No meu colexo andamos enlouquecidos estes días coa necesidade de preparar actividades para celebrar o ditoso día da paz na escola, cos rapaces. A fotocopiadora xa bota fume de tanto imprimir diferentes modelos de pombiñas da paz, de símbolos da paz, de fotos de Ghandi, de Luther King, de Nelson Mandela...
Tamén fixemos unhas árbores de cartón, cuxas follas levarán escritas sendas mensaxes de paz. Plantarémolas simbólicamente no patio do colexo o vindeiro venres, sesenta aniversario do asasinato de Ghandi, ao ritmo dunha canción de Antonio Flores, cantada pola irmá...
Así é como preparamos para ser uns adultos de paz ás novas xeracións, así que eu non tería moitas esperanzas, xa que, en xeral, con toda a cantidade de contidos que contempla o currículo oficial, á paz tócalle somentes un día ao ano. Por iso, fartos como estamos desta "carreira contra o tempo", por ver se somos capaces de dar os 17 temas de cada unha das materias nas tres avaliacións, e que ninguén se queixe -pais, consellería, compañeiros-, terse que pór agora a debuxar pombiñas con ramallos de oliveira no peteiro, é o que nos faltaba.
No hay comentarios:
Publicar un comentario