Mirádeo ben: é Ulrich Sulchz, de nome artístico Oliver Shanty. Consumidor habitual de "recaptadores de serotonina"( prozac, seroxat...), deixábase ver polas farmacias de Tui non sen chamar a atención polo seu aspecto de hippie moderno. Non se sabe que outros propósitos o levaban a sitios como Tui ou Vigo, á parte da proximidade destes lugares á vila na que decidiu asentarse: Vila Nova de Cerveira, a Vila das Artes, vila de cervos á que este "artista" patrocinou á maneira dun mecenas moderno, agasallando ó grupo local de bombeiros con varios camións ou agradecéndolle á Cámara Municipal a súa concesión de Medalla ao Mérito cunha fermosa estatua dun cervo, que adorna unha das zonas públicas próximas á propia Cámara.
Por dúas décadas este delincuente buscado pola policía de toda Europa, estivo afincado en Cerveira, nas ladeiras de Loivo nas que mercou dúas quintas. Sen se esconder, senón vivindo coma un cerveirense máis, anque incapaz de falar portugués, foi que o pederasta acusado de máis dun centenar de abusos a menores, se converteu nun homenaxeado cidadán, con medalla incluída.
Un non pode menos que reflexionar sobre como os depredadores se moven entre as presas coa máis grande impunidade. Non son quen de entender como este personaxe repugnante tivo a posibilidade de vivir plácidamente ollando as vistas fermosísimas da desembocadura do Río Miño por máis de vinte anos. Como é posible que ninguén sospeitase do tipo de vida que levou aquí todo este tempo? Como é posible que fose quen de trasladar a súa secta a Cerveira e ninguén se dése conta? Como é que un pode escoitar a súa música en internet, mercar os seus discos, financiar a un delincuente?
Por primeira vez síntome algo inqueda desta beira; agardo que con el caian todos os que coma el buscan o pracer na destrución da infancia allea e Cerveira quede limpa de pederastas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario