domingo, 1 de febrero de 2009

"A normativa da Lingua Galega: cambios houbo, pero non tantos"


Tendo en conta que o galego estivo perseguido durante toda a ditadura, lóxicamente houbo moito que facer para dotalo dunha normativa o máis rigorosa posible. Hai quen, apoiándose nunha suposta constante mutabilidade das normas ortográficas da nosa lingua, reaxe usando o castelán e rexeitando falar e escribir en galego. En realidade, anque as normas nunca tiveran cambiado, esa xente nunca se comunicaría en galego, pois pouco pode influír a decisión duns académicos da lingua en quen verdadeiramente é un firme defensor dela. Na Wikipedia cóntase así como foi o proceso, e, lendo o artigo, veredes como é falso aquilo de "están cambiando as normas cada pouco tempo e así non hai quen se entere".


A primeira normativa oficial
O
3 de xullo de 1982, a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) aprobaron en sesión conxunta as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG). En abril de 1983, a Xunta publicou o Decreto de Normativización da Lingua Galega (coñecido como "Decreto Filgueira"), que consagraba estas normas como modelo para a escrita da lingua galega.
En
1990 a RAG e o ILG publicaron o Diccionario da Lingua Galega, con 12.000 entradas, que constituía así a normativa sobre o léxico (as Normas só tratan da ortografía e a morfoloxía).
En
1995 modificáronse parcialmente as NOMIG: a proposta do Consello Científico do ILG (11 de novembro de 1994), o Plenario da RAG ratificou estas lixeiras modificacións o 25 de febreiro de 1995. O novo texto publicouse en maio, e tivo valor inmediato, sen precisar de aprobación por parte do goberno galego, que foi simplemente informado.
A nova edición do Diccionario da RAG de
1997 contiña 25.000 entradas.

A reforma de 2003
En
2001 iniciouse un proceso de negociación entre os departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Lingua Galega e diferentes asociacións. O obxectivo era a unificación de dúas das tres diferentes normativas –e posturas– sobre o galego existentes: a normativa “oficial”, aprobada polo Instituto da Lingua Galega, o reintegracionismo –partidario da unificación ortográfica co portugués–, e o reintegracionismo de mínimos, unha fórmula intermedia entre as dúas defendida por varias outras asociacións. Este grupo de entidades presentoulle unha proposta á Academia.
A Academia discutiuna en novembro do 2001, aínda baixo a presidencia de
Francisco Fernández del Riego. Foi un debate difícil que rematou cunha votación con resultado de once votos en contra da mudanza, dúas abstencións e sete votos a favor, aínda que ninguén nese momento deu o asunto por pechado. A decisión foi polémica no seu momento e transcendeu ao ámbito dos investigadores e filólogos. O 30 de setembro do 2002, a Real Academia decidiu reabrir o debate, aínda que desde o interior da institución. O novo presidente era Xosé Ramón Barreiro, que se comprometera a conducir a reforma ao ocupar o cargo. A proposta finalmente aprobada pola RAG non coincide ao cento por cento coa presentada dous anos antes, xa que algúns dos puntos non se aceptaron na súa integridade, baixo a acusación máis ou menos velada dunha certa deriva lusista.
Mudanzas na norma
Texto íntegro das mudanzas: Arquivo PDF (R.A.G.)
Síntese das reformas na norma da lingua galega, aprobadas en 2003 pola R.A.G.
Preferencia de ao sobre ó: Ao mellor, fágoo.
Admítese plenamente a terminación –bel / -beis (amábel, amábeis).
Só é obrigatorio o uso da segunda forma do artigo coa preposición por (Vou polo camiño) e co adverbio interrogativo u (U-los óculos?).
Os signos de interrogación e admiración só son obrigatorios ao final do enunciado: Dimo! Por que non mo dis?
Preferencia do sufixo –aría sobre –ería: Consellaría, libraría.
Galiza é recoñecida tamén como nome da nación, xunto a Galicia.
Nos grupos consonánticos cc e ct, suprímese a consoante que segue as vogais i e u (produto, conflito).
Elimínanse esto, eso e aquelo e considéranse como únicas normativas isto, iso e aquilo.
Recoñécense como plenamente admisíbeis os adverbios aquén e alén, o relativo cuxo, as preposicións e locucións a respecto de, após, até e canto a, e as conxuncións e locucións adversativas no entanto e porén.
Terminan en -zo / -za as palabras diferenza, espazo, estanza (‘estrofa’), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, sentenza, servizo e terzo.
OUTRAS MUDANZAS A SALIENTAR:
Pasan a se considerar normativas as formas estudar / estudante, puberdade, reitor (cos seus derivados reitoría, reitoral), seita e vogal.
Prescríbese a acentuación esdrúxula das P4 e P5 dos pretéritos de subxuntivo: andásemos e andásedes, non *andasemos e *andasedes.
Elimínanse triple e cuádruple, por triplo / tripla e cuádruplo / cuádrupla.
Admítense formas duplas do tipo establecer / estabelecer e ouvir / oír.
A letra <> pasa a chamarse “que” e os dígrafos <>, <> e <> pasa a ser “que hache”, “ele duplo” ou “ele dobre” e “que u”.
Terminan en –u os seguintes substantivos: bacallau, pau; chapeu, romeu, xubileu.
Terminan en -o: tribo e ímpeto.
Acomódanse ao esquema irmán (masculino) / irmá (feminino) as seguintes palabras: afgán, alazán, alemán, barregán, bosquimán, capitán, catalán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sancristán, sultán e truán.
Admítense as variantes locais –ao / -á e –án / -án nos xentilicios correspondentes (burelao / burelá, muradán / muradán…). A terminación –án / -ana fica así reservada para caracterizadores pexorativos (bocalán…).
O esquema –ón / -ona fica reservado para formacións aumentativas (homón, mullerona…) e para deverbais pexorativos (abusón, abusona…). Nos demais casos, -ón / -oa (anfitrión / anfitrioa, león / leoa…).
Limítase a acentuación de interrogativos que introducen interrogativas indirectas a aqueles casos en que é necesaria para evitar anfiboloxías. P. ex., Dime como o fixeches.
Fíxanse as seguintes aglutinacións: acotío, amodo, apenas, decontado, decotío, deseguido, devagar, enseguida, talvez.
Elimínanse as conxuncións entonces, anque, nembargantes e sen embargo.
O apóstrofo pode utilizarse para respectar títulos de obras ou cabeceiras de publicacións: Lino n’A Nosa Terra.
Deglutínanse os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e dous, vinte e dúas…

2 comentarios:

Anónimo dijo...

http://ivancarrera.blogaliza.org/2009/01/25/grazas-non/

Proida dijo...

Razón levas, non direi eu que o "grazas" me sae da alma... Mais tampouco me sae "cadeira", senón "silla", nin "colo", senón "cuello"... Vou tratando de falar e de escribir cada vez mellor, segundo a norma que elaborou quen ten os coñecementos para facelo. Se non podo fiarme da Real Academia Galega, de quen me hei fiar?