Decepción absoluta: iso é o que son estes tres indivíduos e os seus partidos políticos para unha boa parte da cidadanía, que non se sente representada en absoluto nin polas persoas nin polos programas. Este noso país polo visto non é quen de xenerar líderes políticos serios, con programas electorais que realmente propoñan un cambio económico e social que sexa factible, que implique a todos e que sexa asumido por todos. As persoas máis válidas, que traballan dende o mundo da universidade, ou da empresa, ou doutros sectores económicos e sociais, esas, fuxen dos partidos políticos coma do lume, por algo será. A pena é que de non producirse unha reacción por parte dos que son conscientes da desfeita, esta será moito maior.
Certa sensación de desacougo é tamén normal, xa que agora que comezábamos a lle pillar o tranquillo ao bipartito, chega esa lumbreira da política chamada Feijoó e quen sabe o que pode dar de sí semellante presidente... Mais iso non é o peor: o peor é que Quintana afirma que a política que seguirá facendo na oposición o BNG é a mesma que estiveron a facer estes catro anos no goberno... se isto é así, mellor que se vaia para a súa casa. Se o BNG non vai facer unha boa oposición, que é o que sabe facer mellor, entón apaga e vámonos.
E agora que? Mudaremos o Decreto do galego no ensino? Pecharemos as galescolas? Desfarémonos nos audis blindados e dos mobres do despacho de Touriño?
Por simple empatía, hoxe é unha noite de certa tristeza para min, xa que a dereita galega é das máis rancias e reaccionarias do Estado, mais tamén é certo que o goberno que tivemos estes catro anos non merecía renovarse.
Por certo, eu non voto: cando a democracia pasa só por selo formalmente, entón deixa de ter sentido ir votar.
2 comentarios:
o de mudar o decreto, ou pechar as galescolas... é consecuencia de facer políticas sen o mais mínimo consenso, e de confundir chegar a tocar poder co "agora tócame a min".
Xa o comentamos mais veces, se fas esa política entón todo é coma un péndulo, agora ti, agora eu...
Si Tyrion, mais a realidade é a que é e non a que Corina Porro, Núñez Feijoó e mesmo Rosa Díez queren facernos crer que é. Falo do tema do ensino en galego. Como se nota que, como pais e nais, non entraron nunca da porta para dentro das escolas. Como se nota que non teñen unha idea real do que alí dentro acontece. Unha mentira repetida milleiros de veces non deixa de ser iso: unha mentira.
Derogar agora o decreto que trata, con toda xustiza, de evitar a perda da nosa lingua gracias aos prexuízos que sobre ela espallan a diario persoeiros coma os que nomeei máis arriba, é un atentado, con todas as letras, contra o sistema educativo, contra pais e nais, e sobre todo, contra os nenos e nenas desta terra, a quen se lles quer impedir adquirir o que por lei é deles e o que ata o día de hoxe, con moitas dificultades, chegou a nós. O complexo de inferioridade social, económico e cultural é aínda brutal, quéiralo recoñecer ou non.
Se por xente desta ideoloxía fora, Galicia sería unha copia das Pardelas en materia lingüística, e iso, por suposto, utilizando tramposa e malévolamente as palabras, para dicir que cada un escolleu o que quixo.
Sabes que neste tema discrepamos fondamente, e, anque teño as túas opinións en grande estima e consideración, opino que o Decreto non pode nin debe ser tocado.
Publicar un comentario