Esta muller chámase Ellen Johnson Sirleaf, e é a presidenta de Liberia, dende o 2005. Escollida democráticamente, esta muller estudou en Harvard, traballou para a ONU, para o Banco Mundial e para o Citibank.
Con ese historial, unha de dúas: ou ten moitas gañas de contribuír ao progreso do seu país, ou pensou que sería unha boa maneira de se retirar, lonxe do ruído do primeiro mundo. Sexa como for, o feito en si xa é revolucionario nun continente onde a falta total de dereitos das mulleres é a norma en case todos os países.
Non creo necesario facer unha descrición da situación das mulleres nestes países, pero si quixer homenaxear a aquelas que xa comezan a se revelar contra a súa sorte, a organizarse en grupos para se apoiar, para se defender do poder absoluto dos homes.
Teño para min que se as mulleres avanzásemos polo camiño axeitado seriamos capaces de dirixir as sociedades e éstas serían moito máis xustas, máis igualitarias, máis pacíficas e máis prósperas. Para iso fai falta tomarmos conciencia das nosas capacidades de esforzo, sacrificio, organización, eficacia e perseverancia, que en moitos casos son máis acusadas en nós cá nos nosos compañeiros de viaxe.
Claro que neste proceso non hai que sacrificarmos aquilo que nos fai así e que penso eu que é a capacidade de dar vida.
Destoutro lado do mundo, cada vez que escoito as propostas das nosas poucas dirixentes, non deixo de asombrarme, xa que pasan por sacrificar precisamente aos nosos fillos: entregalos ás garderías pouco máis tarde de naceren, para así poder ficar libres e construír a "sociedade da igualdade"...
Este xeito de acadar a igualdade é castrante para nós mesmas e o que é peor, para os nosos fillos.
Moi avergoñada estou daquelas mulleres que están en postos de responsabilidade de todos os ámbitos e que contribúen a que isto sexa así. Mal por mal, que máis me da quen me prive dos meus dereitos e dos dos meus fillos?
O poder patriarcal atopou en nós unhas eficaces colaboradoras, unhas produtoras de primeira orde, agora que consegueu incorporarnos á febril roda produtiva que é este sistema económico no que os que máis se benefician son eles.
Xa lles gustaría a todas as que se chaman "feministas" seren a metade de femininas e de mulleres cá aquelas viúvas ruandesas que se reúnen para se apoiaren mutuamente e convencérense de que non son propiedade privada de ningún home...
No hay comentarios:
Publicar un comentario