentación e entón ficaba prendida da imaxe debuxada na nube: o preciosismo dos caramelos e das piruletas, das boliñas de chocolate negro e branco, dos froitos secos garrapiñados, cautivaba os seus ollos soñadores e puña o doce do azucre na súa boca, cuxa lingua nadaba en saliba. De repente, aquela imaxe marabillosa tornábase no espanto das vísceras quentes e fumeantes, que se retorcían ensanguentadas e pestilentes onde antes estiveran os luxuriosos chuches. Correr, entón, xa non era dabondo para librarse dun ataque seguro, proveniente da mesma nube, que, disposta a aniquilar, a destruír, a matar, precipitábase ao chan en forma de avalancha de neve branca. Correr, entón, na dirección equivocada, supuña correr cara á morte segura. A nena sabía que naquel mundo hostil en guerra permanente, máis importante era correr na dirección axeitada. Por iso, inmóbil e horrorizada, aguantaba aínda uns segundos máis vixiando a horrenda imaxe para predecir o lugar aproximado sobre o que se precipitaría, asasina.
Por iso tiña pensamentos de eufórica victoria cada día que pasaba sen sucumbir á tentación de mirar ao ceo. Era un día máis de vida. Se só conseguise fuxir daquela sensación de frío...
No hay comentarios:
Publicar un comentario