lunes, 26 de enero de 2009

"Morro polo seu ollar" ( para Mónica)


Vino no medio da estrada, enorme, impoñente. Miraba para min fixamente, con certa familiaridade e mesmo certa mansedume. Esquecín de inmediato o propósito da miña carreira e fiquei paralisada, os seus ollos nos meus. Obediente, avancei cara a el e a súa silueta era meirande a cada paso.
A súa sombra xa me tapaba completamente, e obrouse a maxia.

O cervo desapareceu, esvaíuse sen máis. Non sabería dicir como nin cando, mais xa non estaba.

Aínda non acordara completamente da miña ensoñación cando ao meu carón, pousado no asfalto da estrada, apareceu aquel bebé branquísimo, envolto nunha mantiña.

Era para min, sóubeno de inmediato. Recoñecín un non sei que familiar nos seus ollos, de mirada tranquila e confiada, pero intensa. Abraceino contra o meu peito, moi firmemente, e collín o camiño da casa. Cheguei abafando, coa perpexía de lle amosar o bebé á miña nai. Berrei insistentemente por ela: "mamá!"," mamá!"e apareceu, alertada polo meu ton urxente.

Ficou quieta, mirando longamente a escea, sen atreverse a dar un paso na miña dirección. A súa expresión non era exactamente de estraneza, nin de sorpresa, senón outra distinta: mirábanos coma quen está a ter un "deja vú".
Achegueime eu e amoseille a criatura.

-" Este bebé non é humano, e sabes que non será teu. Medrará e recobrará a súa apariencia orixinal. Déixao onde o atopaches e renuncia a este soño".

As súas palabras bateron en min coma o máis duro dos paus. A espiral en barrena na que se precipitaron os meus pensamentos debeu facer que perdese o sentido. O caso é que cando quixen abrazar máis forte ao meu bebé, atopei só o vacío dos trapos nos que estivera envolto.

De cando en vez, e dende entón, o enorme cervo branco párase no medio da estrada e olla para min brevemente. Logo segue o seu camiño e desaparece. Eu vou todas as tardes agardar por el, e non sempre teño a sorte de atopalo. Morro polo seu ollar e soño que algún día voltarei a sostelo en brazos para abrazalo tenramente.

No hay comentarios: