miércoles, 26 de marzo de 2008

"Depredadores entre nós"

Escoito no telediario que o asasino da meniña de Huelva, de Mari Luz, foi detido. Vivía no mesmo barrio, alí perto da casa da nena. Desapareceu, xunto ca súa muller, o mesmo día que desapareceu a nena. Ten antecedentes de pederastia e a tutela da súa filla retirada por abuso sobre ela, encuberto pola propia nai...
un monstruo, en definitiva. Un horrible monstruo que é preciso apartar de entre nós.
Dende que son nai fíxenme consciente de que os depredadores viven entre nós, camuflados de xente normal, agardando a que a vítima se achegue.
O máis fráxil que temos, os nosos nenos e nenas, son o obxectivo destes seres repugnantes. Desgraciadamente, a nena Mari Luz deu con un. Ogallá toda a dor do mundo concentrada se cebe neste asasino e ogallá se pudra na escuridade da cadea.

martes, 25 de marzo de 2008

"Funcionarios do Imperio"



Ti chegas á xanela correspondente xa cos teus documentos previamente reunidos, contados, recontados e ao presentarllos ó funcionario recebes o primeiro aviso: "Hai que traer sempre as copias feitas!" Miras inutilmente ao teu redor por ver se é posíbel localizar unha fotocopiadora e volves mirar ó funcionario con cara de can apaleado. Entón espétache:" Aquí non facemos fotocopias, é así en todos os lados!"

Éntranche ganas de ir ao excusado; o funcionario nótao: "Hai que vir mexados da casa!"

Entón reventas e explícaslle o moito que che importa o procedemento administrativo, fálaslle do que significou a fotocopiadora como invento revolucionario, dos anos que hai que se inventou. Dislle que ti non tes unha na casa: non acostumas a facer moitas fotocopias. Pero non lle ocultas ao funcionario que agardabas que houbese un destes aparatos para ti poderes copiar os documentos...

Decides marchar. Volverás outro día, cas fotocopias feitas. Recoméndaslle ao funcionario comer moitos máis alimentos con fibra...

... e vir cagado da casa.

sábado, 22 de marzo de 2008

"Esquizofrenia Lingüística"


Nunha reportaxe emitida pola TVG e que leva por título "Fronteiras; os argumentos do isolacionismo", e que podedes visualizar aquí http://video.google.es/videoplay?docid=8384521364641041210 , Xosé Manuel Beiras, dirixente histórico do Bloque Nacionalista Galego, dicía que de seguiren así as cousas en materia lingüística, a mellor solución sería vir para esta beira na que estou eu e instalarse aquí, gozando de toda a protección legal que ten a lingua deste lado portugués.

Claro que el partía da idea de que galego e portugués pertencen ao mesmo sistema lingüístico, o da Lusofonía, e de que en Portugal disfruta dun estatus que xa quixer o galego para si na Galiza.

Ben, neste aspecto téñolle que dicir ao Señor Beiras que eu xa lle tomei a dianteira en levar adiante esa súa "solución final" e que cando por fin acorde vir, non deixe de parar a xantar na "Casa das Velhas". Dende alí poderá ollar a patria tantas veces defendida ao tempo que degusta algunha das especialidades da casa.

O caso da nosa lingua é o dunha esquizofrenia colectiva, como a RTP portuguesa o definiu nesta reportaxe http://es.youtube.com/watch?v=OJMrULZb850 e non leva trazas de mellorar senón que, pola contra, mentras uns e outros se enfrontan irreconciliablemente nunha batalla de normativas, o castelán avanza imparablemente, ferindo mortalmente á lingua que herdamos dos nosos devanceiros.

Galegos esquizofrénicos dende o punto de vista da identidade andan a tirar proveito da situación política estatal para axudar a afundir máis ainda ao galego, é dicir, a si mesmos. Déixovos un enlace a un video que alguén se molestou en facer para amosar quen son en realidade os voceiros públicos desta asociación http://es.youtube.com/watch?v=QC6dZ642qx4

Dende esta beira, a miña posición fica clara e vai no senso de asumir plenamente a lingua portuguesa como propia e como a que herdarán os meus fillos.

Para os que quedastes da outra banda, penso que o mellor é que tendades aínda máis pontes cara acó.

miércoles, 19 de marzo de 2008

"Feministas mouras, feministas brancas"


Esta muller chámase Ellen Johnson Sirleaf, e é a presidenta de Liberia, dende o 2005. Escollida democráticamente, esta muller estudou en Harvard, traballou para a ONU, para o Banco Mundial e para o Citibank.
Con ese historial, unha de dúas: ou ten moitas gañas de contribuír ao progreso do seu país, ou pensou que sería unha boa maneira de se retirar, lonxe do ruído do primeiro mundo. Sexa como for, o feito en si xa é revolucionario nun continente onde a falta total de dereitos das mulleres é a norma en case todos os países.
Non creo necesario facer unha descrición da situación das mulleres nestes países, pero si quixer homenaxear a aquelas que xa comezan a se revelar contra a súa sorte, a organizarse en grupos para se apoiar, para se defender do poder absoluto dos homes.
Teño para min que se as mulleres avanzásemos polo camiño axeitado seriamos capaces de dirixir as sociedades e éstas serían moito máis xustas, máis igualitarias, máis pacíficas e máis prósperas. Para iso fai falta tomarmos conciencia das nosas capacidades de esforzo, sacrificio, organización, eficacia e perseverancia, que en moitos casos son máis acusadas en nós cá nos nosos compañeiros de viaxe.
Claro que neste proceso non hai que sacrificarmos aquilo que nos fai así e que penso eu que é a capacidade de dar vida.
Destoutro lado do mundo, cada vez que escoito as propostas das nosas poucas dirixentes, non deixo de asombrarme, xa que pasan por sacrificar precisamente aos nosos fillos: entregalos ás garderías pouco máis tarde de naceren, para así poder ficar libres e construír a "sociedade da igualdade"...
Este xeito de acadar a igualdade é castrante para nós mesmas e o que é peor, para os nosos fillos.
Moi avergoñada estou daquelas mulleres que están en postos de responsabilidade de todos os ámbitos e que contribúen a que isto sexa así. Mal por mal, que máis me da quen me prive dos meus dereitos e dos dos meus fillos?
O poder patriarcal atopou en nós unhas eficaces colaboradoras, unhas produtoras de primeira orde, agora que consegueu incorporarnos á febril roda produtiva que é este sistema económico no que os que máis se benefician son eles.
Xa lles gustaría a todas as que se chaman "feministas" seren a metade de femininas e de mulleres cá aquelas viúvas ruandesas que se reúnen para se apoiaren mutuamente e convencérense de que non son propiedade privada de ningún home...