viernes, 1 de febrero de 2008

O animal que son



O animal que hai en min ás veces adícase á reflexión "o estilo humano" e é tanto o peso da conciencia sobre a realidade que se volve meter dentro e adormece por un tempo. Fai tempo que acordou consigo mesmo cinguirse exclusivamente ao seu momento evolutivo e concentrarse na reprodución, pero aínda así, de cando en vez mira aor redor con ollos curiosos e inquisitivos.

Teño para min que vivir a animalidade que temos reprimida resultaría en sociedades menos enfermas, anque non sei se menos violentas. A violencia é unha característica dos humanos e outros animais, que demostramos cada vez que temos oportunidade, así que quizais anceiar un mundo en paz non deixa de ser unha utopía. Padecemos a violencia todos dende o mesmo momento de nacer e incluso antes. Claro que a violencia ten graos e é distinta a que padezo ou exerzo eu no meu entorno cá que padecen e exercen outras persoas noutros lugares e noutros entornos.

Entón, a miña dúbida está en saber que nos fará ser máis felices e vivir máis satisfeitos: potenciar a nosa naturalidade-animalidade ou desenvolver a nosa parte máis humana, máis convencional, chea de reglas, de represións, de estratexias. Pero, como vos dicía antes, vou dando pasos naquel proceso evolutivo de "nace, medra, reprodúcese e morre". Cando chegue á parte final quizais xa teña elaborada algunhas respostas. Claro que será tarde...

No hay comentarios: