viernes, 2 de enero de 2009

"Investir en plástico"


O da imaxe é unha das criaturas pertencentes a unha simpática colección de animalciños que se vende a tres euros a unidade. Tendo en conta que este minino cabezón non pasa dos dez centímetros de altura, que é de plástico e que non trae ningún extra a maiores dun pequeno imán xusto onde debería ter o final do intestino, pódese dicir que se trata dun brinquedo de luxo. Se viñer acompañado dalgún accesorio, e estou a pensar nun pequeno peite de medio centímetro de longo, mango incluído, ou dunha cunquiña para lle pór o leite, ou dun colarciño de brillantes, entón o prezo xa sobe ós dez euros. E é que a cada un destes onerosos personaxes correspóndelles por dereito algún accesorio que conforma o seu axuar particular. Hai que saber que existe un catálogo desplegábel no que se describen todas os complementos que lle corresponden a cada un, así como tamén se amosan as distintas casas, ximnasios, clubes sociais, consultorios veterinarios, etc postos ao servizo do benestar dos animalciños. Ninguén poderá, por tanto, alegar ignorancia se deixar a algún destes animais de estimación sen algunha das súas lexítimas pertenzas. Nun mundo xusto, igualitario, cada unha destas mascotiñas debe contar con todos os medios posibles, así que todos os esforzos por dotar a cadaquén de cadansúa pertenza, son encomiables.

Así vamos dotando á "comunidade" de medios e recursos, sen deixar a ninguén, con cobertura universal. A este paso seremos posuidores dunha pequena fortuna invertida en plástico, que, quen sabe, ao mellor unha vez fundido nos pode sacar dun apuro...



4 comentarios:

tyrion dijo...

non me fagas sentir culpabel, no meu tempo eran os madelman...

Proida dijo...

Compañeiro, polo que te deberías sentirte culpábel é polo feos e belicosos que eran os brinquedos cos que xogabas no teu tempo. Estes, polo menos, son doces e inofensivos; teñen esa expresión de candidez daquel que non vive neste mundo de carne e óso. Por iso é unha boa inversión.

tyrion dijo...

erache cousa da "guerra fria".

Proida dijo...

Ai, que saudades daquel tempo no que o mundo era, coma Raquel Mosquera, bi-polar. Daquela si que sabiamos a que aternos: ou eras cara ou eras cruz. Agora un xa nin sabe onde é que se agocha o inimigo!!! Agora mesmo non se sabe quen é o inimigo!!! Estará agochado naquelas covas de Tora Bora? Estará nalgún despacho da White House? ou no Pazo do Hórreo?
Que confusao senhor!!!