Ven a min aquela nena solitaria que xogaba a ser candidata e facía campañas, con mítins e pegada de cartaces que incluían a petición de voto, "Vota E.T.". rezaban, escrito o lema co azul do boli Bic sobre a cortiza do loureiro no que finalmente quedarían cravados cos cravos roubados ao pai. Agradecía, con grande entusiasmo, a asistencia ós seus mítins por parte da xente, que resultaba ser os cueiros das coles da horta, altos e esbeltos, que sempre tiñan algunha folla baixa, perfecta para un forte apretón agradecido de mans. O ar abaneaba as follas enormes dos posibles votantes, e a nena entón escoitaba aplausos enfervorizados, e sentíase importante, poderosa, querida. A nena prometía cambios e a horta enteira aplaudía rabiosamente. Eran os tempos da chamada "Transición" neste país, e dela falábase ata no último e máis perdido recuncho do país. A nena comprendeu xa entón a erótica e a mecánica do poder.
Hoxe non fai campaña.
"En la infancia vivimos y después sobrevivimos" (Leopoldo Mª Panero)
No hay comentarios:
Publicar un comentario