Por fin Obama comezou a reinar!!! Xa me tardaba, máis que nada para poder ver como cambian de rumo as políticas do goberno norteamericano. Agardamos moitos escépticos -eu sono por natureza- por eses grandes cambios prometidos. Agardamos a ver como muda a situación de discriminación e pobreza dos negros norteamericanos, e dos latinos, que tamén votaron maioritariamente a Obama (quizais ven na súa cor algo "familiar", no que se ven reflexados). E conmovedor que aínda haxa pobos coma o dos Estados Unidos, tan puerís, que se emocionan ata as bágoas cos grandilocuentes discursos dos seus dirixentes; parece que se lles inche o peito ao oír as palabras máxicas!!! Por iso o discurso de toma de posesión de Obama inclúe todas as fórmulas que, xuntas, conxuran iso que se chama o "espíritu nacional" dos americanos. Realmente sinten que están chamados a ser os fachos do mundo, iluminadores do camiño da paz, da democracia, da igualdade... e realmente, nesa ensoñación mesiánica, síntense lexitimados para tratar de "convencer" ao resto de países do mundo de que o seu sistema é o único e o mellor.
Que paradoxo!!! Se todos tivesemos o nivel cultural medio dos votantes norteamericanos e o cerebro a metade de erosionado, entón si que nos emocionariamos co discurso de Obama; entón si que compartiriamos o seu xúbilo! Pero para iso habería que borrar a historia recente e mudar capítulos enteiros dos manuais universitarios de Historia Contemporánea: todos os referidos aos sanguentos golpes de estado militares do sur do continente americano, e tamén todos os referidos á violencia en Oriente Próximo, e ao ilexítimo intervencionismo político e económico para desestabilizar países de todos os continentes. Teriamos, igualmente, que borrar dun plumazo e para sempre a infame memoria do que supuxo e supón a ocupación militar a sangue e fogo de Afganistán e de Irak... En fin, teriamos que mudar a Historia, e iso é imposible.
Por iso, para nós, os que non cremos nin queremos ese modelo de Imperio nin ao seu emperador, tería que producirse un milagro histórico para que só a cor da pel dunha persoa merecese algo máis que un interese anecdótico.
1 comentario:
Olá. Tens um prémio no meu blog para ti.
Publicar un comentario